968 [= Tav 63,38]
Meu senhor rei de Castela

Meu senhor rei de Castela,
venho-me-vos querelar:
eu amei ũa donzela
por que m’ouvistes trobar;
e con quen se foi casar,
por quant’eu dela ben dixi,
quer-m’ora por én matar.
Fiador pera dereito
lhi quix per ante vós dar;
el ouve de min despeito
e mandou-me desafiar;
non lh’ousei ala morar:
venh’a vós que m’emparedes,
ca non ei quen m’emparar.
Senhor, por Santa Maria,
mandad’ante vós chamar
ela e min algun dia,
mandade-nos razõar:
se s’ela de min queixar
de nulha ren que dissesse,
en sa prison quer’entrar.
Se mi justiça non val
ante rei tan justiceiro,
ir-m’-ei ao de Portugal.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 

Manuscritos


B 966, V 553

Edicións


I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 276-277); Rodríguez (1980: 279 [= LPGP 389]); Lopes (2002: 182); Arias Freixedo (2017: 181); Littera (2016: I, 438-439).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 198); Braga (1878: 105); Michaëlis (1990 [1904]: II, 664); Machado & Machado (1953: IV, 339-340); Fernández Pousa (1959: 105).
III. Antoloxías: Varnhagen (1872: 24-25); De la Iglesia (1886: II, 139-140); López-Aydillo (1914: 45-46); De las Casas (1928: 37-38); Seoane (1941: 78-79); Piccolo (1951: 132-133); Álvarez Blázquez (1975: 29); Tavares & Miranda (1987: 124); Sansone (1990: 176).

Variantes manuscritas


3 eu] en V; donzela] douzela B   7 én] eu B   8 Fiador] Fidor V   9 lhi] hi V   12 ousei] eu sey BV   14 quen] ꝙʷ B   18 Mandadeuꝯ razar B

Variantes editoriais


6 quant’eu] quanto Rodríguez   9 per ante] perante Lapa, Rodríguez, Arias Freixedo   12 lh’ousei] lh’ous’eu Lapa, Lopes : lh’eu sei Arias Freixedo, Littera

Paráfrase


(I) Meu señor rei de Castela, véñomevos queixar: eu amei unha doncela por quen me ouvistes trobar; e aquel con quen ela casou, por canto eu ben dixen dela (nos meus cantares), quere agora matarme por iso.
(II) Quíxenlle dar fiador perante vós; el sentiu despeito de min e mandoume desafiar; non me atrevín a vivir alí e acudo a vós para que me amparedes, pois non teño quen me ampare.
(III) Señor, por Santa María, mandádenos chamar ante vós a ela e a min algún día, mandádenos expoñer as nosas razóns: se ela se queixar de algunha cousa que eu dixese, quererei entrar na súa prisión.
(1) Se a xustiza non me axuda perante un rei tan xusticeiro, irei ao de Portugal.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 7’a 7b 7’a 7b 7b 7’c 7b (= Tav 90:1) + 7d 7’e 7d

Encontros vocálicos: 8 Fi·a·dor; 10-11 despeito/‿e; 11 de·sa·fi·ar; 24 a͜o

Notas


Texto
  • *

    Esta cantiga de escarnio trata desde unha perspectiva burlesca o motivo do casamento da senhor, que é o tema central dun reducido grupo de cantigas de amor, tales como as cantigas 120 (Paai Soares de Taveiroos), 417 (Fernan Velho), e outras co mesmo motivo implícito no verbo levar (900, de Roi Fernandiz de Santiago), ou no verbo casar (1104, de Lourenço).

    O texto é un divertimento (meta)literario e paródico. Certamente resulta esaxerado e ridículo que a causa que leva o marido a desafiar o trobador sexan as cantigas en que este louvou a súa esposa cando aínda era doncela e solteira. E máis aínda que a corte onde se tente dirimir a cuestión sexa a real, a máis alta instancia xurídica na altura.

  • 4

    En face da forma maioritaria oir, como evolución xeral de audīre na lingua trobadoresca (véxase Ferreiro 1999: §211a), a variante ouvir é de uso limitado no corpus (véxase 334.4, 384.17, 633.24, 764.15, 804.15, 1055.9, 1233.12, 1322.13, 1346.22, 1361.3, 1522.4), tendo en conta que a P1 de presente indicativo (ouço) e o presente subxuntivo (ouça etc.) son formas únicas. Cfr. nota a 618.10.

  • 5

    Enténdase: ‘e aquel con quen foi casar...’.

  • 8

    Dar fiador é 'dar fianza', isto é, presentar perante o xuíz, neste caso o rei, unha persoa ou uns bens que respondan por un en caso de que falte a unha obriga ou acordo. Aquí, o marido non só non aceptou o fiador, senón que se sentiu despeitado e mandou desafiar ao propoñente.

  • 11

    Perante a xeral medida trisilábica de desfiar e, por tanto, tamén con hiato en desafiar, a contaxe heptasilábica do verso impón a consideración dunha episinalefa da conxunción e: despeito/e.

  • 12

    Para alén da dupla emenda editorial de Lapa e Lopes, coa introdución do pronome eu, agás Arias Freixedo e Littera todos os editores emendan a lección manuscrita <lheu sey> para lh’ousei, a partir do comprobado erro <eu>/<ou> nos dous apógrafos italianos: soub’eu <seubon> B, <seu bõ> V (426.5); mouro <mouro> B, <meuro> V (493.15); criou <crieu> BV (1318.4); guardou <guedou> B, <gurdeu> V (1335.8); ou <O> B, <eu> V (1496.10); ou <Eu> B (1588.24); ou <eu> V (1681.7).

  • 17

    Repárese na aparición de ela e min, formas tónicas oblicuas, como complemento directo sen preposición (chamar ela e min), feito habitual na lingua trobadoresca.

  • 24

    Aínda que, en xeral, ao(s) computa metricamente como bisilábico, neste verso ao é unisilábico (de modo semellante ao que acontece con aa(s), véxase nota a 336.8), como se pode atestar con seguranza noutras pasaxes do corpus (336.8, 455.1, 725.3, 813.12 e 21, 17 e 26, 1015.10, 1207.12, 1356.r2 e r4, 1364.1 e 7, 1398.7, 1497.24, 1532.24, 1629.11). Cfr. nota a 73.21.

     

Buscar
    Non se atopou ningún resultado