430 [= RM 23,1]
Mui gran poder á sobre min Amor

Mui gran poder á sobre min Amor,
pois que me faz amar de coraçon
a ren do mundo que me faz maior
coita sofrer; e por tod’esto non
ouso pensar sol de me queixar én:
atan gran pavor ei que mui gran ben
me lle fezesse, por meu mal, querer.
E no’mi á prol este pavor aver,
pois cada dia mi-a faz mui mellor
querer por mal de min e por fazer-
-me prender mort’en cab’; e, pois sabor
á de mia morte, rogá-ll’-ei que non
mi-a tarde muito, ca mui gran sazon
á que a quis e desejei por én.
Pois ja entendo que guisada ten
Amor mia mort’, e non pode seer
que me non mate, sei eu ũa ren:
que me val máis log’i morte prender
que viver coitad’en mui gran pavor,
ca non averei, pois eu morto for,
tal coita qual ei no meu coraçon.
E quen soubesse como me vai non
terria que eu sõo de bon sén
en me leixar viver, ca sen razon
me dá tal coita Amor que me conven
a viver trist’e sen todo prazer,
e me conven tal afan a sofrer,
que maior non fezo Nostro Sennor.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 

Manuscritos


A 265, B 449

Ediciones


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 521-522); Piccat (1985: 168 [= LPGP 172-173]); Littera (2016: I, 161).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 145-146); Peláez (1897: 73-74); Carter (2007 [1941]: 156-157); Machado & Machado (1950: II, 285-286); Horan (1966: 87-88); Arbor Aldea (2016b); Rios Milhám (2018b: III, 430).
III. Antoloxías: Piccolo (1951: 167-168).

Variantes manuscritas


1 min] mj B   2 me] mj B   6 atan] {a}tan A : tan B   7 lle] lhi B   8 no’mi á] nō mha B   10 fazer] faz B   11 mort’en cab’; e] morte encabo B   12 rogá-ll’-ei] rogarlhei B   13 ca mui] q̄ e B   15 guisada] guisade B   18 me] mi B   19 coitad’en] cuytaden B   21 qual ei] comei B   22 me] mj B   23 terria] teiria B; sõo] son B   24 en] e B   25 coita Amor que me convén] coita {a}(da)mor que me conuen A : coita · mer q̄mj guē B   26 a viver] amū B   27 me] mj B; conven] couen A; tal afan a sofrer] atal affam sofrer B   28 fezo] fez{o} A : fez B

Variantes editoriales


1 min] mi Piccat   2 me] mi Piccat   6 atan] tan Piccat : tam Littera   7 lle] lhi Piccat   8 no’mi] non mh Piccat : nom mi Littera   11 mort’] morte Piccat   12 rogá-ll’-ei] rogar-lh’ei Littera   13-14 ca mui gran sazon / á] que é gram sazon / a Piccat; mui] om. Littera   16 mort’, e] morte Piccat   17 mate] mat’e Piccat   18 me] mi Piccat   19 coitad’] cuytad’ Piccat   21 qual] com’ Piccat   22 me] mi Piccat   23 sõo] sõn Piccat   25 coita Amor] coit(a) Amor Michaëlis : coit’Amor Piccat, Littera; me] mi Piccat   26 todo] tod’o Littera   27 me] mi Piccat; tal] atal Piccat; a] om. Piccat   28 fezo] fez Piccat, Littera

Paráfrasis


(I) Moi gran poder ten Amor sobre min, xa que me fai amar de corazón a persoa do mundo que me fai sufrir maior coita; e por todo isto non me atrevo a pensar sequera en me queixar diso: tan gran pavor teño de que, para o meu mal, me fixese querela moi ben.

(II) E non me é de proveito ter este pavor, pois cada día ma fai querer moito mellor, para o meu mal e para me facer sufrir morte ao cabo; e xa que ten desexo da miña morte, rogareille que non ma demore moito, pois hai moito tempo que a quixen e a desexei por iso.

(III) Pois xa entendo que Amor ten disposta a miña morte, e non pode ser que non me mate, eu sei unha cousa: que me vale máis recibir logo a morte que vivir coitado con moi gran pavor, porque, despois que eu estea morto, non terei unha coita tal cal teño no meu corazón.

(IV) E quen soubese como me vai non pensaría que son ben asisado por me deixar vivir, pois sen razón Amor me dá tal coita que me convén vivir triste e sen ningún pracer, e convenme sufrir tal afán que Noso Señon non fixo outro maior.

Métrica


Esquema métrico: 4 x 10a 10b 10a 10b 10c 10c 10d (= RM 106:1)

Encontros vocálicos: 8 miá; 9 mi-‿a; 13 mi-‿a; 25 coitaAmor

Notas


Texto
  • *

    No corpus trobadoresco profano galego-portugués esta cantiga é «[l]e seul texte dont la technique de rimes puisse être rapprochée de celle des cansos redondas provençales» (Gonçalves 2016 [2001]: 381): ten unha estrutura que responde a este artificio, con concatenación das cobras por capcaudatio, permutación das rimas, circularización e ausencia de fiinda (véxase Gonçalves 2016 [2001]: 383).

  • 6

    O verso é hipométrico nas edicións de Piccat e de Littera por optaren pola variante tan de B, fronte a atan de A.

  • 8

    Nos textos transmitidos por A é frecuente a asimilación do adverbio non co pronome me ~ mi (> no’me ~ no’mi; cfr. a evolución regular -nm->-m-), face a BV que, en xeral, presentan a lección non me ~ non mi con manutención da integridade morfolóxica do adverbio negativo (66.13, 90.9, 223.r2, 239.7, 243.14, 258.9, 283.10, 285.13, 421.5, 423.20). Na realidade, nos apógrafos italianos só se rexistra en tres ocasións (104.21, 906.12 e 1482.5). A diferenza doutros editores, mantemos tal asimilación, que chega até hoxe (Ferreiro 1999: §101c).

  • 10-11

    Neste verso a tmese métrica, de tipo simple, segmenta a base verbal e o clítico, que pasa para o verso seguinte. Tal segmentación versal volve aparecer en 123.24-25, 142.30-31, 476.10-11, 1229.1-2, 1263.10-11, 1445.20-21, 1476.3-4 e 1543.14-15. Véxase nota a 14.25-26, 37.18-19, 482.1-2, 1542.3-4.

  • 11

    A locución adverbial en cabo ‘finalmente’ (tamén en 326.19) e a locución antónima de de cabo ‘novamente’ (1317.13) están directamente relacionadas coas diversas locucións prepositivas construídas arredor de cabo (véxase nota a 149.5). En cabo atéstase tamén con frecuencia na produción prosística, ás veces co posesivo incorporado, que tamén se rexistra no corpus profano trobadoresco: que fode ja en seu cabo (1651.10).

  • 12

    Nótese, de novo, a resistencia de B ao proceso de asimilación fonética [ɾʎ] > [ʎ] coa lección rogar-lh’-ei (véxase nota a 21.4).

  • 13

    A teor dos datos subministrados polos cancioneiros, as conxuncións que e ca son intercambiábeis tanto en función causal como completiva. En liñas xerais, existe certa preferencia por ca en A (fronte a BV): 66.6, 84.6 e 15, 92.27, 94.20, 142.28, 166.23, 167.18, 170.10 e 27, 177.14, 178.24, 179.19 e 26, 249.5, 276.r2, 317.16, 320.8, 355.3, 430.13, 812.3, 980.8, 981.19 e 26, 984.6, 995.7. Mais tamén encontramos a preferencia inversa (que A, ca B): 68.19, 84.6, 94.20, 221.9. E, finalmente, aínda entre os propios apógrafos italianos se encontra tal variación: ca B vs. que V (725.22 e 1102.5) e mais nas cantigas 655.14 e 984.r2 en que a primeira versión presenta ca face á segunda con que1 .

  • 16-17

    Nestes versos aparecen varias posibilidades segmentativas no que di respecto á copulativa e, sen que unha ou outra opción sexa especialmente evidente, tal como mostra a proposta editorial de Piccat: a ausencia de plicas en A, empregadas noutros contextos desta mesma cantiga para marcar encontros vocálicos, impide priorizar algunha das posibilidades.

  • 21

    O Cancioneiro da Biblioteca Nacional presenta a comparativa come, máis frecuente do que qual, transmitido por A, nestas estruturas comparativas.

  • 23

    A lección <son> de B, fronte a sõo, convertería en hipométrico o verso. Véxase nota a 10.25.

  • 25-27

    Nótese a estrutura verbal conviir + a + infinitivo, en liña coa necesaria presenza do nexo preposicional (a ou de) cando a forma conxugada de conviir vai seguida de infinitivo, de xeito que só está ausente o nexo cando o infinitivo vai anteposto: pois m’escolher conven (377.19), perfiar me conven! (1337.21), colher non conven (1679.8). Véxase Glosario, s.v. conviir.

  • 27

    Dado que en B aparece a variante atal (sobre a variación tal ~ atal véxase nota a 10.4), o verso é nivelado metricamente coa omisión da preposición a na perífrase conviir + a +infinitivo, pois tamén se rexistra sen preposición (véxase 377.19, 1337.21, 1679.8).

  • 28

    A variante fez de B (aceptada por Piccat e Littera), fronte á forma fezo de A que é produto da revisión do cancioneiro, fai hipométrico o verso. Véxase nota a 53.16.

  1. ^

    Resultan tamén significativas algunhas correccións e/ou vacilacións, como as de 530.4 (<(qu) ca> B) e 1450.17 (<ca que> B, <ca > V), así como o erro de copia de A en 414.r1 (<que / ca> A, <> B, <que> V).

Buscar
    Sin resultados