1088 [= RM 121,13]
Muitos me veen preguntar

Muitos me veen preguntar,
senhor, que lhis diga eu quen
ést’a dona que quero ben;
e con pavor de vos pesar
non lhis ouso dizer per ren,
senhor, que vos eu quero ben,
pero punhan de m’apartar
se poderán de min saber
por qual dona quer’eu morrer;
e eu, por vos non assanhar,
non lhis ouso [per ren] dizer
[..................................... -er].
E, porque me veen chorar
d’amor, queren saber de min
por qual dona moir’eu assi;
e eu, senhor, por vos negar,
non lhis ouso dizer por min,
per ren, que por vós moir’assi.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 

Manuscritos


B 1085, V 677

Edições


I. Edicións críticas: Nunes (1972 [1932]: 454-455 [= LPGP 799-800]); Reali (1964: 82-83); Fernández Campo (2012: 102); Littera (2016: II, 321-322).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 239); Braga (1878: 129); Machado & Machado (1956: V, 115).
III. Antoloxías: Fernández Pousa (1951: 103-104); Spina (1972: 316); Dobarro Paz et alii (1987: 25); Alvar & Beltrán (1989: 133); Alvar & Talens (2009: 372); Gutiérrez (2023: 75).

Variantes manuscritas


1 Muitos] Muytus V   7 m’apartar] ma partir V   9 morrer] moirer B   17 por min] per mj̄ B : pemi V   18 per ren] pe ren B

Variantes editoriais


En Nunes, Fernández Campo e Littera os vv. 5-6 de cada estrofa son presentados como refrán.

1 Muitos] Muytus Reali; veen] vêm Littera   4 vos] vus Reali   6 vos] vus Reali   8 poderán] poderan Nunes, Fernández Campo; min] mi Nunes   10 vos] vus Reali   11 [per ren] dizer] dizer per ren Nunes, Reali, Fernández Campo, Littera   12 senhor, que vos eu quero ben Nunes, Fernández Campo : senhor que vus eu quero ben Reali : senhor, que vos eu quero bem Littera   14 min] mi Nunes, Littera   15 moir’eu] morr’eu Reali   16 vos] vus Reali   17 por min] por mi Nunes, Reali : per min Fernández Campo

Paráfrase


(I) Moitos me veñen preguntar, señora, (para) que lles diga quen é a dona que amo; e con pavor de vos causar pesar non me atrevo de forma ningunha, señora, a dicirlles que eu vos amo, (II) mais empéñanse en me levar á parte por ver se poderán saber por min mesmo por cal muller quero eu morrer; e eu, por non vos enfadar non lles ouso dicir, de forma ningunha [...].
(III) E porque me ven chorar de amor, queren saber de min por cal muller eu morro así; e eu, señora, por non vos descubrir, non lles ouso dicir por min mesmo, de forma ningunha, que por vós morro así.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 8a 8b 8b 8a 8b 8b

Notas


Texto
  • *

    Esta cantiga comparte íncipit (e tema) cunha composición de Martin Soarez, cuxa primeira estrofa presenta un desenvolvemento similar:
              Muitos me veen preguntar,
              mia sennor, a quen quero ben,
              e non lles quer’end’eu falar
              con medo de vos pesar én,
              nen quer’a verdade dizer;
              mais jur’e faço-lles creer
              mentira por vo-lles negar / ... (135.1-7).

    Por outra parte, a composición, con ligazón sintáctico-discursiva clara, de tipo adversativo, entre as dúas primeiras estrofas e posterior ligazón copulativa coa estrofa III mostra un certo carácter de cantiga ateúda, xa que a unión copulativa ben podería xustificar unha puntuación sen ruptura estrófica final. Véxase nota á cantiga 24.

  • 1

    É relativamente frecuente no Cancioneiro da Vaticana a presenza da terminación -us en voces en que é xeral a terminación -os (<Muytus>); na realidade, esta grafía aparece case exclusivamente en formas verbais de P4 e nomes masculinos plurais. A súa esporádica presenza, limitada aos apógrafos italianos, mostra que é produto do desenvolvemento da abreviatura <9> en posición final, abreviatura herdada do latín, onde funcionaba como desinencia de nominativo nos nomes da segunda declinación, rematados en -us.

  • 5-6

    En Nunes, Fernández Campo e Littera os vv. 5-6 de cada estrofa son refrán sen teren ese carácter, por máis que presenten en B a marca angular colocciana que indica, erradamente neste caso, a presenza de refrán: a partir da reconstrución da lacuna de dúas sílabas no v. 11 (estrofa II) nivelando este verso co v. 5, cobren a lacuna do v. 12 co v. 6, interpretando, por tanto, que os vv. 5-6 e 11-12 son o refrán das estrofas I e II. O problema aparece na estrofa III, pois o v. 17 (hipotético v. 1 do refrán) presenta unha variación importante, e o v. 18 ten unha redacción totalmente diferente ao v. 6 e á reconstrución do v. 12. É por isto que resulta ecdoticamente máis fundado considerar a existencia dunha lacuna para o v. 12, mentres que os vv. 5, 11 e 17 serán versos simétricos cunha variación similar á de outras moitas composicións:

    non lhis ouso dizer per ren (v. 5)
    non lhis ouso [per ren] dizer (v. 11)
    non lhis ouso dizer por mí (v. 17).

    En calquera caso, a hipótese presente en todas as edicións para o v. 12 a partir de Nunes non é verídica por canto é necesaria unha rima -er.

  • 17-18

    Nestes versos semella que B trocou a utilización das variantes por e per (esta obrigada en per ren, véxase Glosario, s.v. per ren), que o Cancioneiro da Vaticana presenta correctamente copiadas.

Procurar
    Não foram encontrados resultados