I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 836-837 [= LPGP 283-284]); González Martínez (2012a: 131-312); Littera (2016: I, 305-306).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 134); Machado & Machado (1950: II, 145-146); Rios Milhám (2018a: II, 326).
3 [co]meçar] <...> mecar B 13 bõa] bona B 22 nacer] uaçer / Que non ey • B 23 com’á seer] coma de seer B 24 morrer] moirer B
3-4 mais fui con ela [co]meçar: / é ja assi] Mais, [pois] con ela [co]meçar / fui, é ja (a)ssi Michaëlis 8 dela] d’el(a) Michaëlis 16 assi] (a)ssi Michaëlis 19 m’e[n] cabo] me log’a Michaëlis 22 foi] fui Littera 23 á seer] á de seer Michaëlis, González Martínez : há de seer Littera
(I) Eu non amo a miña señora, por Deus, porque espere algunha vez o seu ben, mais tentei comezar (a miña relación amorosa) con ela; (e) así é xa, amigos meus: que eu non hei facer outra cousa mentres ela poida vivir.
(II) Non a amei, desde que a vin, para obter nalgún momento o seu ben; mais vede o que me acontece, amigos meus, que é así: que eu non hei facer outra cousa mentres ela poida vivir.
(III) Non a amo, abofé, por ter o seu ben nalgún momento, pois ben sei que non mo concederá; mais a miña vida xa é así: que eu non hei facer outra cousa mentres ela poida vivir, (1) porque o demo finalmente me prendeu, en verdade, cando a fun ver.
(2) Porque ela non se quere doer de min, en mal día fun nacer.
(3) E sei o que vai ser de min: vivirei coitado e despois morrerei!
Esquema métrico: 3 x 8a 8b 8b 8a 8C 8C + 2 x 8c 8c (cfr. RM 160:341)
Encontros vocálicos: 8 dela‿aver; 9 mi‿aven; 15 mi-‿o; 16 ja‿assi
Michaëlis e Littera non percibiron o erro de copia das fiindas, presentadas en B como unha estrofa + unha fiinda. Porén, as rimas delatan o erro do copista, que introduciu por lapso o inicio de refrán antes da derradeira fiinda (coa correspondente marca –errada– de Colocci).
A edición destes versos esixe só resolver a lacuna do copista en B, que afecta ao verbo começar no v. 3, que neste contexto, coa preposición con, significa ‘iniciar relacións amorosas’. Non ten, pois, sentido a intervención editorial de Michaëlis, que desloca fui para o v. 4 e introduce un desnecesario pois ausente do manuscrito.
A presenza de -n- na forma manuscrita <bona> é simple indicación gráfica da nasalidade fonolóxica de /õ/, o mesmo que noutras voces que se rexistran esporadicamente, en especial, nos apógrafos italianos (case sempre con unha das documentacións correcta) en <alguna> algũa e <(h)una> ũa, <capaton es> çapatões, <certano> certão, <lontano> loução, <lunar> lũar, <mano> mão, <pardonar> perdõar, <poner> põer, <uano> vão, <ueno> vẽo, <uilano> vilão. Sobre estas grafías e as formas do tipo irmana, véxase Ferreiro 2008b. Cfr. nota a 582.3.
De novo a intervención de Michaëlis (tamén seguida en Littera) non ten apoio textual nunha pasaxe que aconsella considerar o banal erro <e>/<e͂> de forma que transpareza a locución adverbial en cabo ‘finalmente’ (tamén en 430.11), antónima de de cabo ‘novamente’ (1317.13), directamente relacionadas coas diversas locucións prepositivas construídas arredor de cabo (véxase nota a 149.5). Esta locución atéstase tamén con frecuencia na produción prosística, ás veces co posesivo incorporado, que tamén se rexistra no corpus profano trobadoresco: que fode ja en seu cabo (1651.10).
A presenza do inicio do refrán na copia de B após o v. 22 provocou que Michaëlis (seguida por Littera) editase as dúas primeiras fiindas como unha cuarta estrofa, a pesar de que o esquema rimático indica, como advertiu González Martínez, que estamos perante dunha sucesión de fiindas.
Nótese como no v. 20 aparece fui como forma de P3, mentres que no v. 22 é foi forma de P1: a pesar de que en xeral se estabelece unha oposición P1 / P3, fui (< fŭī) / foi (< fŭĭt), pola acción metafónica de -ī final nalgúns pretéritos fortes (cfr. tamén fiz vs. fez, sive vs. seve, tive vs. teve etc.), foi pode ser resultado de P1, o mesmo que fui de P3.
A medida octosilábica do verso aconsella a expunción da preposición de da perífrase verbal: téñase en conta que en 164.19, fronte a A, que presenta a lección correcta, en B aparece erroneamente esta mesma preposición na mesma perífrase (á fazer vs. á de fazer).