812 [= Tav 114,12]
Oi eu sempre, mia sennor, dizer

Oi eu sempre, mia sennor, dizer
que peor é de sofrer o gran ben
ca o gran mal, e maravillo-m’én
e non o pude nen posso creer,
ca sofr’eu mal por vós, qual mal, sennor,
me quer matar; e guaria mellor
se me vós ben quises[s]edes fazer.
E, se eu ben de vós podess’aver,
ficass’o mal que por vós ei a quen
aquesto diz, e o que assi ten
o mal en pouco, faça-o viver
Deus con mal sempr’e con coita d’amor,
e pod’assi veer qual é peor,
do gran ben ou do gran mal, de sofrer.
E o que esto diz non sab’amar
neũa cousa tan de coraçon
com’eu, sennor, amo vós; demais, non
creo que sabe que x’é desejar
tal ben qual eu desejei des que vi
o vosso bon parecer, que des i
me faz por vós muitas coitas levar,
e de qual eu, sennor, ouço contar
que o ben ést’, e faz gran traicion
o que ben á se o seu coraçon
en al pon nunca senon en guardar
sempr’aquel ben; mais eu, que mal sofri
sempre por vós, e non ben, des aqui
terriades por ben de vos nembrar.
Se o fezerdes, faredes ben i;
se non, sen ben viverei sempr’assi,
ca non ei eu outro ben de buscar.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 
 
30
 

Manuscritos


A 248 (= A 253), B 816, V 400

No Cancioneiro da Ajuda aparecen dúas copias do texto desta cantiga, con pouca distancia entre elas. En BV só aparecen copiadas as estrofas I-II.

Edições


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: 485-486); Cunha (1999 [1945]: 115-116); Monteagudo (1984: 315-316 [= LPGP 716-717]); Littera (2016: II, 218-219).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 150-151); Braga (1878: 75-76); Cotarelo Valledor (1934: 177-178; Carter (2007 [1941]: 143-144 e 148-149); Machado & Machado (1953: IV, 122-123); Arbor Aldea (2016b).

Variantes manuscritas


2 peor] peyor BV   3 ca] que BV; maravillo] maramlho B   4 pude] pudi A’BV   5 sofr’eu] soffro eu A’; qual] qual (uos) V   6 om. V; guaria] gual(rr)/rria A’ : guarria B   7 me] mj B : mi V; quises[s]edes] quisesedes AA’ : qui ses’des B : quisesdes V; fazer] façer V   13 pod’assi] podesse BV; peor] peyor BV   14 gran ben] muj gram bē B : mui gram bē V; de] om. BV   15-31 om. BV   22 contar] cūtar A’   23 ést’, e] est e A : est A’   28 vos] uos A

Variantes editoriais


4 non o] no’-no Michaëlis : nõ-no Cunha   6 guaria] guarria Cunha, Monteagudo, Littera   7 vós ben] ben vós Monteagudo   16 neũa] nẽũa Littera   17 demais] do mays Cunha   20 des i] dessi Monteagudo   23 o ben ést’, e faz gran traicion] o bem éste, faz gram traiçom Littera   24 o que] e que Monteagudo   28 vos] vos Michaëlis

Paráfrase


(I) Eu sempre ouvín dicir, miña señora, que é peor de levar un ben moi grande que un mal moi grande, e asómbrome por iso e non o puiden nin podo crer, porque eu sufro mal por vós: tal mal, señora, quéreme matar; e viviría mellor se vós me quixésedes facer ben.

(II) E se eu puidese recibir ben de vós, fique o mal que por vós recibo para quen di isto, e a quen así ten en pouco o mal, Deus o faga vivir con mal sempre e con coita de amor, e así pode ver cal é peor de soportar, se o gran ben ou o gran mal.

(III) E o que isto di non sabe amar ningunha cousa tan de corazón como eu, señora, vos amo a vós; ademais, creo que non sabe o que é desexar un ben tal como o que eu desexei desde que vin a vosa fermosura, que desde ese instante me fai por vós moitas coitas levar, (IV) e do cal, señora, eu ouzo contar que é o ben, e comete unha gran traizón o que recibe ben se pon a súa vontade noutra cousa que non sexa en gardar sempre aquel ben; mais desde agora deberiades ter por ben lembrarvos de min, que mal sufrín sempre por vós, e non ben.

(1) Se o fixerdes, faredes ben niso; se non, sen ben vivirei sempre así, pois non hei de buscar outro ben.
 

Métrica


Esquema métrico: 10a 10b 10b 10a 10c 10c 10a + 10c 10c 10a (= Tav 161:68)

Encontros vocálicos: 23 tra·i·ci͜on

Notas


Texto
  • *

    O feito da existencia de dúas copias da cantiga no Cancioneiro da Ajuda en concorrencia da versión reducido en BV (só as estrofas I-II) podería obedecer a razóns de construción do canon poético (textos máis heteroxos en A vs. textos máis atentos ás normas corteses en BV. Sobre esta cuestión véxase Larson (2016: 228) e Arbor Aldea (2017b).

    Por outra banda, nótese nesta composición a recorrencia de ben (trece ocorrencias nos vv. 2, 7, 8, 14, 19, 23, 24, 26, 27, 28, 29, 30 e 31) e mal (oito rexistros nos vv. 3, 5, 9, 11, 12, 14 e 26), que articulan e estruturan semanticamente a cantiga (véxase Larson 2016).

  • 2

    Nesta cantiga, como noutras, B (e V) ofrecen a variante peior (tamén no v. 13), típica dos apógrafos italianos, fronte á forma peor, única que se rexistra no Cancioneiro da Ajuda. Véxanse 65.32, 91.14, 275.21, 387.r2.

  • 2-3

    Oi eu sempre ... dizer é a tradicional fórmula para aludir a un proverbio, isto é, un verv’antigo (véxase nota a 633.1), que podemos achar na tradución galega da Crónica de España e da Crónica de Castilla: Et en elles se conprio o que disso o sabio: que aos de mao entendemento peor he de sofrer o b ca o mal; ca o mal sofreo ome aynda que lli pes, et o bem nõno pode sofrer de grado (Lorenzo 1975: I, 622). Para un estudo das fontes desta frase proverbial, véxase Larson (2016).

  • 3

    A teor dos datos subministrados polos cancioneiros, as conxuncións que e ca son intercambiábeis tanto en función causal como completiva ou integrante. En liñas xerais, existe certa preferencia por ca en A (fronte a BV), tal como se percibe no presente verso: 66.6, 84.15, 92.27, 94.20, 142.28, 166.23, 167.18, 170.10 e 27, 177.14, 178.24, 179.19 e 26, 249.5, 276.r2, 317.16, 320.8, 355.3, 430.13, 980.8, 981.19 e 26, 984.6, 995.7. Mais tamén encontramos a preferencia inversa (que A / ca B): 68.19, 84.6, 94.20, 221.9. E, finalmente, aínda entre os propios apógrafos italianos se encontra tal variación: ca B vs. que V (725.22 e 1102.5) e mais nas cantigas 655.14 e 984.r2 en que a primeira versión presenta ca face á segunda con que1 .

  • 5

    Por veces, o relativo qual aparece na lingua trobadoresca en construcións que son pleonásticas, pois o pronome vai anteposto ao substantivo que, na realidade, é o seu antecedente.
    É de subliñar que a lección sofro eu de A’ (fronte a sofr’eu en A), igual que acontece con com’eu vs. como eu (v. 17), confirma que a dinámica entre crase fonética e sinalefa é vacilante, contraditoria e correcta en ambas as solucións, aínda que a elisión sexa maioritaria, especialmente nas leccións de Ajuda.

  • 6

    Cunha, Monteagudo e Littera optaron por guarria, lección que se desprende da segunda copia de A, coa utilización dun tempo pospretérito que é o máis habitual na consecutio temporum condicional en que a subordinada aparece en pretérito de subxuntivo; no entanto, para alén de guaria ser a lección da copia prioritaria no Cancioneiro da Ajuda, tamén se rexistra no corpus o pretérito de subxuntivo na prótase condicional con tempo copretérito na apódose. Cfr., no propio Charinho, Par Deus, senhor, de grado queria, / se Deus quisesse, de vós ũa ren: / ... (814.1-2); ou en Martin Perez Alvin: de tod’esto m’eu queria leixar / se me leixasse a que me faz aver / aquestas coitas (1058.4-5)

  • 7

    A forma <quisesedes> é outra mostra no Cancioneiro da Ajuda de diferentes confusións gráficas no ámbito das sibilantes, nomeadamente da grafía <s> en contextos en que representa /s/, grafado de regra con <-ss->. Esta grafía detéctase especialmente en desinencias do pretérito de subxuntivo: <amase> amasse (409.6), <deues(e)> devesse (282.14), <disses(e)> dissesse (409.21), <ousas(e)> ousasse (346.3, 982.22), <podes(e)> podesse (409.2), <quisesedes> quisessedes (88.15), <soffresen> sofressen (85.17), <uis(e)> visse (138.6). Alén desta desinencia, tamén se acha a mesma representación gráfica en <asi> assi (240.23, 318.15), <disesse> dissesse (199.28), <outrosi> outrossi (413.11, 17 e 23, cfr. outrossi no v. 5), <pos(o)> posso (409.14), <uasalo> vassalo (84.12), <uoso> vosso (362.2). Véxanse tamén notas a 66.21, 69.7, 80.10 e 89.2.

  • 9

    A pesar de ser subxuntivo, ficass(e) é o verbo principal do período, de carácter desiderativo, cun uso sintáctico que se documenta esporadicamente na lingua medieval. Cfr., por exemplo, na Crónica Geral de Espanha de 1344: E hora Deus quisesse que Julyo Cesar lançasse bestas mortas e outras peçonhas nos ryos e nas fontes e leixassenos fartar d’augua! (Cintra 1952-1990: II, 123); ou na tradución da Confessio Amantis: E quisesse ora Deus que nós... (Faccon 2012: 283). No corpus trobadoresco profano aparece o mesmo uso en 237.3, 310.16-17, 311.16, 376.16, 532.1, 812.9.

  • 13-14

    Nótese a diverxente e metricamente equilibrada lección de BV para estes dous versos, onde, por un lado, se muda o tempo verbal presente para pretérito (pode / podesse), e, por outra banda, se opta pola construción, tamén posíbel, seer peior sofrer (fronte a seer peior de sofrer), con omisión do adverbio assi no v. 13 e acrecentamento de mui no v. 14 para compensar metricamente os versos: e podesse veer qual é peior / d’o mui gran ben ou d'o gran mal sofrer.

  • 16

    A forma indefinida feminina neũa remite ao masculino neun ~ neũu (coa variante niun), forma propia dos textos transmitidos polo Cancioneiro da Ajuda, pois nos apógrafos italianos é dominante a forma nen un, habitualmente grafado como <nen hun>, <nẽ hũ> etc. De calquera xeito, en textos transmitidos en BV tamén se rexistra neũa (1267.r1, 1319.11).

  • 17

    Nótese, de novo, a aparición de vós, CD sen preposición, tal como ocorren con relativa frecuencia cos pronomes persoais tónicos oblicuos na lingua trobadoresca.

  • 20

    Monteagudo respecta a grafía <dessi> de A (cfr. <desi> ~ <desy> noutras ocasións), que, igual que acontece habitualmente en BV, aglutina graficamente a preposición des co adverbio i, locución adverbial moi frecuente na lingua trobadoresca.

  • 22

    Obsérvese a variante cũtar da segunda copia de A, alternativa fonética para contar, que reforza a real forma cunto de 415.20 e cunta de 1679.7 e mais cuntar en 1630.14.

  • 23

    A forma traiçon é a xeral na poesía profana galego-portuguesa, aínda que no período medieval convive con outras variantes, cales traeçon, treeçon e treiçon. A lección trayçion levanta o problema da posibilidade de iode no resultado do lat. -tĭōnem2 : a análise dos usos medievais mostra que tal iode debe ser produto dunha influencia do castelán3 (como «espanholismo» é considerada a forma por Michaëlis, 1990 [1904]: 485), que, como é sabido, deixou algunhas mostras na copia do Cancioneiro da Ajuda: “temos de enfrentar a possibilidade de que várias destas situações poderiam entrar na esfera do versus cum auctoritate. A citação convalidante não se definiria só pela interpolação de um ou mais versos em outra língua literária, mas também pelo recurso a formas isoladas de outro sistema linguístico, como no caso de <trayçion> / <traẏçion> em PayGmzCha. Ainda que nem sempre seja suficientemente claro se se trata de uma fusão linguística consciente, ou de uma corrosão da tradição manuscrita, estas interferências não devem ser computadas como resultantes de um conhecimento defectivo da língua da tradição literária, nem como uma marca diatópica” (cfr. Ramos 2012: 356-358).
    Resulta significativo que un autor como Afonso X, que se caracteriza polo uso esporádico de castelanismos, tamén presente esta mesma forma nunha única ocasión nas Cantigas de Santa Maria:
              Poren lle roguemos por piadade
              que rog’ a Deus, de que ficou prennada
              quando foi do angeo saudada,
              que nos guarde de toda tempestade
              que nos non nuza, e ar d’ ocajon
              e do demo chẽo de trahyçion,
              que nos non enarte con arlotia
              que nos enarta, e con falsidade (CSM 414.47).
    Nótese tamén, neste mesmo verso, a presenza da forma <est> en A’, con ausencia de <-e> talvez inducida polo latinismo est, que con relativa frecuencia se atesta en BV en lugar do correcto éste (véxase 184.15, 204.18, 207.11, 464.24, 714.9, 854.12, 993.20, 1075.4, 1456.12, 1497.22, 1625.1, 1652.2, 1667.17) ou este (1376.16).

  • 26-28

    Neste versos percíbese unha concordancia ad sensum (mais eu ... terriades por ben de vos nembrar), relativamente frecuente no inicio de múltiplas cantigas de amor.

  1. ^

    Resultan tamén significativas algunhas correccións e/ou vacilacións, como as de 530.4 (<(qu) ca> B) e 1450.17 (<ca que> B, <ca > V), así como o erro de copia de A en 414.r1 (<que / ca> A, <> B, <que> V).

  2. ^

    Sobre a problemática levantada pola evolución deste iode en sufixos similares, véxase Mariño Paz (1995).

  3. ^

    Mesmo se podería considerar que o aparecemento do sintagma gran traicion estivese condicionado polo frecuente uso do seu equivalente castelán, con significado de ‘alta traizón’, con numerosas ocorrencias no período medieval (véxase CORDE, s.v. gran trayçion, grant trayçion, grant traycion etc.). Con todo, véxase gran traiçon en CSM 26.71 e 138.20, e grã traiçom na Crónica Troiana (Lorenzo 1985: 273).

Procurar
    Não foram encontrados resultados