97 [= RM 78,16]
Ora non poss’eu ja creer

Ora non poss’eu ja creer
que omen per coita d’amor
mor[r]eu nunca, pois na maior
viv’eu que pod’Amor fazer
aver a nulh’omen per ren,
e, pois eu vivo, non sei quen
podesse nunca del morrer.
E gran medo soia aver
de morrer eu por mia senhor;
mais, Deu-lo sab’, este pavor
todo m[i-o] ela fez perder,
ca por ela conhosc’eu ben
que, se Amor matass’alguen,
non leixaria min viver.
Pero faz-m’el tanto de mal
quanto lh’eu nunca poderei
contar enquanto viverei,
pero me nunca punhe en al
senon na mia coita dizer,
e quen-quer poderá entender
que gran coita per-ést’atal.
E mia senhor non sabe qual
x’é esta coita que eu levei
por ela des que a amei,
ca non ést’antre nós igual
est’amor: non lhi faz saber
com’el é grave de sofrer,
e por aquesto me non val.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 

Manuscritos


B 124

Edições


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 744-745 [= LPGP 518-519]); Littera (2016: I, 642).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 46); Machado & Machado (1949: I, 178-179); Rios Milhám (2017: I, 97).
III. Antoloxías: Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 115).

Variantes manuscritas


5 nulh’] null B   7 morrer] moirer B   9 morrer] moirer B   13 matass’] motass B   18 punhe] punha B   26 saber] sabor B

Variantes editoriais


8 soia] soí(a) Michaëlis   11 m[i-o] ela fez] m’ela fez[o] Michaelis, Littera   18 punhe en] punh’en Michaëlis : punh'em Littera   19 na] ‘n a Michaëlis   20 e] (E) Michaëlis   23 que] qu(e) Michaëlis   26 non] nen Michaëlis

Paráfrase


(I) Xa eu non podo crer agora que alguén poida algunha vez morrer por coita de amor, pois eu vivo na maior que Amor pode facer sufrir a un home por cousa ningunha, e, pois eu vivo, non sei quen puidese morrer por causa del. 

(II) E eu soía ter gran medo de morrer pola miña señora; mais, Deus o sabe, todo este pavor mo fixo ela perder, pois por ela sei eu ben que, se Amor matase alguén, non me deixaría a min vivir. 

(III) Mais faime el tanto mal canto eu nunca lle poderei contar en canto eu viva, aínda que nunca me esforce noutra cousa que en expresar a miña coita, e calquera poderá entender que así é unha gran coita. 

(IV) E a miña señora non sabe cal é esta coita que eu levei por ela desde que a amei, porque este amor non é igual entre nós: non lle fai saber como el é difícil de sufrir, e por iso non me auxilia. 

Métrica


Esquema métrico: 4 x 8a 8b 8b 8a 8c 8c 8a (= RM 161:256)

Encontros vocálicos: 8 so·i·aaver; 18 punheen; 20 poderáentender; 23 éesta

Notas


Texto
  • 3-4

    Enténdase: ‘na maior (coita) / viv’eu’.

  • 5

    A utilización da grafía <ll> (vs. <lh>) de B para a lateral palatal sonora no corpus das cantigas só se rexistra esporadicamente nos cancioneiros apógrafos italianos no indefinido nulho/a; noutras voces a súa aparición é un fenómeno extraordinario, pois só se rexistran cinco ocorrencias dese tipo. Cfr. nota a 199.33.

  • 11

    O ritmo do verso aconsella a reintegración de unha sílaba métrica antes de ela, de modo que o acento se produza na 4ª sílaba. Face á reintegración proposta, as anteriores edicións fixan a variante verbal fez[o].

  • 14

    Talvez a lección certa sexa leixari’ a min, de modo que se evitase a aparición do complemento pronominal sin preposición (véxase notas a 10.1 e 85.14). De calquera forma, no corpus existen contextos que xustifican ambas as posibilidades. Cfr., por exemplo, Per com’Amor leixa viver / (101.1-2) ou Pois min Amor non quer leixar (867.1) vs. e leix’a min pas[s]ar / as[s]i meu tempo (625.4) ou e leixad’a min dizer (591.9).

  • 18

    O sentido do texto solicita a mudanza punha > punhe (xa realizada nas edicións anteriores), porque o suxeito ten de ser eu, xa que estamos perante un caso do recorrente topos do inefábel, o que non se pode expresar con palabras: ‘nunca poderei describir ese mal por moito que viva e aínda que non faga outra cousa’.

  • 19

    A lección michaëliana senon ’n a mostra unha estraña decisión editorial se non é produto dun erro de imprenta.

  • 20

    Michaëlis suxire a supresión da copulativa inicial seguramente para evitar a sinalefa poderá‿entender, entre vogal tónica e vogal átona; mais no corpus poden acharse os mesmos encontros con sinalefa. Véxanse, por exemplo, á‿end’ (854.16), poderá‿en (1505.14).

  • 22-28

    A interpretación do período fica condicionada pola determinación do suxeito de faz saber (v. 26), que debe ser est’amor. Porén, habería aínda outras posibilidades interpretativas que levan consigo unha diferente puntuación:

              E mia senhor non sabe qual

              x’é esta coita que eu levei

              por ela des que a amei,

              ca non ést’antre nós igual:

              est’amor non lhi faz saber

              com’el é grave de sofrer,

              e por aquesto me non val.

  • 23

    A semellanza do indicado para o v. 20, de novo Michaëlis suxire un anómalo qu(e) en vez de considerar a sinalefa é‿esta (cfr. é‿esta, 946.7; é‿en, 1497.3). Véxase nota a 18.23.

  • 25-26

    A interpretación destes versos en Michaëlis (ca non est’ antre nos igual / est’ amor, nen lhi faz saber / ...) obriga a editora xermano-portuguesa á emenda de non para nen, sen xustificación paleográfica nin interpretativa. A través dunha puntuación alternativa, est’amor continúa a ser o suxeito de éste (v. 25), mentres que amor é o suxeito de faz saber; deste xeito,  pódese manter o texto transmitido polo manuscrito, con independencia de que a confusión de <o>/<e> é frecuente neste copista de B, tal como se pode comprobar na palabra rimante do v. 26.

  • 26

    Nótese a existencia do mesmo erro saber / sabor en 88.25 (B),  879.18 (V’) e 1367.15 (BV), e inverso en 97.26.

Procurar
    Não foram encontrados resultados