772 [= RM 70,39]
Per boa fe, meu amigo

Per boa fe, meu amigo,
mui ben sei eu que m’ouvestes
grand’amor e estevestes
mui gran sazon ben comigo;
mais vede-lo que vos digo:
ja çafou!
Os grandes nossos amores,
que mí e vós sempr’ouvemos,
nonca lhi cima fezemos
coma Brancafrol e Flores;
mais tempo de jogadores
ja çafou!
Ja eu falei en folia
convosc’[e] en gran cordura
e en sén e en loucura
quanto durava o dia;
mais est’, ai Don Jan Garcia,
ja çafou!
E dess’a folia toda
ja çafou!
Ja çafad’é pan de voda,
ja çafou!
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 

Manuscritos


B 755, V 358

Ediciones


I. Edicións críticas: Nobiling (2007 [1907]: 99-100 [= LPGP 457]); Nunes (1973 [1928]: 171-172); Cohen (2003: 245); Littera (2016: I, 526-527).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 138); Braga (1878: 68); Machado & Machado (1953: IV, 64-65); Domingues (1992: 54); Cohen (1996: 16).
III. Antoloxías: Cidade (1941: 60-61); Nemésio (1961 [1949]: 71-72; Martín Gaite & Ruíz Tarazona (1972: 95); Álvarez Blázquez (1975: 112); Landeira Yrago (1975: 223-224); Torres (1977: 314-315); Correia (1978: 130); Reckert & Macedo (1980: 85); Gonçalves & Ramos (1983: 156); Alvar & Beltrán (1989: 268); Pena (1990: 133-134); Sansone (1990: 124); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 104); Diogo (1998: 155); Arias Freixedo (2003: 489-490); Mongelli (2009: 110); Lopes & Ferreira & Silvestre (2015: 33); Souto Cabo (2017: 122); Corral Díaz & Vieira (2023: 189).

Variantes manuscritas


1 meu] mue B   2 sei] sen B   3 estevestes] esteuedes V   4 gran] om. B   5 vos] nꝯ B   6 çafou] ca fou B   7 nossos] uossꝯ BV   8 mí] un B; sempr’ouvemos] seu prouuemꝯ B   9 nonca] nūca V; fezemos] fezemo B   12 çafou] gafou B   13 en folia] eu foleya B   14 cordura] corduta B   15 e en sén] o oussen B; loucura] locuta B   17 est’, ai] esta hi BV; Garcia] gr̄a B : g̃çia V   18 çafou] gafon B   19 dess’a] uessa B; toda] coda B   20 çafou] ça fon B : zafou V   21 çafad’é] gafade B; voda] uada B   22 çafou] cafon B

Variantes editoriales


1 boa] bõa Nobiling, Cohen   4 comigo] con migo Nobiling   6 çafou] safou Littera   9 nonca] nunca Nobiling, Nunes, Cohen, Littera   10 coma] como Nobiling : com’a Cohen   12 çafou] safou Littera   17 est’, ai don Jan] esto, Joan Nobiling : est’, ai dom J’am Littera   18 çafou] safou Littera   19 dess’a] d’essa Nobiling, Nunes : dessa Cohen   20 çafou] safou Littera   21 çafad’é pan] çafo[u] de pan Nobiling, Nunes : safad’é pan Littera   22 çafou] safou Littera

Paráfrasis


(I) Abofé, meu amigo, sei eu moi ben que me tivestes un amor moi grande e que por moito tempo tivestes moi boa relación comigo; mais vede o que vos digo: xa aló vai!

(II) Aos nosos grandes amores, que eu e vós sempre tivemos, nunca os consumamos coma Brancafrol e Flores; mais o tempo das brincadeiras xa aló vai!

(III) Xa eu falei convosco de ideas aloucadas e (outras) de gran cordura, e con siso e (tamén) con loucura, durante o día todo; mais isto, ai don Jan Garcia, xa aló vai!

(1) E diso a loucura toda xa aló vai! 

(2) Xa se acabou o pan de voda, xa aló vai!

Métrica


Esquema métrico: 3 x 7’a 7’b 7’b 7’a 7’a 3C + 7’d 3C + 7’d 3C (= RM 136:2)

Notas


Texto
  • 6

    A forma çafar ‘irse, desaparecer’, de etimoloxía controversa, conta coa única documentación desta cantiga dentro do corpus trobadoresco, cun valor desaparecido na lingua moderna, onde é máis frecuente o seu uso como verbo pronominal (véxase Corominas & Pascual, s.v. zafar, onde se descualifica a acepción de ‘acabar’ que Nobiling e Nunes atribuían a tal forma).

  • 7

    Semella obvio que o sentido xeral da cantiga esixe nossos, por moito que <uossos> sexa a forma coincidente en BV, que haberá de atribuír á frecuentísima confusión <u>/<n> que se detecta nos apógrafos italianos.

  • 7-9

    Nótese máis unha vez a aparición dunha construción con anacoluto, con ausencia da preposición a: (A)os grandes nossos amores, / ..., / nonca lhi cima fezemos ...

  • 8

    É esta unha das escasísimas ocorrencias da forma en función de suxeito (cfr. Ferreiro 1999: §153b), con outra ocorrencia na lírica (115.3):
              –Paai Soarez, venho-vos rogar
              por un meu ome que non quer servir,
              que o façamos e vós jograr
              en guisa que possa per i guarir.

    Tamén se atesta nas Cantigas de Santa Maria (véxase nota a 1445.12): 

    mi e meu Fillo Jhesu 
    te escaecemos (CSM 125.105).

    Na prosa tamén se documenta esporadicamente (Ares Vázquez 1991: 50). Eis algunhas mostras: 

    Rogouos, amigo, que aquj moyra[m]os, mj̃ e uos (tradución galega da Crónica de Castilla e da Estoria de España; Lorenzo 1975: I, 750).

    vamos mi e ti e livremos este povo (Vida e feitos de Julio Cesar; Mateus 2010: III, 100).

    Esta forma pronominal tamén se rexistra na documentación notarial galega (véxase CGPA, s.v.): E nossas cartas que min e meu marido Martín Fernandes teemos de nossos heredamentos e de nossas gaançias (doc. 1265); Mándolle o quiñón meu das vacas que conpramos min e él do noso seruiçal de Fogio (doc. 1292). Véxanse, outrosí, diversas ocorrencias en documentos do mosteiro da Batalha (Gomes 2002: I, 103, 106, 123, 208, 333): presente mim Estevam Lourenço tabeliam (doc. 1420); presente mim Stevam Lourenço tabeliam (doc. 1420); e presente mym e testemunhas adeante escritas (doc. 1423); e dou minha verdadeira fe que se passou presente mym o que susodito he (doc. 1437); presente mym tabeliam e testemunhas que ao deante ssam scriptas (doc. 1447).

    Sen dúbida, esta forma en función de suxeito é paralela a ti coa mesma función, que se rexistra noutra cantiga (mais di-me ti, que trobas desigual; 1445.12), forma xeral no galego moderno, de que existen poucos testemuños certos na lingua medieval. Véxase a seguinte pasaxe nos Miragres de Santiago (véxase Ares Vázquez 1991: 51): «Ve [t]i, ve [t]i Jerosolimmjs»; que quer dizer: «mal seja a ti, mal seja aos de terra de Iherusalem».

  • 9

    Nesta cantiga rexístrase, a partir da lección de B, a variante nonca do adverbio nunca (do lat. nŭmquam), que só presenta outra ocorrencia en Pero d’Armea (xunto coa forma nuncas en Afons’Eanes do Coton en 970.14):

    e grave dia foi por mí enton 
    quando a vi, grave dia, ca non- 
    ca
    eu dona tan fremosa veerei (1092.20-21).

    Estas variantes son certamente minoritarias na lingua medieval, a teor dos datos subministrados polo Corpus Galego-Portugués Antigo, onde só comparecen por volta de trinta ocorrencias das formas minoritarias (véxase CGPG, s.v. nonca, nonqua, nuncas).

    Nótese tamén o frecuente uso de lhe/lhi invariábel, isto é, con usos de plural que é relativamente frecuente nos textos medievais (e mais na lingua moderna).

    Fazer cima ‘levar ao cabo, consumar’ documéntase en fórmulas semellantes no corpus trobadoresco. Cfr., por exemplo, dar cima ‘acabar, culminar’ en Joan Velho de Pedrogaez (1620.10).

  • 10

    Fronte a Nobiling (como) e Cohen (com’a), sen dúbida condicionados por preconceptos lusitanizantes, mantemos a forma coma, variante da conxunción como ~ come que só reaparece nun texto de Pero Garcia Burgales: ca lhis averra ende coma a min (186.19). A inexistencia desta forma en portugués moderno e a súa escasa documentación no período medieval está na base do seu apagamento en numerosas edicións da poesía trobadoresca, como mostra a emenda michaëliana, aínda que a propia Michaëlis recolleu tal forma na edición das obras de Sá de Miranda: Belo coma molher fia (Michaëlis 1989 [1885]: 383).

    Branca Frol e Flores (tamén citados por Don Denis en 530.8-9) son os protagonistas dun roman francés, anónimo, do século XII, Floire et Blancheflor, que gozou dunha enorme difusión durante a Idade Media. Narra a historia de Flores, fillo dun rei sarraceno da Península Ibérica que se cría coa filla dunha escrava cristiá, Brancaflor. Os nenos amánse e, para evitar que a relación se consolide, o Rei vende á rapaza cando esta chega á puberdade. Flores inicia unha peregrinación en busca da namorada que dura anos e que acaba cando a resgata do harén do emir de Babilonia e volven ao seu reino, onde, xa coroado, se converte ao cristianismo. A parella simbolizaba o amor inocente fronte á paixón adúltera doutros amantes célebres como Tristán e Iseo ou Lanzarote e Xenebra.

  • 11

    O termo jogador neste contexto ten o sentido de ‘brincador, argalleiro’.

  • 13

    Nótese neste verso (e máis no v. 19) a presenza do provenzalismo folia (cfr. loucura no v. 15), que alterna no corpus co minoritario loucura (8.20, 117.9, 360.5, 772.15, 1326.21, 1410.17, 1451.13, 1575.24).

  • 17

    A lectura proposta xa foi estabelecida no seu momento por Nunes e aceptada tamén por Cohen, fronte a Nobiling (coa suxestión, máis unha vez, da lectura correcta) que modifica a lección manuscrita para insistir na forma Joan: mays esto, Joan Garcia... Certamente, resulta sorprendente a confirmación da evolución Joan > Jan (testemuñada nos rexistros familiares do galego moderno e en vocábulos de estrutura semellante, como coallar > callar (do lat. coagulare), para alén da súa reaparición en 768.1, tamén en Guilhade) nun período en que a tendencia xeral era a manutención dos hiatos, normalmente producidos por caída de consoante intervocálica (véxase Ferreiro 1999: §35a). De todos os modos, esta evolución non deixa de ser similar á detectada na forma Pelagium > *Peaio > Paaio > Paio (1610.1)1 .

    Para alén de Jan, aínda se podería ler esta i, don Jan..., texto máis problemático canto á factibilidade lingüística, por máis que se considere que o demostrativo se referiría á loucura (e tamén a cordura e a folia).

    Por outra parte, as cantigas de Joan Garcia de Guilhade subministran numerosos exemplos de autonominatio, coa súa nominal inclusión dentro das súas cantigas. Véxase, tamén, 757.13, 760.13, 762.11, 768.1, 784.10.

  • 21

    A rectificación dos manuscritos (çafo[u] de pan de voda) presente en Nobiling, Nunes (e Cohen na primeira edición das cantigas de amigo guilhadianas en 1996) é desnecesaria e así é aceptado por Cohen, a partir de Ferreiro & Martinez Pereiro 1996: 104).

    O significado de pan de voda xa foi intuído por Nunes, que afirmaba: «Pan de voda seria por ventura o nome dado a algum bolo, feito de propósito para essa solenidade, talvez a regueifa ou fogaça, como pensa D. Carolina Michaëlis [...], depois a expressão usar-se-ia à laia de provérbio, no sentido de cousa de pouca dura» (cfr. Nunes 1973: III, 171-172). Opinión contraria mostraba Rodrigues Lapa (1982: 167), cando quería explicar pan de voda como resultado dunha evolución de pano de voda, que «podia significar folguedos, brincadeiras, festas»; mais esta opinión foi modificada posteriormente ao recoller a seguinte cuadra popular:

    O casar é uma açorda
    que se come enquanto quente;
    enquanto dura o pão de boda
    pula a noiva de contente.

    Efectivamente, sen dúbida pan de voda refírese á regueira ou bolo especial feito para celebrar o casamento: «Celebrado el matrimonio, los novios, acompañados de los padrinos, parientes y convidados, se dirigen a la casa, donde se come, se bebe, se canta, se baila y se troulea sin tasa hasta mucho después de bien entrada la noche, y en algunas comarcas aún se disputa el pan da boda: regueifa. [...] Acabouse o pan da boda, dícese en la vida matrimonial cuando al apasionamiento amoroso suceden las realidades y preocupaciones de sustentar la casa, la familia, etc. [...] Inda comen agora do pan da boda, que enche e non engorda (Rodríguez González 1958: s.v. boda). E tamén: «Pan de boda, pedazo de pan de trigo como de una libra [...] Generalmente, la regueifa, consiste en una rosca de pan de trigo con huevo y azúcar, más o menos adornada, hasta con cintas de varios colores» (Rodríguez González 1958: s.v. regueifa). A mesma acepción se rexistra en portugués: «Pão ou bolo, feito da melhor farinha. Pão em forma de rosca. Fogaça» (Figueiredo 1978: II, s.v. regueifa).

    Máis aínda: asociado a este pan de voda aparecen certos rituais fálicos que se celebraban nos casamentos dalgúns territorios portugueses até ben entrado o século XX: a preparación dun pan especial para o casamento está documentado nalgunhas zonas de Portugal (cfr. Centro de Estágio de Educação Visual 1983: 100-104): «Na Arte Popular em Portugal [...] vem registado um testemunho do abade de Baçal claramente ilustrativo da relação entre a forma do pão e o ritual a que está ligado: "Em Parada de Infanções, concelho de Bragança, um casamento a que assistimos pelos anos de 1900, vimos os nubentes, após a saída da igreja empunharem bolos de pão de configuração fálica, defendidos dos assistentes no meio de grande barulheira, que procuravam tirar-lhos na persuasão de que quem primeiro o conseguisse seria o primeiro a casar".

    Esta tendência a dar uma forma especial à comida e atribuir-lhe uma função simbólica, pode considerar-se antiquíssima e universal». [...]

    Estas roscas [...] não são redondas, como outras que com este nome ou o de regueifas abundam pelo Norte do País, mas sim em forma de U».

    É por isto que, como afirma Tato Fontaíña, “a imaxe dese falo çafado vai máis aló do que un simple cansazo polo xogo do amor cortés”, de modo que pon en evidendia “a ese Jan Garcia que non pode, ou non quere, satisfacer a demanda amorosa da amiga” (Tato Fontaíña 2008: 179).

  1. ^

    De todos os modos, a forma Jan non é citada en Mariño Paz (2006: 92), polo feito de partir da edición de Nobiling.

Buscar
    Sin resultados