En A a copia interrómpese no derradeiro verso da primeira estrofa (falta leixan quitar do v. 7).
I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 126-127); Bertolucci Pizzorusso (1992 [1963]: 65-66 [= LPGP 654]); Littera (2016: II, 133).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 61); Carter (2007 [1941]: 39); Marques Braga (1945: 125-126); Machado & Machado (1949: I, 220-221); Arbor Aldea (2016b); Rios Milhám (2017: I, 126).
III. Antoloxías: Arias Freixedo (2003: 621-622); Fidalgo (2009a: 76); Souto Cabo (2017: 174).
1 en] eu B 2 eu] en B; vos] uos A 4 forçar] forcar B 5 coraçon] coracon B 6 estes] stes B 7 que] qⁱ B 10 non os] nouꝯ B 28 morrer-] moire\r/ B
2 vos] vus Michaëlis, Bertolucci Pizzorusso 7 me] m’e[n] Bertolucci Pizzorusso, Littera 8 olhos] olhus Bertolucci Pizzorusso 10 non os] nonus Bertolucci Pizzorusso 13 Amor] amor Michaëlis, Bertolucci Pizzorusso 14 tantos] tantus Bertolucci Pizzorusso; guerr[e]ar] guerr[ei]ar Littera 15 ca lhi] C’alhi Michaëlis 18 vos] vus Michaëlis, Bertolucci Pizzorusso 19 vos fugirei] vus fogirei Michaëlis : vus fugirei Bertolucci Pizzorusso 24 vos ... vos] vus ... vus Michaëlis, Bertolucci Pizzorusso 28 vos] vus Michaëlis, Bertolucci Pizzorusso
(I) Aínda que eu fago canto podo, miña señora, por evitar vervos, de forma ningunha mo queren soportar estes que eu non podo forzar: os meus ollos e o meu corazón e Amor, todos estes son os que non me deixan evitar (vervos), (II) porque os meus ollos van catar a vosa fermosura e non os podo eu privar nin ao corazón de pensar en vós; e todo o tempo xúntase a eles Amor, e non podo eu con tantos loitar, (III) pois non lles poderei fuxir en ningunha parte se o quixese intentar; e por isto non me serve de nada tratar de vos fuxir, porque como vos hei fuxir se estes, de quen tal medo teño, non deixan que me afaste de vós?
(IV) E xa que non me deixan ir a ningures, estareilles, mentres eu puider, onde vos vexan, se o tiverdes a ben, e cumprireilles isto que eu sei que lles prace, e (aínda) outro pracer lles farei: morrereilles, cando vos non vexa.
Esquema métrico: 4 x 8a 8b 8b 8a 8c 8c 8a (= RM 161:263)
Encontros vocálicos: 3 mi-‿o; 17 mi‿á
Sobre o carácter de cantiga próxima ás cantigas ateúdas, cunha ligazón copulativa das dúas últimas estrofas, véxase nota á cantiga 55.
Nas anteriores edicións (Michaëlis, Bertolucci Pizzorusso, Littera) non aparece reflectida ningún tipo de ligazón interestrófica.
A introdución do pronome én en Bertolucci non parece necesaria, pois me é o CD de quitar.
Guerrear (<guerra + -ear) é documentación única no corpus, fronte a guerrejar. Véxase nota a 254.15.
A lectura de Michaëlis da secuencia <Calhi> é obviamente errada, pois ca non sofre elisión (véxase Ferreiro 2012b) e alhi sería un flagrante castelanismo.
Nelhur é ocorrencia única fronte a nenllur (241.29), forma que tamén é utilizada nas Cantigas de Santa Maria. Esta forma, xunto con nenllur, debe ser creación analóxica sobre o indefinido nen un ~ neun (e variantes), do mesmo xeito que algur xurdiría sobre algun, todas elas formas influídas polo provenzalismo alhur.
O verbo fugir é variante da forma, aínda maioritaria, fogir (< fŭgĕre) (cfr. v. 18), que sofreu un proceso de asimilación e harmonización vocálica ([o...í] > [u...í]) que afecta tamén as formas conxugadas; un proceso similar verifícase noutros verbos con representación no corpus profano: bulir (vs. bolir), cuspir (vs. cospir), destruir (vs. destroir), nuzir (vs. nozir); o mesmo acontece coas formas avurrido ou fugido. Cfr. nota a 460.2.