1145 [= Tav 77,20]
Quand’eu a San Servando fui un dia d’aqui

Quand’eu a San Servando fui un dia d’aqui
faze-la romaria e meu amig’i vi,
direi-vos con verdade quant’eu del entendi:
muito venho pagada
de quanto lhi falei;
mais á-m’el namorada,
que nunca lhi guarrei.
Que bõa romaria con meu amigo fiz,
ca lhi dix’, a Deus grado, quanto lh’eu dizer quix,
e dixi-lh’o gran torto que sempre dele prix:
muito venho pagada,
por quanto lhi fa[lei;
mais á-m’el namorada,
que nunca lhi guarrei].
U el falou comigo, disse-m’esta razon:
por Deus, que lhi faria? E dixi-lh’eu enton:
«Averei de vós doo [e]no meu coraçon»:
mui[to venho pagada,
por quanto lhi falei;
mais á-m’el namorada,
que nunca lhi guarrei].
Nunca m’eu desta ida acharei senon ben,
ca dix’a meu amigo a coita’n que me ten
o seu amor, e cuido que vai ledo por én:
muito venho pagada,
[por quanto lhi falei,
mais á-m’el namorada,
que nunca lhi guarrei].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 

Manuscritos


B 1142, V 734

En B a cantiga aparece coa numeración repetida: 1142 para as estrofas I-II, e 1142 para as estrofas III-IV. 

Só os vv. 8-10 aparecen dispostos en versos tridecasilábicos.

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 332-334); Cohen (2003: 369); Littera (2016: I, 582-583).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 257); Braga (1878: 139-140); Machado & Machado (1956: V, 211-212); Camargo et alii (1990: 26-27); Burgazzi (2015: 31-32).
III. Antoloxías: Cidade (1941: 15-16); Álvarez Blázquez (1975: 98).

Variantes manuscritas


8 bõa] bona V   9 quanto] q̄n to V   12 quanto] ꝙ̄to V   16 enton] entou V   17 coraçon] corazon V   25 venho] venha B

 

Variantes editoriais


En Nunes todos os versos da cantiga son editados como hexasílabos graves e agudos.

5 de] por Nunes   8 fiz] fix Cohen   9 quix] quis Littera   12 por] de Cohen, Littera   19 por] de Cohen, Littera   26 por] de Cohen, Littera

Paráfrase


(I) Cando un día fun desde aquí a San Servando, á romaría, e vin alí o meu amigo, direivos con toda a sinceridade o que eu souben del: agradoume moito canto con el falei, mais namoroume tanto que nunca sandarei.
(II) Que boa romaría fixen co meu amigo, que lle dixen, a Deus grazas, canto lle quixen dicir, e díxenlle o gran dano que eu sempre del recibín: agradoume moito canto con el falei, mais namoroume tanto que nunca sandarei.
(III) Cando el falou comigo, deume este argumento: por Deus, que lle faría? E díxenlle eu daquela: «Terei pena por vós no meu corazón»: agradoume moito canto con el falei, mais namoroume tanto que nunca sandarei.
(IV) Só ben encontrei eu nesta ida, pois díxenlle a meu amigo a coita en que me ten o seu amor, e creo que vai ledo por iso: agradoume moito canto con el falei, mais namoroume tanto que nunca sandarei.

Métrica


Esquema métrico: 4 x 13a 13a 13a 6’B 6C 6’B 6’C (= Tav 23:1)

Notas


Texto
  • 1

    Sen datos de confirmación, o santuario de San Servando podería identificarse coa capela dese padroeiro no lugar de Pazos (parroquia de Barxés, no concello de Muíño, en Ourense).

  • 4-5

    Repárese en que nesta ocorrencia do refrán (muito venho pagada / de quanto lhi falei) aparece preposición de como rexencia de viir pagada, mentres que nas seguintes estrofas transparece unha leve variación, ao introducir o enlace por para esa función: muito venho pagada / por quanto lhi falei. Véxase nota a 27.4.

    A variación que se percibe no refrán desta cantiga foi apagada en Nunes, que xeneralizou por, en face de Cohen e Littera, que nivelaron coa preposición de.

  • 8

    A presenza de -n- na forma manuscrita <bona> é simple indicación gráfica da nasalidade fonolóxica de /õ/ (confirmada neste caso pola lección de V). Idéntica circunstancia se verifica noutras voces que se rexistran esporadicamente, en especial, nos apógrafos italianos (case sempre con unha das documentacións correcta) en <alguna> algũa e <(h)una> ũa, <capaton es> çapatões, <certano> certão, <dona> dõa, <lontano> loução, <lunar> lũar, <mano> mão, <pardonar> perdõar, <poner> põer, <uano> vão, <ueno> vẽo, <uilano> vilão. Sobre estas grafías e as formas do tipo irmana, véxase Ferreiro 2008b.

  • 8-10

    No pretérito do verbo prender aparece, en convivencia coa forma etimolóxica prix, a forma analóxica prendi, que nivela a conxugación. Esta forma prix de P1 do pretérito de indicativo aparece sempre1 con palatalización final (véxase tamén 74.13, 1145.10, 1542.8), similar á das formas quix (véxase nota a 429.24) e pux (véxase nota a 988.21), palatalización que tamén existe na forma de presente trax (véxase nota a 429.24), no provenzalismo fix (véxase nota a 20.9) e mais no nome Beatrix (véxase 988.21). No relativo a estas formas de pretérito, tal fenómeno debe ser posto en relación coa existencia de formas alternativas palatalizadas do tipo *prige (non rexistrada no corpus), quige e puge, produto da acción do latino final (Ferreiro 1999: §20a), de modo que as formas prix (de *prehensī ou *prensī, polo clásico prehendī), quix (de *quesī, por quaesiuī) e pux (< posuī) serían produto do cruzamento de -s final (xordo) coas variantes palatalizadas, dando como resultado unha fricativa palatal xorda en posición final.
    Deste modo, o refrán da cantiga presenta, en principio (como nas cantigas 698 e 738), unha rima defectuosa (fiz - quix - prix), que diz respecto a unha nivelación fonolóxica de sibilantes que non é canónica nas rimas trobadorescas, aínda que é posíbel que na altura cronolóxica das cantigas xa existise neutralización na sibilante implosiva. Cfr., tamén, a rima vezes : meses en 1467.8-11, rafez : Ocres en 1610.16-18 e Galiza : Fariza : peliça : liça en 1635.18-24). Véxanse notas a 206.4-6, 383.19-20, 427.5-6, 453.5-6 e 1118.10-12.

    Cohen nivela graficamente a forma fiz transformándo un fix inexistente nas cantigas; por súa parte, en Littera quix e transfomado en quis, ficando igualmente unha rima irregular fiz : quis : prix.

  • 17

    A minoritaria forma eno aparece con certa frecuencia no sintagma eno meu coraçon (20.20, 64.7, 65.5, 103.6, 175.10, 299, 3, 311.3 etc.), circunstancia que favorece a súa escolla para salvar a hipometría do verso. Ademais, ao longo dos cancioneiros detéctase con frecuencia a presenza de no(s) ~ na(s) en B cando A achega a lección correcta eno(s) ~ ena(s) (véxanse 66.9, 164.r2, 217.11, 227.4, 278.21, 355.8).

  • 23

    A preposición en por veces estabelece crase coa voz anterior (habitualmente coita e dia), tal como se rexistra esporadicamente no corpus; esta crase ten unha maior presenza no Cancioneiro da Ajuda, que nalgúns casos a presenta fronte a BV, que manteñen a integridade de en (87.3, 133.15, 279.r1, 306.10) ou que, alternativamente, omiten a preposición (70.28, 89.19, 199.14). Véxanse tamén 18.16, 28.14, 43.20, 59.3, 60.7, 83.19, 133.2, 138.7 e 9, 141.9, 154.r1 e r3, 155.7, 263.6, 267.2, 270.19, 282.8, 388.5, 390.2, 395.7, 460.4, 465.10, 804.7, 1080.1, 1145.23 e 1420.11. Cfr. nota a 6.4.

  1. ^

    Non se rexistra pris nas cantigas profanas; esta forma sería o resultado normal de *prehensī ou *prensī« (LC prehendī). Si aparece, en troca, nas cantigas marianas: Virgen Santa, Reynna, / dá -me vingança, / ca pris viltança / en ta romaria (CSM 57.56).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado