723 [= RM 60,13]
Quand’eu sobi nas torres sobe-lo mar

Quand’eu sobi nas torres sobe-lo mar
e vi onde soia a bafordar
o meu amig’, amigas, tan gran pesar
ouv’eu enton por ele no coraçon,
quand’eu vi estes outros per i andar,
que a morrer ouvera por el enton.
Quand’eu catei das torres [en] derredor
e non vi meu amig[o] e meu senhor,
que oj’el por mí vive tan sen sabor,
ouv’eu enton tal coita no coraçon,
quando me nembrei del e do seu amor,
que a mo[rrer ouvera por el enton].
Quand’eu vi esta cinta que m’el leixou,
chorando con gran coita, e me nembrou
a corda da camisa que m’el filhou,
ouvi por el tal coita no coraçon,
pois me nembra fremosa u m’enmentou,
que a mo[rrer ouvera por el enton].
Nunca molher tal coita ouv’a sofrer
com’eu quando me nembra o gran prazer
que lh’eu fiz, u mi a cinta vẽo a cinger;
[e] creceu-mi tal coita no coraçon,
quand’eu sobi nas torres po-lo veer,
que a mo[rrer ouvera por el enton].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 

Manuscrits


B 708, V 309

Éditions


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 127-128); Cohen (2003: 193); Víñez Sánchez (2004: 145 [= LPGP 366-367]); Littera (2016: I, 412-413).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 124); Braga (1878: 59); Machado & Machado (1952: III, 391).
III. Antoloxías: De la Iglesia (1886: II, 215-216); Cidade (1941: 37-38); Seoane (1941: 83-84); Nemésio (1961 [1949]: 120-121); Martín Gaite & Ruíz Tarazona (1972: 117-119); Álvarez Blázquez (1975: 136); Torres (1977: 528); Reckert & Macedo (1980: 93); Ferreira (1988: 70-71); Jensen (1992: 134); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 73); Diogo (1998: 124); Arias Freixedo (2003: 421-422); Magalhães (2007: 92); Souto Cabo (2017: 106).

Variantes manuscrites


1 torres] coires B : corres V   6 morrer] moirer B   7 torres [en] derredor] toires deiredor B : torres derredor V   16 no] nō co til riscado B; coraçon] coracon B : corazon V   17 nembra] uēbra B   22 creceu] crezeu V; coraçon] coracon B : corazō V   23 torres] toires B; veer] ueor V

Variantes éditoriales


7 [en] derredor] derredor Nunes, Víñez Sánchez : [a] derredor Cohen, Littera   9 oj’el] oje Cohen, Littera   16 ouvi] ouv’i Cohen : houv’i Littera   22 [e]] om. Nunes; no] [e]no Nunes

Paraphrase


(I) Cando eu subín ás torres sobre o mar e vin o lugar onde o meu amigo soía guindar lanzas ao taboleiro, amigas, tan gran pesar sentín por el no corazón, cando eu vin estoutros andar por alí, que houben de morrer por el entón.

(II) Cando eu ollei desde as torres arredor e non vin o meu amigo e meu señor, que hoxe vive tan triste por min, sentín entón tal coita no corazón, cando me lembrei del e do seu amor, que houben de morrer por el entón.

(III) Cando eu vin esta cinta que el me deixou, chorando con gran coita, e me lembrou a corda da camisa que el me colleu, sentín por el tal coita no corazón que houben de morrer por el entón.

(IV) Nunca unha muller tivo que sufrir tal coita coma min cando me lembra o gran pracer que eu lle fixen cando me veu cinxir o cinto; e creceume unha coita tal no corazón, cando eu subín ás torres para velo, que houben de morrer por el entón.

Métrique


Esquema métrico: 11a 11a 11a 11b 11a 11B (= RM 13:4)

Encontros vocálicos: 2 so·i·a; 21 mia, vẽ·oa

Notes


Texte
  • 1

    O encontro da preposición latina super co artigo, sŭper+ĭllum, produciu un resultado con asimilación da secuencia [ɾ-l] que desembocou en sobe-lo, forma moi frecuente nas Cantigas de Santa Maria, fronte a esta única ocorrencia no corpus profano. No entanto, a forma sobre-lo(s)/a(s), con refacción por influencia de sobre, ten máis rexistros nas cantigas trobadorescas (1035.20, 1096.24, 1164.1 e 4, 1433.2, 1631.10, 1636.17, 1676.12), en liña coa súa alta frecuencia nos textos medievais1 .

  • 2

    Na lingua trobadoresca o verbo soer aparece en complexos verbais (soer + infinitivo) mais tamén en estruturas equivalentes coa preposición a como nexo (véxase 29.16, 371.28, 817.14, 1074.42, 1382.4, 1621.9, 1622.8). Cfr. nota a 3.17.

    Bafordar ‘tirar lanzas en xogos de cabalaría’ (tamén en 478.30, 769.2 e 9, 1365.15) é sinónimo de lançar a tavolado (véxase v. 27). Ambas as dúas accións aparecen decote unidas en diversas narracións medievais de teor cabaleiresco:

    Os castelãos a hũu cabo alançauã et quebrantauã os tauolados, et os outros tragiã armas et bufurdauã (...) Et forõ y grandes alegrias ademays de lãçar a taualados et de bofurdar et correr touros et de jogar tavolas et açedrẽches et moytos iograres (tradución galega da Crónica de Castilla e da Estoria de España; Lorenzo 1975: I, 138, 176).

    Mays todos cada día andauã ante ela bufurdando et lançando o trauado (...) Et os caualeyros lançauã a trauados et bufurdauã (Crónica Troiana; Lorenzo 1985: 720, 721).

    Vaasco Gonçalvez Peixoto, que foi de boas manhas em lançar a cavalo a tavolado e em bafordar e em nas outras cousas que perteencem a fidalgo (Livro de Linhagens do Conde D. Pedro; Mattoso 1980: II/2, 42).
     
    E baffordavã e britavã tavolados e filhavã escudos e lanças (Crónica Geral d’Espanha de 1344; Cintra 1952-1990: III, 80).

  • 5

    A expresión analítica estes outros, que só volve atestarse na cantiga 410.15, contrasta coa aparición do demostrativo reforzado est’outro e aquest’outro (véxase nota a 1237.32), que era relativamente frecuente na lingua medieval (véxanse, por exemplo, est’outro nas CSM 141.29; estoutra na Crónica Troiana (Lorenzo 1985: 370); estoutros no Livro de Falcoaria (Lapa 1931: 72), destoutra n’Ho Flos Sanctorum em Lingoagẽ (Lucas 1988: 35) etc.

  • 7

    A hipometría versal, que foi respectada en Nunes e Víñez Sánchez, solicita a restauración de unha sílaba métrica, que en Cohen e Littera desembocou en [a] derredor. Porén, na Idade Media a locución adverbial con derredor presenta maioritariamente a forma en derredor, que convive coa minoritaria a derredor (cfr. 1400.14) e, mesmo, de redor (para alén da forma aglutinada derredor) (véxase CGPA, s.v. en/em derredor/deredor, a derredor/derredor, de redor/rredor). Sendo que os códices presentan a lección <derredor>, parece preferíbel reintegrar a preposición en, que facilmente puido ser omitida no proceso de copia tras a palabra torres, cunha terminación similar á preposición (<es>-<en>). Máis aínda, na Crónica Troiana documéntase idéntica expresión que a de Gonçal’Eanes do Vinhal:

    Et fézolle moytas grãdes torres en derredor (...) Et o muro del era de mármol, et auj́a moytas torres en derredor et sij́a en hũ lugar moy forte, et jazía sóbrelo mar (Lorenzo 1985: 231, 257).

  • 13

    A cinta (que volve aparecer no v. 21) é o cordón con que se apertaba a camisa ou o vestido á cintura. Por ese uso como ataxe, foi tomada como símbolo de unión e de fidelidade entre os namorados, que se intercambiaban anacos de cintas para mostrar que o amor era correspondido e tamén cando se separaban por un período longo, para manteren viva a chama do amor e a fidelidade.

  • 19-20

    A utilización de eu como segundo termo da comparación (tal coita ouv’a sofrer com’eu) introducida por come é minoritaria, pois só volve aparecer en 43.15, 150.2, 978.8, 1074.5 e 1593.r2, 1609.16, face á habitual construción come mi(n), en liña co que acontece no galego moderno, onde só é posíbel coma min.

  • 22

    A necesaria restauración de unha sílaba métrica a través da copulativa inicial do verso está sustentada pola moi frecuente omisión da conxunción por erro de copia, como mostran os abondosos casos en que algún dos manuscritos ofrece a lección correcta: A vs. B (65.29, 117.12, 165.10, 174.12 etc.), B vs. V (424.14, 1195.16 etc.), V vs. B (403.6, 1614.20 etc.). E noutros casos, a métrica e/ou o sentido indica a necesidade da recuperación da copulativa (véxase 6.14, 60.27, 103.18, 110.3 e 17, 230.5, 271.5 etc.). Cfr. nota a 42.15 e 274.19

  1. ^

    O mesmo proceso que levou a sobre-lo pode verse en entre-lo(s)/a(s), a partir de ĭnter+ ĭllum, aínda que non se rexistra o resultado *ente-lo(s)/a(s). Véxase CGPA, s.v. entrelo/a(s), entrello/a(s).

Rechercher
    Aucun résultat trouvé