I. Edicións críticas: Lang (1972 [1894]: 16 [= LPGP 218-219]); Nunes (1972 [1932]: 68-69); Eirín (2015: 69); Littera (2016: I, 167).
II. Outras edicións: Moura (1847: 8-9); Monaci (1875: 39); Braga (1878: 18); Machado & Machado (1952: III, 7); Júdice (1997: 81); Montero Santalha (2004); Rios Milhám (2018b: III, 499).
4 agora] agura B 6 morrer ei] moirerey B : monerey V 8 como] tomo B 10 do que enton verei] de q̄ entō [****]y V 11 perdon] pardon B 18 coraçon] coracō B : corazon V 19 sairei] saytey V 21 dos] da V
2 a veer] aveer Lang 5-6 [vos] veja: mais tal confort’ei / que aquel dia morrerei Lang : veja, mays [a]tal confort’ey / que aquel dia morrerey Nunes : veja; mais [sei] que morrerei / aquel dia (tal confort’hei) Littera 10 do] de Lang, Nunes 21 dos] do Lang
(I) Todo canto eu temín ver de vós, miña señora, sei moi ben que non teño o poder para me ver libre agora de velo; mais teño o conforto de que ese día hei de morrer e perderei coitas de amor.
(II) E como queira que eu non poderei ver un maior pesar que o que daquela verei, estou gozoso por iso, que Deus me perdoe, porque pola morte hei perder ese día a coita que teño, cal nunca fixo outra igual Noso Señor.
(III) E aínda que teño un pavor tan grande de ver ese día cal non vos podo dicir, sinto conforto no meu corazón porque pola morte me librarei aquel día do mal que teño, o peor dos peores que fixo Deus.
Esquema métrico: 3 x 8a 8b 8b 8c 8d 8d 8a (= RM 204:2)
Encontros vocálicos: sa·i·rei
Obsérvese o artificio métrico nesta cantiga, coa aparición de veer e de ei como palabras-rima nos vv. 2 e 6, respectivamente, de todas as estrofas.
Na lingua trobadoresca o verbo recear aparece en complexos verbais (recear + infinitivo), mais tamén forma unha estrutura equivalente coa preposición a como nexo, de modo similar a outros verbos como conviir, conselhar, ousar, desejar etc. (cfr. nota a 3.17). É máis frecuente a construción con de (véxase 81.3, 722.3, 1282.13) ou sen partícula nexual (355.3, 417.1): talvez por isto aparece a estraña interpretación aveer de Lang, forma inexistente no corpus lingüístico galego-portugués.
Estes versos son emendados en Lang e Nunes e parcialmente trocados en Littera para satisfacer unha aparente irregularidade no artificio métrico. Porén, a contaxe bisilábica de mais (véxase nota a 12.8) evita calquera tipo de reintegración de elementos no v. 5; ao mesmo tempo, partir da segmentación no v. 6 da preposición a da habitual perífrase aver + a + infinitivo (...aquel di’a morrer ei) é a única forma, sen intromisións textuais de maior entidade, de que ei funcione como partícula rimante nesta posición en todas as estrofas. Véxase nota a 36.8-9.
A forma gráfica pardon, aparente variante de influencia francesa para o xeral perdon é lección exclusiva (errada, por deficiente desenvolvemento da abreviatura <ꝑ>) do copista a do Cancioneiro da Biblioteca Nacional (véxase Ferrrari 1979: 83-85), pois de case sesenta aparicións de tal forma en B, só dúas delas son doutros copistas (859.6, copista b, 952.9, copista e), constituíndo, por tanto, simples lapsos puntuais que tamén poden aparecer noutros vocábulos. Véxase Ferreiro (2016b).
É perfectamente posíbel a segmentación dun artigo para coita: perderei / aquel di’a coita que ei. Porén, a ausencia de artigo continúa a expresión perderei coitas de amor presente na estrofa anterior (v. 7).