196 [= RM 125,41]
Que muit’á ja que a terra non vi

Que muit’á ja que a terra non vi
u ést’a mui fremosa mia sennor,
de que m’eu triste chorando parti,
e muit’anvidos e mui sen sabor
porque me disse que me partiss’én,
ai!, mia sennor e meu lum’e meu ben,
máis fremosa das donas que eu vi!
E, meus amigos, por meu mal a vi
das outras donas parecer mellor,
e fez-mi-a Deus veer por mal de mí,
meus amigos, ca, de pran, [n]a maior
coita do mundo viv’oje por én,
como querer-lle mellor d’outra ren,
e non a vej’, amigos, u a vi.
Mais u mi-a Deus primeiro fez veer
máis me valvera de morrer enton,
pois que mi-a Deus tan gran ben fez querer
que ben mil vezes, si Deus me perdon,
esmoresco no dia, que non sei
que me faço nen que digo, tant’ei,
amigos, gran coita po-la veer!
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 

Manuscripts


A 103, B 211

Editions


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 213-214); Blasco (1984: 169 [= LPGP 833]); Marcenaro (2012b: 260); Littera (2016: II, 357).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 91); Carter (2007 [1941]: 62-63); Marques Braga (1945: 198-199); Machado & Machado (1949: I, 344-345); Fernández Pousa (1953: 20-21); Arbor Aldea (2016b); Rios Milhám (2018a: II, 196).

Manuscript variants


4 e muit’anvidos] (e) anuidos A   5 me partiss’én] mi partisse\e/m B   6 ai] A B   7 eu] om. B   8 amigos] amigus B   9 parecer] (e) pareçer A   10 mí] mī A   12 viv’oje] ui u oge A : ui oie B   13 lle] lhi B   15 primeiro] primero A; fez] feez   16 me valvera] mi ualera B   18 si Deus me] se d’s mi B   20 me] mi B

Editorial variants


3 triste] trist’e Michaëlis, Blasco, Marcenaro, Littera   6 ai!, mia sennor] a mia senhor Michaëlis   10 mí] min Blasco, Marcenaro : mim Littera   11 [n]a] a Michaëlis, Blasco, Marcenaro, Littera   14 vej’] ver Littera

Paraphrase


(I) Canto tempo hai xa que non vin a terra onde está a moi fermosa señora miña, de quen eu triste chorando me afastei, e moi contra a miña vontade e sen gusto, porque me dixo que me fose de alí, ai!, miña señora e miña luz e meu ben, a máis fermosa de todas as donas que eu vin!

(II) E, meus amigos, para a miña desgraza a vin ser máis fermosa que todas as outras donas, e Deus fíxoma ver para a miña desgraza, meus amigos, pois, con certeza, hoxe vivo na maior coita do mundo por iso, queréndoa máis que a cousa ningunha, e non a vexo, amigos, onde a vin.

(III) Mais alí onde Deus ma fixo ver por vez primeira máis me valera morrer daquela, porque ma fixo Deus amar tanto que ben mil veces no día, así Deus me perdoe, me desmaio, que non sei que fago nin que digo, tanto sufro, amigos, gran coita por a ver!

Metrics


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10a 10b 10c 10c 10a (= RM 100:17)

Encontros vocálicos: 10 -mi-‿a; 15 mi-‿a; 17 mi-‿a

Notes


Text
  • 1

    O abrupto comezo da cantiga con que é frecuente no corpus trobadoresco, sempre seguido de muito ~ mui, que confire un carácter exclamativo (‘Canto...!’) ao inicio da composición (199.1, 393.1, 407.1, 574.1624.1, 836.1, 866.1, 942.1, 1023.1, 1040.1, 1173.1, 1397.1), para alén de que se poida tamén considerar que a conxunción inicial introduce un período dependente dun verbo declarativo elíptico, que nalgún texto é claro (253.1, 432.1, 737.1).

  • 3

    É frecuente encontrar no corpus o adxectivo triste, aplicado ao trobador ou ao amigo, seguido dun xerundio de chorar ou de coidar/cuidar; é por isto que é posíbel unha dupla solución: trist’e chorando vs. triste chorando. Nestes contextos a non segmentación achega maior ambigüidade expresiva e, por tanto, máis posibilidades interpretativas.

  • 4

    O adverbio anvidos ‘de má vontade, contra vontade’ é de exclusivo uso literario, pois só se atesta neste verso e mais en 1091.7 e 1340.25 como locución adverbial d’anvidos, igual que en CSM 55.4. Fóra da poesía trobadoresca, só o achamos coa forma a envidos na tradución galega da Crónica de Castilla e da Estoria de España, para alén duns poucos exemplos no Corpus Galego-Portugués Antigo (s.v. envidos):

    Et entõ el rrey dõ Alfonso foy seydo da priiom et entrou mõge ẽno moesteyro de Sam Fagũdo, mays a envidos ca de grado (Lorenzo 1975: I, 368).

    Outrosí, existe a variante de envidos (véxase Machado Filho 2013: s.v. deenvidos). Procede do adxectivo lat. inuitus ‘que actúa contra a súa vontade, con relutancia’.

  • 6-7

    Perante a dupla versión manuscrita (<ay mia sennor> A, <Amha senhor> B) ábrense varias posibilidades de edición. Só Michaëlis optou pola lección de B, convertendo a mia senhor en suxeito de me disse que me partisse do verso anterior (v. 5). No entanto, na liña de conceder prioridade á lección do Cancioneiro da Ajuda, preferimos editar o texto considerando a presenza dunha interxección (ai!), que reforza o carácter exclamativo dunha estrofa que xa desde o inicio presenta a exclamación a través de Que.
    En calquera caso, tamén se podería considerar un corte sintáctico no v. 5, de modo que os vv. 6-7 constituísen unha exclamación, aínda que desligada na liña discursiva, tal como foi estabelecido no texto proposto en Blasco ou Littera.

  • 11

    A frecuencia e abundancia da expresión viver en ~ na coita, sen documentación de viver a coita no corpus, xustifica a emenda da lección manuscrita, que se pode explicar facilmente pola secuencia pran na e a doada omisión de <n> en na. Neste sentido, a versión de B (ui oie > vi oje) parece unha trivialización orixinada precisamente para axustar o texto á ausencia da preposición en: «de pran a maior / coita do mundo vi oje», pola estrañeza da construción viver a coita.

  • 13

    A conxunción como cumpre neste verso a función de introducir un infinivo explicativo, facéndoo equivaler a ‘isto é’ (só se rexistra en 42.4, 87.8, 119.17, 167.11, 196.13, 220.11, 547.13, 638.3 e 861.13).

  • 15

    Dun modo similar a erros de copia <o>/<ou> no Cancioneiro da Ajuda (véxase nota a 65.32), neste manuscrito tamén existen varios casos de <e>/<ei> (coa lección correcta en BV), que deben ser postos en relación co feito de o cancioneiro ter sido copiado en Castela: direi <dire> A (122.17; 170.5, 6 e 20, fronte a <direi> nos vv. 13 e 27; 177.27), primeiro <p’mero>, <primero> A (176.9, 300.13), acordei <acorde> (247.16), Nogueira <noguera> A (1235a.5).

  • 16

    De novo (cfr. nota a 127.19) se rexistra a vacilación (neste caso A vs. B) entre a conservación da raíz antiga valv- (valvera) dos tempos de pretérito de valer e a aparición e extensión da raíz analóxica regularizada val- (valesse). Ao contrario das Cantigas de Santa Maria (véxase Mettmann 1959-1972: IV, s.v. valer), onde predominan as formas etimolóxicas nos tempos de pretérito de valer coa raíz valv- (véxase Ferreiro 1999: §221d; Mariño Paz 2000: 699-703), na poesía profana xa son minoritarias as formas máis antigas (véxase tamén 35.24, 117.12, 127.19, 271.3, 559.2, 1373.6 e 1532.20).

Search
    No results