996 [= Tav 155,11]
Se eu ousass’a Maior Gil dizer

Se eu ousass’a Maior Gil dizer
como ll’eu quero ben des que a vi,
meu ben seria dizer-llo assi;
mais non llo digo, ca non ei poder
de lle falar en quanto mal me ven,
e quantas coitas, querendo-lle ben.
Como ll’eu quero ben de coraçon,
se llo dissesse, ben seria ja;
mais, porque sei que mi-o estraiará,
sol non llo digo, ca non ei sazon
de lle falar en q[uanto mal me ven,
e quantas coitas, querendo-lle ben].
Se ll’eu dissess’en qual coita d’amor
por ela viv’e quant’afan eu ei,
meu ben seria; mais non llo direi
per nulla guisa, ca ei gran pavor
de lle falar en quanto mal me ven,
[e quantas coitas, querendo-lle ben].
Mais de tod’esto non lle dig’eu ren
nen llo direi, ca lle pesará én.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20

Manuscritos


A 301, B 993, V 581

O Cancioneiro da Biblioteca Nacional e o da Vaticana presentan diferente orde nas estrofas da cantiga (I-III-II), ao tempo que non copian a fiinda.

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: 601-602 [= LPGP 976]); Littera (2016: II, 551).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 208-209); Braga (1878: 112); Carter (2007 [1941]: 176); Machado & Machado (1953: IV, 382-383); Arbor Aldea (2016b).
III. Antoloxías: Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 238); Arias Freixedo (2003: 865-866).

Variantes manuscritas


1 Se] e A   5 de lle] Delhi B : Velhi V; me] mj B : mi V   6 e] et A; quantas coitas] quanta coyta BV; lle] lhi BV   7 ll’eu] lhi eu BV; coraçon] coracon B   8 dissesse ben] disser meu ben BV   9 porque] pre que V; estraiará] estranhara BV   11 lle] lhi BV   13 Se ll’eu dissess’en] E sse soubessen BV; qual] q̄l V   14 viv’e] uyuo e B : uiuo e V; quant’] ꝙ̄t V; eu] om. A   15 seria] seeria BV   16 guisa] grisa V; ca ei gran pavor] ꝑomei sabor BV   17 lle] lhi BV; falar] falhar V; me] mi V   19-20 om. BV

Variantes editoriais


9 estraiará] estranhará Michaëlis, Littera   14 afan] afã Littera

Paráfrase


(I) Se eu me atrevese a dicirlle a Maior Gil como a amo desde que a vin, sería o meu ben dicirllo así; mais non llo digo, porque non teño o poder de lle falar de canto mal me vén, e cantas coitas, por amala.
(II) Como eu a amo de corazón, se llo dixese, estaría moi ben; mais, porque sei que mo censurará, non llo digo, pois non encontro o momento de lle falar de canto mal me vén, e cantas coitas, por amala.
(III) Se eu lle dixese en cal coita de amor eu vivo por causa dela e canto afán eu levo, sería para o meu ben; mais non llo direi de xeito ningún, porque teño gran pavor de lle falar de canto mal me vén, e cantas coitas, por amala.
(1) Mais de todo isto non lle digo eu nada nin llo direi, porque lle pesará.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C (= Tav 160:243) + 10c 10c

Encontros vocálicos: 9 mi͜-o

Notas


Texto
  • *

    Máis unha vez na tradición manuscrita da obra deste autor, as dúas pólas da mesma presentan variantes notábeis (véxase a cantiga 995).

  • 1

    A citación expresa do nome da amada (Maior Gil) vai contra unha das regras do amor cortés, a do segredo amoroso1 . Na poesía galego-portuguesa poden encontrarse casos de incumprimento desta norma en distinto grao, desde cantigas de amor lixeiramente heterodoxas por este motivo, como esta de Vaasco Rodriguez de Calvelo, até cantigas de escarnio que parodian a retórica do amor cortés. Algúns outros casos con diferentes graos de heterodoxia achámolos, por exemplo, nas cantigas 111 (Pero Velho de Taveiroos), 124 (Paai Soarez de Taveiroos), 149 (Anónima?), 309 (Roi Paez da Ribela), 383 (Afonso Sanchez), 429 (Pero Viviaez) ou 1427 (Joan Soarez Coelho).

  • 6

    A grafía <et>, de presenza esporádica ao longo dos cancioneiros apógrafos italianos, nomeadamente no Cancioneiro da Vaticana, só ten unha moi limitada presenza no Cancioneiro da Ajuda, con dous rexistros no seu inicio (65 [A2, B92], v. 7; 82 [A16, B109], v. 3) e unha presenza máis maciza na parte final do cancioneiro: 1236 [A283, B1220, V825], v. 10; 982 [A289, B980, V567], v. 12; 997 [A 293, B 993bis, V 582], v. 3; 999 [A295, B995, V584], vv. 2 e 9; 1000 [A296, B996, V585], vv. 2, 7, 15 e 16; 994 [A300, B991, V579], vv. 8, 10 e 15; 996 [A301, B993, V581], v. 6; 894 [A302], v. 4; 896 [A304], v. 15. Na realidade, esta grafía para a copulativa debe ser posta en relación con outras grafías ou formas latinizantes que se detectan ao longo do corpus (véxase nota a 63.2).

    A utilización do singular en coita por parte de BV non altera significativamente a semántica do refrán.

  • 8

    A lección dos apógrafos italianos presenta unha anómala –do punto de vista da concordantia temporum– forma verbal en futuro de subxuntivo (disser) cando o verbo principal vai en pospretérito (sería), compensando metricamente o verso coa introdución do posesivo meu: se llo dissesse, ben seria ja (A) vs. se llo disser, meu ben seria ja (BV). Algo similar acontece en 237.13-14, neste caso coa lección correcta en B e o erro da consecutio temporum no Cancioneiro da Ajuda.

  • 9

    O resultado estraiar de A (con unhas poucas ocorrencias no corpus, ás veces coa forma nasalada estrãiar), con desnasalización, a partir de extraneāre, con caída de -n- intervocálico en vez da habitual palatalización do grupo [nj], é minoritario mais convive coa solución xeral estranhar, en xeral transmitido por BV. Véxase nota a 103.1.

  • 15

    A forma máis conservadora seeria, transmitida por BV, contrasta con seria, maioritaria no Cancioneiro da Ajuda, que neste aspecto se revela como un cancioneiro máis innovador.

  • 16

    Obsérvese como, máis unha vez, A e BV marcan diferente dirección discursiva, neste caso con diverxencia semántica perante a coita. Eis o texto enviado por Ajuda:
                            ... ca ei gran pavor
              de lle falar en quanto mal me ven,
              [e quantas coitas, querendo-lle ben].
    Velaí a inversión semántica de BV, con mudanza expresiva e nova compensación métrica:
                             ... pero m’ei sabor
              de lle falar en quanto mal me ven,
              [e quantas coitas, querendo-lle ben].

  • 17

    Fronte á moi rara grafía <nh> por <n> (véxase nota a 1015.7), o erro gráfico <lh>/<l> aparece con algunha frecuencia ao longo dos dous cancioneiros italianos apógrafos (con maior incidencia en V), e moi especialmente nun pequeno número de voces: ali <ali> A, <alhi> B (313.10); <alhy> B (466.19); <a(lhy)ly> B, <aly> V (1317.15); <aly> B, <alhy> V (1473.15); <ali> B, <alhi> V (1479.3); o pronome persoal tónico de P3: eles <elhes> B, <elles> V (489.17); ela <elha> B, <ela> V (632.18); elas <elhas> BV (1205.7); elos <elhꝯ> BV (1205.10); o verbo falar, con diversas flexións: falar <falar> B, <falhar> V (599.5); <falar> AB, <falhar> V (996.17); <falhar> V (1010.13); <falar> B, <falhar> V (1033.7); fala <fala> B, <falha> V (958.19); fale <fale> B, <falhe> V (722.11); e no substantivo vassalo(s): <uassalos> B, <uassalhos> V (925.13); <vassalo> B, <ua ssalho> V (1503.10). Noutros vocábulos, a aparición de <lh> por <l> é moito máis esporádica: ala <alha> B, <ela> V (1252.27); camela <camelha> V (1449.16); olas <olhas> B, <olas> V (1634.8); velida <uolhi da> BV (676.12) etc.

  1. ^

    En Littera apúntase a dúas (hipotéticas) identificacións de Maior Gil: «Das duas damas homónimas presentes nos Nobiliários, Maior Gil de Jolda e Maior Gil de Eiró, deverá tratar-se da primeira, tendo em conta as origens da sua linhagem. Era, na verdade, filha de Gil Martins de Jolda, cavaleiro citado nas Inquirições de 1258, e ativo a sul de Ponte de Lima, na mesma região do trovador Vasco de Calvelo» (Lopes & Ferreira & al. 2011-: http://cantigas.fcsh.unl.pt [consult. 25-3-2020]).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado