178 [= RM 125,48]
Se eu soubesse, u eu primeiro vi

Se eu soubesse, u eu primeiro vi
a mia sennor e meu lum’e meu ben,
que tanto mal me verria por én
como me ven, guardara-me log’i
de a veer, amigos, pero sei
ca nunca vira nen vi nen verei
tan fremosa dona com’ela vi.
Mais, amigos, mal dia fui por mí,
pois me por ela tan gran cuita ven
que ben mil vezes no dia me ten,
meus amigos, desjuigad’assi
que niun sén nen sentido non ei,
e quand’acordo, amigos, non sei
niun consello pois aver de mí.
En tal coita qual m’oides dizer
me ten, amigos, si Deus me perdon,
des que a vi (que non visse!), ca non
vi nunca dona tan ben parecer
nen tan fremoso nen tan ben falar:
por tal dona, qual m’oides contar,
moir’eu e non lle posso ren dizer,
ca, se a posso algũa vez veer,
quanto cuid’ante no meu coraçon
ca lle direi escaece-m’enton,
ca mi-o faz ela tod’escaecer:
tanto a vejo fremoso falar
e parecer, amigos, que nembrar
non me posso senon de a veer.
E, se me Deus quisesse dar seu ben
dela, ja ll’eu quitaria por én
seu parais’e outro ben-fazer.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 
 
30
 

Manuscritos


A 88, B 192

Edições


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 187-188); Blasco (1984: 93-94 [= LPGP 837]); Marcenaro (2012b: 161-162); Littera (2016: II, 343-344).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 82); Carter (2007 [1941]: 53-54); Marques Braga (1945: 170-171); Machado & Machado (1949: I, 312-313); Fernández Pousa (1953: 8-9); Arbor Aldea (2016b); Rios Milhám (2018a: II, 178).
III. Antoloxías: Alvar & Beltrán (1989: 196-197); Alvar & Talens (2009: 458-460).

Variantes manuscritas


1 soubesse, u eu] soubessu a eu B   2 meu] men B   3 verria] ueiria B   4 me] mj B   6 verei] ueerei B   8 Mais, amigos] Me9 amig9 B; fui por mí] foy pʳmj̄ B   9 me] mj B; cuita] coyta B   11 desjuigad’] des uiygad A : desmygad B   12 niun] nē hū B   13 e quand’acordo, amigos] equator da mig B   14 niun] nē hū B; mí] mī A   15 En] om. B; m’oides] mj oyredes B   16 si Deus me perdon] sed’s mj ꝑdon B   17 vi] nj B   19 fremoso] fremosa B   21 lle] lhi B   24 ca lle] q̄lhi B   25 escaecer] escaçer A   29 se me Deus] me (deus) A : sse d’s mj B   31 parais’] (paraiso) e A

Variantes editoriais


1 soubesse] soubess(e) Michaëlis   8 fui] foi Littera   9 cuita] coita Littera   11 desjuigad’] desviingad’ Michaëlis : desjuỹgad’ Blasco : desjüizad’ Littera   12 niun] nẽum Littera   14 niun] nẽum Littera   15 m’oides] mi-oïdes Michaëlis   16 me perdon] mi perdon Marcenaro   22 posso] poss(o) Michaëlis   31 ben-fazer] ben fazer Blasco, Marcenaro 

Paráfrase


(I) Se soubese, cando vin por primeira vez a miña señora e a miña luz e o meu ben, que me viría por iso tanto mal como me vén, gardaríame de a ver, amigos, aínda que sei que nunca vira nin vin nin verei tan fermosa dona como a vin a ela.

(II) Mais, amigos, aciago día foi para min, porque me vén por ela tan gran coita que ben mil veces no día me ten, meus amigos, tan desaxuizado que ningún sentido nin cordura teño, e cando acordo, amigos, non encontro ningún remedio para min.

(III) En tal coita como me ouvides me ten, amigos, así Deus me perdoe, desde que a vin –oxalá que a non vise!–, pois nunca vin ningunha dona que fose tan bela nin que falase de modo tan fermoso nin tan ben: por tal dona, de que me ouvides falar, morro eu e nada lle podo dicir, (IV) pois, se a podo ver algunha vez, todo canto pensei antes no meu corazón que lle diría esquéceme entón, porque ela mo fai esquecer todo: véxoa falar tan fermosamente e ser tan bela, amigos, que non me podo lembrar máis que de vela.

(1) E, se Deus me quixese dar o seu ben, xa eu renunciaría ao seu paraíso e a calquera outro beneficio.

Métrica


Esquema métrico: 4 x 10a 10b 10b 10a 10c 10c 10a + 10d 10d 10a (= RM 161:84)

Encontros vocálicos: 1 soubesse,u; 11 des·ju·i·ga·d(o); 22 possoalgũa; 25 mi-‿o

Notas


Texto
  • 6

    Para alén da presenza de erros de copia ou de variación inducida pola aparición ou supresión doutros elementos, en B (e V) percíbese, con relación a A, unha maior tendencia á utilización de formas gráficas máis arcaicas de seer e veer no relativo á conservación de hiatos gráficos en posición pretónica: Tan vil vos serei [<seerei> B] de pagar (90.15); u veran [<ueeram> B] ela que tan muito val (195.36); o entender máis como seria [<seeria> B] (236.7); ben vera [<ueera> B] que cab’ela non son ren (305.9); meu ben seria [<seeria> B, <seeria> V]; mais non llo direi (996.15) etc.

  • 8

    Do mesmo modo que a forma foi pode ser P1 de pretérito de seer (e de ir), tamén fui (foi en B) aparece esporadicamente como forma de P3 (sen efecto metafónico, por tanto, ou con xeneralización analóxica de unha ou outra persoa): a pesar de que en xeral se estabelece unha oposición P1 / P3, fui (< fŭī) / foi (< fŭĭt), pola acción metafónica de -ī final nalgúns pretéritos fortes (cfr. tamén fiz vs. fez, sive vs. seve, tive vs. teve etc.), foi pode ser resultado de P1, o mesmo que fui de P3.

  • 11

    Desjuigado ‘sen xuízo, desvairado’ é voz formada sobre juigar1 , que se atesta con frecuencia nas Cantigas de Santa María (juigar, joigar) e nalgúns textos legais, especialmente no Foro Real de Afonso X (véxase Ferreira 1987: II, s.v. iuygar). Neste sentido, as edicións de Michaëlis e Littera están sen dúbida erradas.

  • 17

    Neste verso aparece a frase exclamativo-desiderativa, de carácter parentético, que non + pretérito de subxuntivo. Repetida ao longo do corpus sempre coa mesma fórmula, mostra especial preferencia polos verbos veer e nacer (véxanse 41.3, 179.4, 270.20, 610.15, 621.3, 647.15, 911.9, 1099.10 e 17, 1170.r2, 1412.10).

  • 24

    Enténdase: 'quanto ante no coraçon cuido ca lhe direi...'.

    Os datos achegados polos cancioneiros revelan que as conxuncións que e ca son intercambiábeis tanto en función causal como completiva. En liñas xerais, existe certa preferencia por ca en A (fronte a BV): 66.6, 84.6 e 15, 92.27, 94.20, 142.28, 166.23, 167.18, 170.10 e 27, 177.14, 178.24, 179.19 e 26, 249.5, 276.r2, 317.16, 320.8, 355.3, 430.13, 812.3, 980.8, 981.19 e 26, 984.6, 995.7. Mais tamén encontramos a preferencia inversa (que A, ca B): 68.19, 84.6, 94.20, 221.9. E, finalmente, aínda entre os propios apógrafos italianos se encontra tal variación: ca B vs. que V (725.22 e 1102.5) e mais nas cantigas 655.14 e 984.r2 en que a primeira versión presenta ca face á segunda con que2 .

  • 29

    Por máis que Deus apareza anulado na copia da cantiga no Cancioneiro da Ajuda, a lección de B e a métrica informan da necesidade deste suxeito no verso.

  • 31

    Obsérvese a inédita aparición de paraiso nunha cantiga de amor para suxerir que o trobador é quen de renunciar mesmo a el polo amor da senhor3  (lémbrese que Pero Garcia Burgales é autor tamén doutras cantigas que se aproximan á irreverencia relixiosa). O feito de que se trate dunha atrevida hipérbole de carácter relixioso explique a cancelación da voz (e do concepto) no Cancioneiro da Ajuda, que, de calquera forma, non completou a súa substitución. En calquera caso, semella o reverso das construcións con inferno ~ iferno que tamén achamos noutras cantigas de amor (véxase as cantigas 379, de Afonso Sanchez, e 926, de Estevan Perez Froiaz).

    A formación nominal ben-fazer ‘beneficio, auxilio, favor’, derivada do correspondente sintagma tan frecuente na cantiga de amor, constitúe unah formación nominal (similar a ben-querer), frecuente no corpus das cantigas. De calquera maneira, o mesmo substantivo pode verse, en formulación singular e plural, noutras obras da última Idade Media, como na Crónica de D. Fernando:

    e as rrendas eram postas em seu poder, afora muitos herdamentos moviis e de rraiz e muito bem-fazer da rrainha sua irmãa (Macchi 2004: 355-356).

    Tamén no Livro das Confissões, en plural:

    ca veemos que alguu͂s synaaes dan largamente aos que lhe pormeten en grandes bem fazeres (Martín Pérez 2012-2013: 367).

  1. ^

    No corpus trobadoresco profano só aparece julgar (e judgar nunha ocasión), xa que o juigar de 487.14 de Afonso X é proposta dalgún editor en vez de vingar (487.14).

  2. ^

    Resultan tamén significativas algunhas correccións e/ou vacilacións, como as de 530.4 (<(qu) ca> B) e 1450.17 (<ca que> B, <ca > V), así como o erro de copia de A en 414.r1 (<que / ca> A, <> B, <que> V).

  3. ^

    Véxase tamén paraiso nunha cantiga de amigo de Joan Garcia de Guilhade (759.7 e 13).

Procurar
    Não foram encontrados resultados