900 [= RM 143,18]
Se om’ouvesse de morrer

Se om’ouvesse de morrer,
sennor, veendo gran pesar
da ren que máis soubess’amar
de quantas Deus quiso fazer,
eu non podera máis viver
u vos foron d’aqui fillar
à força de vós, e levar,
e vos non puid’eu i valer.
Non me soub’i consell’aver
per como podess’endurar
a coit’en que me vi andar
pola força que vos prender
vi, e quisera ante sofrer
mort’ũa vez ja ca ficar
vivo por aver a estar
a tan grave pesar veer,
e nunca no mundo prazer
des aqui ja máis aguardar,
e sempre m’aver a queixar
a Deus por El esto querer;
mais ũa ren posso creer:
que Deus, que m’esto foi mostrar,
por én me leixa de matar,
que aja sempre que doer
e que nunca possa toller
estes meus ollos de chorar,
e que sempr’aj’a desejar
vós e o vosso parecer,
que nunca mi á d’escaecer,
e no meu mal sempre cuidar:
ben me posso maravillar
por mi a morte non aduzer!
E nunc’a Deus queira prazer
que nunca El queira mostrar
a null’ome tanto pesar
quant’el poderia sofrer.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 
 
30
 
 
 
 
35
 

Manuscritos


A 308, B 900, V 485

No Cancioneiro da Biblioteca Nacional, entre as dúas copias de B 901, aparecen copiados de novo –e riscados, o mesmo que a segunda copia de B 901– os vv. 30-36 desta cantiga (= B’).

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: 619-620 [= LPGP 902-903]); Arias Freixedo (2010: II); Littera (2016: II, 437-438).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 178); Braga (1878: 92); Machado & Machado (1953: IV, 248-249); Carter (2007 [1941]: 180-181); Arbor Aldea (2016b).
III. Antoloxías: Arias Freixedo (2003: 810-811).

Variantes manuscritas


1 Se] e A; morrer] moirer B   2 veendo] neendo   3 soubess’amar] sonbessa mar B   4 Deus] om. V   6 vos] uos A   7 força] forza V; vós] uꝯ B   8 vos] uos A; i] om. V   11 coit’en] coitan B : coitā V   12 força] forza V   16 veer] aueer BV   21 ũa] ua A   22 Deus] des V   23 leixa] leixe BV   25 nunca] nūcha V   27 sempr’aj’a] semp’ia B : sempre ia V   32 aduzer] om. A   33 E] om. A; queira] queyria B’   34 queira] queiria B

Variantes editoriais


6 vos] vus Michaëlis   7 à força] a força Arias Freixedo; e levar] elevar Michaëlis   9 soub’i] sòubi Michaëlis : soubi Littera   11 coit’en] coita ‘n Michaëlis   12 força que] forç’a que Arias Freixedo, Littera   13 quisera ante] quiser(a) ante Michaëlis : quiser’ante Littera   16 a tan grave pesar veer] tam grave pesar a veer Littera   27 aj’a] aj(a) a Michaëlis

Paráfrase


(I) Se un home tivese que morrer, señora, ao ver un gran pesar da cousa que máis amase de todas cantas fixo Deus, eu non podería vivir máis desde que vos aquí foron coller, contra a vosa vontade, e vos levaron, e eu non vos puiden valer nese trance.

(II) Non se me ocorreu ningún remedio para poder aturar a coita que me embargou ao ver a forza que tivestes que soportar, e ben quixera antes morrer de vez que ficar vivo para ter que estar vendo un pesar tan grave,

(III) e nunca desde ese intre poder agardar xamais ningún pracer neste mundo, e ter sempre que me queixar a Deus, por El querer isto; mais ben podo crer unha cousa: que Deus, que me mostrou isto, por iso non me mata, para que (eu) teña sempre que sufrir

(IV) e para que nunca poida librar estes meus ollos de chorar, e para que teña sempre que vos desexar a vós e a vosa fermosura, que nunca me ha de esquecer, e para sempre matinar no meu mal: ben me podo asombrar por non me levar a morte!

(V) E nunca a Deus lle queira pracer de El querer mostrar a ninguén tanto pesar canto el (/El) podería soportar.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 8a 8b 8b 8a 8a 8b 8b 8a (= RM 133:1) + 8b 8a 8a 8b

Encontros vocálicos: 13 quiseraante; 29 miá; 32 mia

Notas


Texto
  • *

    No Cancioneiro da Ajuda, a primeira liña da columna b (v. 9) está moi apagada na folla do pergamiño. O resto da estrofa presenta tamén certas dificultades de lectura debido á deterioración do pergamiño. Porén, seguindo o método utilizado no seu día por Carolina Michaëlis, coa axuda dun espello pódese ler a estrofa sobre a madeira do interior da capa do códice, a onde este folio estivera colado desde o momento da tardía encadernación de A, xa no séc. XVI, xunto co Livro de Linhagens do Conde de Barcelos (cfr. Michaëlis 1990 [1904]: I: 619-620, e Ramos 1994: 29-31).

    Considerando a ligazón sintáctica das estrofas II-IV, esta composición é certamente próxima das cantigas ateúdas atá fiinda.

  • 7

    A lección dos apógrafos italianos mostra un evidente erro na interpretación do pronome vós, necesariamente tónico neste contexto, que comparece en B (vs. AV) como unha forma átona <uꝯ>, cun erro que se rexistra ás veces nos tres grandes cancioneiros. Así, en BV, pode verse a lección errada coincidente en 402.11, 16 e 17 (cfr. <uos> na v. 5), 791.13, 840.17, 855.13, 920.14, 929.r1 (vv. 5, 11 e 17), 1052.5, 1111.11, 1195.15, 1264.6 etc.; do mesmo xeito, aparece en cantigas transmitidas só por un dos cancioneiros italianos: 183.17 e 185.21 (en B); 1013.1 (en V). Porén, o lapso de copia rexístrase tamén no Cancioneiro da Ajuda fronte ao Cancioneiro da Biblioteca Nacional (vós <uꝯ> A : <uos> B) en 72.13, 88.20, 90.16, 133.10, 134.24, 138.14, 315.8; e aínda existe outra pasaxe con diferente lección conforme os manuscritos: 1022.7 (<uꝯ> V vs. <uos> B).

    O verbo levar (aglutinado en Michaëlis coa copulativa, elevar, cun texto incomprensíbel) é paralelo a fillar; isto é: ‘eu non podería vivir máis cando vos foron fillar e levar de aquí’. Non obstante, no «Glossário» publicado con posterioridade ao Cancioneiro da Ajuda, a ilustre editora xermano-portuguesa rectifica a súa lectura e cínxese á “opinião fundamentada de Nobiling”: a força de vos, e levar (Michaëlis de Vasconcelos 1922: s.v. força).

  • 12

    Non semella necesaria a segmentación de a (forç’a) que presenta a edición de Arias Freixedo e de Littera, pois a expresión é clara: «endurar / a coit’en que me vi andar / pola força que vos prender / vi». Isto é, ‘soportar a coita en que vivo pola forza que tivestes que sufrir’.

  • 13-16

    Obsérvese a aparición da preposición a no v. 16 na copia dos apógrafos italianos, de novo a introducir o verbo veer, que fica deslocado en posición de rima nun período de sintaxe complexa: ‘e preferiría morrer dunha vez antes do que ficar vivo por ter que estar vendo tan grave pesar’. Talvez foi esta escura sintaxe a que provocou a refacción (hipermétrica) de BV coa repetición da preposición a precedendo veer e a posíbel variante atan: *estar / atan grave pesar a veer). E a lección de B e V explica tamén a opción editorial de Littera: estar / tam grave pesar a veer.

  • 28

    O pronome persoal tónico oblicuco vós é complemento directo sen preposición, tal como con frecuencia son utilizadas estas formas pronominais na lingua trobadoresca.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado