43 [= Tav 47,30]
Senhor Deus, que coita que ei

Senhor Deus, que coita que ei
no coraçon e que pesar!
E non me dev’end’a queixar
erg’a mí, ca eu mi-o busquei:
eu me busquei este mal, e maior,
u eu dixi pesar a mia senhor.
Pesar lhi dixi, e non me sei
no mundo conselho filhar;
mais, se m’ela non perd[o]ar,
bon calar perdi u falei:
eu me busquei este mal, e maior,
[u eu dixi pesar a mia senhor].
Nunca ome pesar dira,
nen prazer, que lhi tan gran ben
queira come eu, per nulha ren;
mais, se m’el’a desamar á,
eu me busquei este mal, e maior,
[u eu dixi pesar a mia senhor].
Ben me forçou ali mal sén
o dia’n que lhi eu foi dizer
ca ben mi faz Amor querer;
e, se m’ela desamor ten,
eu me busquei este mal, e maior,
[u eu dixi pesar a mia senhor].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 

Manuscritos


B 69

Edições


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 698-699 [= LPGP 327]); Littera (2016: I, 360-361).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 23); Machado & Machado (1949: I, 89-90); Rios Milhám (2017: I, 43).
III. Antoloxías: Diogo (1998: 14).

Variantes manuscritas


9 mais se m’ela non perd[o]ar] mays seela me nō ꝑdar B

 

Variantes editoriais


7 dixi] dìx(i) Michaëlis   9 mais s(e) ela me non perdõar’ Michaëlis : mais se ela me non perdoar Littera   15 come eu] com(e) eu Michaëlis : com’eu Littera   16 el’a desamar á] ela desamará Michaëlis : m’ela desamor ha Littera   20 lhi] lh(i) Michaëlis

Paráfrase


(I) Meu Señor Deus, que mágoa teño no corazón, e que pesar! E non me debo queixar por iso excepto a min propio, porque eu o busquei: eu mesmo me busquei este mal, e maior, cando dixen algo que causou pesar á miña señora.

(II) Díxenlle (algo que lle causou) pesar, e non sei que podo facer para o remediar; mais, se ela non me perdoase, perdín unha boa ocasión de calar cando falei: eu mesmo me busquei este mal, e maior, cando dixen algo que causou pesar á miña señora.

(III) Nunca un home dirá algo que lle cause pesar ou gozo que a ame tanto coma min, por nada do mundo; mais, se me ela ha de desamar, eu mesmo me busquei este mal, e maior, cando dixen algo que causou pesar á miña señora.

(IV) Certamente me obrigou a falta de cordura o día en que lle fun dicir que Amor ma fai amar, e, se ela me ten desamor, eu mesmo me busquei este mal, e maior, cando dixen algo que causou pesar á miña señora.
 

Métrica


Esquema métrico: 4 x 8a 8b 8b 8a 10C 10C (= Tav 160:310)
Encontros vocálicos: 4 mi‿o; 7 dixi,‿e; 15 come‿eu; 20 lhi‿eu

Notas


Texto
  • 9

    Aceptamos a criteriosa emenda de Nobiling (2007 [1907]: 179), que anticipa o pronome para evitar a hipermetría neste verso (se m’ela...), dada a anomalía sintáctica que se detecta en B, que ofrece unha construción que contrasta cos moi numerosos rexistros de conxunción se + me, el(a) + adverbio non, coa interpolación de dous elementos (ela, non). A proposta de Michaëlis, que elide a vogal da condicional se, contradí os principios métricos da escola trobadoresca; e o mesmo acontece coa previsíbel sinalefa da condicional en Littera (Ferreiro 2013b).

  • 15

    A utilización de eu como segundo termo da comparación introducida por come é levemente minoritaria, pois só volve aparecer en 150.2, 723.20, 978.8, 1074.51593.r2 e 1609.16, face á habitual construción come mi(n) (42.21, 128.27, 142.19, 218.14, 953.3, 1074.3, 1140.6 e 11), en liña co que acontece no galego moderno, onde só é posíbel coma min. De igual maneira, no corpus tamén non aparece eu como segundo termo da comparación introducido por ca, feito moi raro na lingua medieval de que achamos escasísimas mostras. Véxase, por exemplo, nun documento de 1324, de Ferreira de Pantón: pero si vos Domingo dos Sãõs, meu yrmao, ante morrerdes ca eu, que vos leyxedes o meu livre e quito en paz a min ou a quen eu mande (Fernández de Viana y Vieites 1994: 55).

  • 16

    Perante a imposibilidade de que apareza o futuro indicativo na prótase condicional1 , como indica Michaëlis, e perante a lección manuscrita <desam̃>, que obriga a editar desamar (face a desamor2 , opción de Littera), segmentamos mais, se m’el’a desamar á, coa introdución da perífrase obrigativa aver + a + infinitivo, cunha inversión de termos similar á que se rexistra en 11.30 (mais non xi vo-l’a sentir á) e cun significado que está en liña coa formulación das anteriores estrofas da cantiga. Optar por desamor (mais, se m’ela desamor á) implica estabelecer paralelismo co v. 22 (e, se m’ela desamor ten) en lugar de o ligar ao v. 9 (mais, se m’ela non perd[o]ar).

  • 20

    Neste verso a preposición en mostra unha crase coa voz anterior (habitualmente coita e dia), tal como se rexistra esporadicamente no corpus; en calquera caso, esta crase ten unha maior presenza no Cancioneiro da Ajuda, que nalgúns casos a presenta fronte a B, que mantén a integridade de en (87.3, 133.15, 279.r1, 306.10) ou que, alternativamente, omite a preposición (70.28, 89.19, 199.14). Véxanse tamén 28.14, 43.20, 59.3, 60.7, 83.19, 133.2, 138.7 e 9, 141.9, 154.r1 e r3, 155.7, 263.6, 267.2, 270.19, 282.8, 388.5390.2, 395.7, 460.4, 465.10, 804.7, 1062.10, 1080.1, 1145.23 e 1420.11. Cfr. nota a 6.4.

    Por outra parte, a forma foi é tamén P1 de pretérito de seer (e de ir): a pesar de que en xeral se estabelece unha oposición P1 / P3, fui (< fŭī) / foi (< fŭĭt), pola acción metafónica de -ī final nalgúns pretéritos fortes (cfr. tamén fiz vs. fez, sive vs. seve, tive vs. teve etc.), foi pode ser tamén resultado de P1, o mesmo que fui aparece esporadicamente como forma de P3 (sen efecto metafónico, por tanto, ou con xeneralización analóxica de unha ou outra persoa). 

  1. ^

    Por máis que, arrastrado por exemplos debidos a edicións discutíbeis, Monteagudo considerase que esa posibilidade sintáctica existía: «Aínda que en galego é absolutamente infrecuente a aparición de formas prospectivas distintas ó sf (como o indicativo futuro e o futuro de pretérito, deixando á parte as perífrases prospectivas) na prótase das oracións introducidas por se, non faltan exemplos desta construcción, polo menos na lingua literaria medieval: [...]. Probablemente estes exemplos son un indicio de que as formas do tipo ferirá < ferir + ha aínda non tiñan os seus dous elementos totalmente soldados, e conservaban certo carácter perifrástico» (Monteagudo 1994: 351, n. 1).

  2. ^

    A consideración de desamor (mais, se m’ela desamor á) estabelecería paralelismo co v. 22 (e, se m’ela desamor ten) en lugar de o ligar ao v. 9 (mais, se m’ela non perd[o]ar).

Procurar
    Não foram encontrados resultados