259 [= RM 152,15]
Sennor fremosa, pois pesar avedes

Sennor fremosa, pois pesar avedes
de que vos amo máis ca min nen al,
direi-vos gran verdad’, e, se non, mal
me venna de vós, que me mal queredes:
non vos quer’eu pelo meu grado ben,
e, mia sennor, pois que vos pesa én,
dizer-vos quer’eu a quen vos tornedes:
a vós, sennor, que tan ben parecedes,
e a quen vos fez parecer assi,
que quantas donas eno mundo vi
de parecer todas-las vós vencedes,
e de bon prez e de falar mellor;
e, pois Deus tanto ben vos fez, sennor,
de vos amar non me vos én queixedes,
ca non é en min, mao meu pecado,
nen quer Amor que m’én possa quitar,
nen Deus Sennor, nen vosso semellar,
ca me tẽen de tal guisa forçado
que me vos fazen mui de coraçon
querer gran ben; e, si Deus me perdon,
non vos faç’i pesar pelo meu grado.
E, mia sennor, se Deus fosse pagado
d’eu de gran coita guardado seer,
non me mostrara vosso parecer
nen vós, sen[n]or, que eu, mal dia nado,
por meu mal vi e destes ollos meus;
e, pois vos vi, nunca despois quis Deus
que perdess’eu gran coita nen coidado.
E gran coita, como a perderei?
Pois que vos pesa porque vos amei,
sei, se viver, que viverei coitado.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 
 
30
 

Manuscritos


A 151

Ediciones


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 302-303 [= LPGP 961-962]); Piccat (1995: 192-193); Littera (2016: II, 505-506).
II. Outras edicións: Carter (2007 [1941]: 90-91); Marques Braga (1945: 283-284); Machado & Machado (1960: VII, 9-10); Arbor Aldea (2016b); Rios Milhám (2018a: II, 259).

Variantes manuscritas


2 vos] uus A   3 vos] uus A   5 vos] uus A   6 vos] uus A   7 vos] uus A; vos] uus A   9 vos] uus A   13 vos] uos A   14 vos] uus A   18 guisa] guissa A   19 vos] uus A   21 vos] uus A   30 vos] uus A

Variantes editoriales


2 vos] vus Michaëlis, Piccat   3 vos] vus Michaëlis, Piccat   5 vos] vus Michaëlis, Piccat   6 vos] vus Michaëlis, Piccat   7 vos ... vos] vus ... vus Michaëlis, Piccat    9 vos] vus Michaëlis, Piccat   13 vos] vus Michaëlis   14 vos ... vos] vus ... vus Michaëlis, Piccat   17 Deus Sennor] Deus, sennor Piccat   18 tẽen] têm Littera   19 vos] vus Michaëlis, Piccat   21 vos] vus Michaëlis   27 vos] vus Michaëlis, Piccat   30 vos ... vos] vus ... vus Michaëlis, Piccat

Paráfrasis


(I) Señora fermosa, pois sentides pesar porque vos amo máis que a min mesmo nin a ningunha outra cousa, direivos unha gran verdade, e, se non, mal me veña de vós, que me queredes mal: non vos amo eu pola miña vontade, e, miña señora, xa que iso vos pesa, quérovos dicir a quen vos debedes dirixir: (II) a vós, señora, que sodes tan fermosa, e a quen vos fixo parecer así, que a cantas donas eu vin no mundo todas vós as vencedes en fermosura e en boa fama e en falar mellor; e, xa que Deus tanto ben vos concedeu, señora, non me vos queixedes de vos eu amar, (III) porque non depende de min, infelizmente, nin Amor quere que eu o poida evitar, nin Deus, nin a vosa fermosura, porque me teñen de tal modo forzado que me fan amarvos moi de corazón; e, así Deus me perdoe, non vos causo pesar niso pola miña vontade.

(IV) E, miña señora, se Deus quixese que eu me librase de tan gran coita, non me mostraría a vosa fermosura nin a vós, señora, que eu, infeliz, vin para o meu mal e para o destes meus ollos; e, xa que vos vin, nunca despois quixo Deus que perdese eu a gran coita e o grande afán.

(1) E esta gran coita, como a perderei? Xa que vos pesa porque vos amei, sei que, se vivo, vivirei coitado.

Métrica


Esquema métrico: 4 x 10’a 10b 10b 10’a 10c 10c 10’a + 10d 10d 10’a (= RM 161:178)

Notas


Texto
  • *

    O comportamento editorial a respecto da ligazóns interestróficas nesta composición é diverso: Michaëlis isola todas as estrofas, mentres que Piccat e Littera ligan as estrofas I-II. Sobre o carácter de cantiga próxima ás cantigas ateúdas atá a fiinda, cunha ligazón copulativa das dúas últimas estrofas, véxase nota á cantiga 55.

  • 2

    A preposición a non existe na expresión amar máis ca mi(n)/sí (nen al), moi frecuente no corpus trobadoresco (44.13, 102.17, 140.8 e 10, 200.5, 215.16 etc.), a pesar de, aparentemente, o pronome tónico esixir a presenza do enlace. Neste sentido, téñase en conta que os pronomes persoais tónicos poden aparecer sen preposición en numerosas pasaxes trobadorescas (véxase Glosario, s.v. , func. 2). Véxase nota a 861.14. Cfr. nota a 177.22 e 243.16.

  • 11

    Nótese a grafía arcaica da asimilación que se produce no encontro de todas co pronome identificador (todas-las). A secuencia <s-l> (e <r-l>) en que está implicada a forma arcaica lo(s) ~ la(s) do pronome identificador (artigo ou pronome) no encontro con pois e con outros vocábulos acabados en -s (ou -r) debe ser lida como [l], independentemente de que a grafía presente a forma máis antiga (véxase tamén nota a 83.21 e 139.2). No corpus trobadoresco profano, o pronome identificador sofre asimilación fonética xeral con diversos elementos lingüísticos (pronomes, adverbios, conxuncións, e con algúns nomes e/ou participios). Cfr. nota a 5.10.

  • 15

    Enténdase: ‘porque non teño capacidade, infelizmente, para deixar de facelo (nin quere Amor) que poida deixar de facelo’.

    A expresión mao meu pecado ‘por mal dos meus pecados, infelizmente’, variante de mao pecado ou mal pecado, só se rexistra esporadicamente (véxanse tamén 59.8 e 983.3). A variante con artigo aparece na Crónica d'Espanha de 1344:

    Mas os cristãaos nom se acaudilharom bem e forõ vencidos, maao o seu pecado (Cintra 1952-1990: IV, 35).

  • 17

    En Piccat, para alén da reveladora puntuación, sennor aparece traducido como signora, desconsiderando, pois, a posibilidade de se referir a Deus, tal como acontece en diversos contextos e cantigas co sintagma Deus Senhor, fórmula invertida do tamén frecuente Senhor Deus: 45.11, 112.3183.17, 259.17, 285.3, 286.1, 305.13, 396.8, 432.1, 500.5, 634.24, 889.22, 1078.10, 1084.4, 1415.16, 1418.r1.

  • 18

    No Cancioneiro da Ajuda detéctanse algúns casos de confusión de sibilantes, probabelmente un fenómeno gráfico sen transcendencia fonolóxica. Igual que <guissa> neste verso, véxanse outras formas como <dessamar> desamar (66.21), <dessamparado> desamparado (317.21), <oussasse> ousasse (268.2, 275.4308.11, 313.8 e 346.3 <oussase>) e <oussen> ous’én (268.3), ou as repetidas <guissa> guisa e <guissada> guisada (72.27, 137.32, 140.1, 2 e 5, 146.19, 147.3, 150.4, 409.8, 692.7), <pessar> pesar (90.21, 214.21, 395.9, 439.4 e 10, 441.6, 12 e 18), <quissesse> quisesse (199.27, 407.10), <quisso> quiso (407.11) e <quisser> quiser (71.18, 692.13). Véxanse tamén notas a 69.7, 80.10, 88.15 e 89.2.

Buscar
    Sin resultados