103 [= RM 104,11]
Toda-las gentes mi a mí estraias son

Toda-las gentes mi a mí estraias son,
e as terras, senhor, per u eu ando
sen vós, e nunca d’al i vou pensando
senon no vosso fremoso parecer,
e cuid’en vós como vos soio veer,
e atant’ei de ben eno meu coraçon.
En nen ũa terra non poss’eu achar
sabor sen vós senon u vou cuidando
en vós, pero van-me muit’estorvando
os que mi van falando, senhor, en al;
e eles non saben se me fazen mal
en me fazeren perder atan bon cuidar.
Estranho and’eu dos que me queren ben
e dos que viven migo t[o]da via,
ben como se os viss’eu aquel dia
primeirament’, e punho de lhis fogir;
e moir’eu, senhor, por me deles partir
[e] por en vós cuidar, ca non por outra ren.
Vós me fazedes estranhar, mia senhor,
todo de quanto m’eu pagar soia,
ca, pois eu cuid’en qual ben averia
se eu ouvess’o voss’amor e ar sei
log’i que nunca este ben averei,
de tod’al do mund’ei eu perdudo sabor.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 

Manuscritos


B 130

Edições


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 754-755 [= LPGP 682-683]); Littera (2016: II, 165-166); González (2018: 93).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 48); Machado & Machado (1949: I, 185-186); Rios Milhám (2017: I, 103).
III. Antoloxías: Nemésio (1961 [1949]: 38-39); Piccolo (1951: 160-161); Torres (1977: 140-141); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 145); Arias Freixedo (2003: 645-646); Mongelli (2009: 46).

Variantes manuscritas


6 coraçon] corac B   7 terra] arā B   9 van] uay B   10 senhor] seuhor B   13 Estranho] Estrahō B   14 viven migo t[o]da via] muē migo tdonia B   22 ouvess’o] ouuoesso B; e] et B

Variantes editoriais


1 estraias] estranhas Michaëlis, Littera   5 vos] vus Michaëlis   6 atant’] quant’ Michaëlis   7 nen ũa terra] nenhũa ora Michaëlis : nẽũa ora Littera   9 van] vai Littera   12 atan] tan Michaëlis : tam Littera   15 primeirament’, e] primeiramente Michaëlis, Littera, González   18 [e] om. Michaëlis, Littera   22 e] et Michaëlis   24 eu] (eu) Michaëlis : om. Littera

Paráfrase


(I) Todas as xentes me resultan estrañas, señora, e as terras por onde eu ando sen vós, e nunca noutra cousa vou alí pensando senón na vosa fermosura, e pensando en vós como vos adoito ver, e tanto ben teño no meu corazón.

(II) En ningunha terra podo eu achar nada pracenteiro sen vós agás cando vou pensando en vós, mais estórbanme moito, señora, os que me van falando doutra cousa; e eles non saben se me fan mal facéndome perder tan bo pensamento.

(III) Eu ando alleado dos que me queren ben e dos que viven comigo, en todo o momento, tal como se eu os vise aquel día por primeira vez, e esfórzome en fuxir deles; e eu morro, señora, por me librar deles e por pensar en vós, e non por outra causa.

(IV) Vós me facedes sentir como estraño, miña señora, todo aquilo de canto eu me soía sentir moi satisfeito, porque, logo que eu penso no ben que tería se eu tivese o voso amor e sei, nese mesmo momento, que nunca gozarei deste ben, perdín o gusto por todas as outras cousas do mundo.

Métrica


Esquema métrico: 4 x 11a 10’b 10’b 11c 11c 12a

Encontros vocálicos: 1 mia; 20 so·i·a

Notas


Texto
  • *

    O texto fornecido por B mostra como o derradeiro verso de cada estrofa presenta unha sílaba máis, cun xogo heterométrico similar ao doutras cantigas do corpus profano (741324, 1381, 1426, 1613...). Cfr. nota a UC 1043.

  • 1

    A variante estraio, forma desnasalada de estrãio (cfr. tamén estrãiar, estraiar), atestada en 638.1 e 1341.14, é produto da minoritaria evolución de -nj-, con caída de -n- en vez da xeral palatalización da base extraneum (véxase CGPA, s.v. estraio, estrãio, estrayo, estrãyo, estray͂o). Tal resultado convive co xeral estranho (véxanse vv. 13 e 20) no corpus trobadoresco profano, e a súa emenda supón unha irregular nivelación lingüística da lingua trobadoresca. Cfr. nota a 236.15.

  • 6

    Michaëlis optou por nivelar metricamente o verso (e tamén os restantes finais de estrofa) a partir dunha lectura paleográfica defectuosa. Porén, Littera respecta a lección de B e, finalmente, González estabelece un esquema métrico que considera dodecasilábico o verso 6º de cada estrofa, como mostra a lección do manuscrito en todos os casos (cfr. nota ao v. 18).

  • 7

    Sen dúbida, con González deberemos ler e interpretar terra a partir da lección manuscrita <arã>, que nas edicións de Michaëlis e Littera foi lida como ora. A voz terra(s) aparece con moita frecuencia como <tirã(s)> nos apógrafos italianos, pola equivalencia <ir> = rr e a presenza da abreviación de e (véxanse en B 119.8, 130.25, 194.9, 203.26, 313.2, 628.24 etc.; e en BV, 809.21, 931.15 –<tiran> en V–, 965.9, 998.11, 1072.16 etc.). Ademais, alén da coherencia semántica, é frecuente nos apógrafos italianos o erro <a>/<ti>, como se pode comprobar no frecuente erro <parar>/<partir> (véxase 18.18 <para> B parti, 115.8 e 22 <Maram> e <Marã> B Martin, 503.18 <partir> B, <parar> V partir etc.).

  • 9

    A sintaxe aconsella a corrección da forma verbal <uay> para o plural (pola concordancia co suxeito os que me van falando), cun erro moi semellante ao de B en <soy> son (13.16) ou ao de A en <uay> van (317.13).

  • 12

    De novo Michaëlis emenda atan a prol de tan condicionada por reducir metricamente o verso a 11 sílabas. Véxase nota ao v. 6.

  • 15

    Face ás edicións precedentes, segmentamos a copulativa para ligar primeiramente ‘por primeira vez’ a viss’eu aquel dia, xa que o trobador está tan ‘alienado’ pensando na senhor que mesmo os familiares máis achegados e que viven con el lle resultan estraños como se os vise por vez primeira.

  • 18

    A métrica e o sentido solicita a incorporación da copulativa en posición inicial, ausente nas edicións de Michaëlis e de Littera. É necesaria a copulativa inicial do verso para a correcta contaxe métrica: nesta posición é moi frecuente omisión da copulativa por erro de copia, como mostran os abondosos casos en que algún dos manuscritos ofrece a lección correcta: A vs. B (65.29, 117.12, 165.10, 174.12 etc.), B vs. V (424.14, 1195.16 etc.), V vs. B (403.6, 1614.20 etc.).

  • 22

    A grafía <et> (conservada en Michaëlis), de presenza esporádica ao longo dos cancioneiros apógrafos italianos, nomeadamente no Cancioneiro da Vaticana, só ten unha moi limitada presenza no Cancioneiro da Ajuda, con dous rexistros no seu inicio (65 [A2, B92], v. 7; 82 [A16, B109], v. 3) e unha presenza máis maciza na parte final do cancioneiro: 1236 [A283, B1220, V825], v. 10; 982 [A289, B980, V567], v. 12; 997 [A 293, B 993bis, V 582], v. 3; 999 [A295, B995, V584], vv. 2 e 9; 1000 [A296, B996, V585], vv. 2, 7, 15 e 16; 994 [A300, B991, V579], vv. 8, 10 e 15; 996 [A301, B993, V581], v. 6; 894 [A302], v. 4; 896 [A304], v. 15. Na realidade, esta grafía para a copulativa debe ser posta en relación con outras grafías ou formas latinizantes que se detectan ao longo do corpus (véxase nota a 63.2).

  • 24

    Tanto Michaëlis como Littera omiten o pronome eu para acomodar metricamente o verso á medida hendecasilábica que supoñen para este verso.

Procurar
    Não foram encontrados resultados