477 [= Tav 18,46]
Vi ũu coteife de mui gran granhon

Vi ũu coteife de mui gran granhon
con seu porponto, mais non d’algodon,
e con sas calças velhas de branqueta.
E dix’eu logo: «Poi-las guerras son,
ai, que coteife pera a carreta!».
Vi ũu coteife mao, val[a]di,
con seu porponto (nunca peior vi!),
ca non quer Deus que s’el en outro meta.
E dix’eu: «Pois-las guerras [ja son i],
ai, que coteife pera a carreta!».
Vi ũu coteife mal guisad’e vil
con seu perponto todo de pavil
e o cordon d’ouro tal por joeta.
E dix’eu: «Pois se vai o aguazil,
ai, que coteife pera [a] carreta!».
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15

Manuscritos


B 479, V 62

Edicións


I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 11-12 [= LPGP 161]); Paredesa (2001: 202) Lopes (2002: 65); Paredesb (2010a: 182); Littera (2016: I, 91).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 30); Braga (1878: 12); Machado & Machado (1950: II, 338); Paredes (2010b: 140-141); Paredes (2010c: 95); Rios Milhám (2018b: III, 477).
III. Antoloxías: Carballo Calero & García Rodríguez (1983: 34); Tavares & Miranda (1987: 365); Montoya (1988: 278); Diogo (1998: 178).

Variantes manuscritas


1 coteife] toteyffe V   2 d’algodon] dalgom B   3 calças] talças V   5 ai] Dy B : di V; carreta] tarreta B : correta V   6 mao] mab B   8 outro] ouqo V   9 guerras] guerros   10 carreta] correta V   13 joeta] joera V   14 aguazil] agʷail B   15 carreta] correta V

Variantes editoriais


1 ũu] un Lapa, Paredesa, Paredesb : um Lopes, Littera   6 ũu] un Lapa, Paredesa, Paredesb : um Lopes, Littera   7 porponto] perponto Littera   9 Pois-las] Poi-las Lapa, Paredesa, Lopes, Paredesb; [ja son i]] om. Paredesa, Paredesb   11 ũu] un Lapa, Paredesa, Paredesb : um Lopes, Littera   13 d’ouro tal] d’ouro fal Lapa : d’ouropal Lopes, Littera

Paráfrase


(I) Vin un cabaleiro vilán de longa barba vestido co seu xibón, mais sen reforzo de algodón, e coas súas calzas vellas de pano corrente abrancazado. E dixen eu logo: «Pois xa chegou o tempo das guerras, ai, que bo cabaleiro para a carreta!».

(II) Vin un cabaleiro ruín, ordinario, co seu xibón (nunca vin un peor!), pois non quere Deus que el vista outro. E dixen eu: «Pois o tempo das guerras xa aquí está, ai, que bo cabaleiro para a carreta!».

(III) Vin un cabaleiro mal arranxado e vil co seu xibón de pano ruín e o cordón dese mesmo ouro como ornamento. E dixen eu: «Xa que se vai o alguacil, ai, que bo cabaleiro para a carreta!».

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10a 10’b 10a 10’B (= Tav 33:6)

Encontros vocálicos: 1 u͂͜u; 6 u͂͜u; 11 u͂͜u

Notas


Texto
  • 1

    O indefinido u͂u (e tamén algu͂u e neu͂u) debería, aparentemente, computar como bisilábico (tamén nos vv. 6 e 11), e así acontece con certa frecuencia ao longo do corpus; porén, na maior parte das súas aparicións funciona como unha forma monosilábica, revelando dese xeito que se trata dunha grafía conservadora. Algo similar acontece con bõo ~ boo (véxase nota a 241.10) e, aínda en menor medida, sõo ~ soo (véxase nota a 10.25), que son basicamente voces bisilábicas, aínda que nalgunhas ocasións computan como unisilábicas.

    Coteife ‘soldado inferior, cabaleiro vilán’ (tamén nos vv. 5, 6 e 11) é unha voz de orixe árabe que se liga a nojoso e a vilão ou vilan (véxase 115.13, 371.24); é case exclusivamente utilizado por Afonso X en composicións escarniñas (459.4, 460.28 e 489, vv. 6, 7, 13, 19, 25, 31), para alén de Roi Queimado (1404.24) e Joan Soarez Coelho (1434.19).

    En Afonso X o granhon ‘barba’ aparece asociado aos coteifes (véxase tamén 489.32), aínda que esta voz aparece tamén en 478.16, 1613.17 e 1631.6. Fóra de apelativo como sobrenome ou alcume, só o achamos nas Cantigas de Santa Maria (CSM 293.28 grannon, 305.58 grannões; véxase Mettmann 1959-1972: IV, s.v. grannon) e nos Miragres de Santiago: Et entõ tomaras dous dentes et hũu pouquo de granõ et a cabeça darla as aa rreyna dona Orraqua (Pensado 1958: 66).

  • 2

    O porponto (vv. 2, 7) ou perponto (v. 12) é ‘vestimenta grosa algodoada’, isto é, un xibón. É voz que aparece tamén en 1489.11 e 1633.33.

  • 3

    As calças de branqueta son calzas feitas con pano ordinario, de cor abrancazada. Sobre este tecido e o galicismo branqueta véxase Rodríguez Parada (2019: 164-166, s.v. branqeta).

  • 5

    A carreta ‘carro para as municións, carreta’ fai alusión ao traballo de retagarda, mais tamén relaciona esta cantiga coa Materia de Bretaña (Paredes 2010: 184).

  • 6

    Téñase en conta que o arabismo valadi significaba ‘rústico, ordinario’. É termo raro, pois só o achamos no Cancioneiro Geral de Garcia de Resende (Dias 1990: I, 174):

    Traga sela valadi,
    com cuberta de badana.

  • 9

    O sintagma Poi-las guerras son do v. 4 permite reconstruír conxecturalmente, mais con posibilidades, este verso, lacunoso nos manuscritos.

    Por outra parte, a secuencia <s-l> (e <r-l>) en que está implicada a forma arcaica lo(s) ~ la(s) do pronome identificador (artigo ou pronome) no encontro con pois e con outros vocábulos acabados en -s (ou -r) debe ser lida como [l], independentemente de que a grafía presente a forma máis antiga (véxase tamén nota a 83.21 e 139.2). No corpus trobadoresco profano, o pronome identificador sofre asimilación fonética xeral con diversos elementos lingüísticos (pronomes, adverbios, conxuncións, e con algúns nomes e/ou participios), especialmente con mais e pois. Cfr. nota a 5.10.

  • 12

    O pavil é outro pano ordinario.

  • 13

    A partir da edición de Lopes (cordon d’ouropal), cunha forma *ouropal inexistente na lingua, Gonçalves (2016 [2007]: 482, n. 45) suxire ouropel como lección ben axustada ao contexto (véxase tamén Vallín 2019: 656). Porén, a lectura literal do manuscrito, cun valor demostrativo de tal (‘e o cordon dese ouro por xoíña’) ten pleno sentido no contexto.
    Joeta é diminutivo de joia, palabra que na Idade Media se rexistra na súa forma joia ou joya (véxase CGPA), mais non se atesta en ningunha outra documentación do diminutivo co sufixo -eta. De calquera maneira, o sufixo -ete/-eta é certamente escaso na Idade Media: a modo de exemplo, véxase jograrete nunha cantiga de Pero Gomez Barroso (1462.17), barquete na Histoira Troiana (Pichel 2014: 1.412) e na Estoria de Dom Nuno Alvrez Pereyra (véxase o "Glossário" en Calado 1991: s.v.), ou un nome propio como Joanete no Livro do Amoxarifado de Silves (Leal & Domingues 1984: 54), para alén dun adxectivo como doudete en Sá de Miranda (Michaëlis 1989 [1885]: 175).

  • 14

    Aguazil é forma concorrente con alguazil (1653.4) na lírica profana, formando parte dunha serie de variantes moi diversas presentes na lingua medieval (véxase Lorenzo 1977: II, s.v. algozil, alguzil, alguazil), para alén doutras máis, como alvazilos alcaides, alvaziis, juizes, moordomos e quaaesquer oficiaes (García y García 1982: 330; véxase, tamén, Gomes 2002: I, 41).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado