762 [= Tav 70,54]
Vistes, mias donas? Quando noutro dia

Vistes, mias donas? Quando noutro dia
o meu amigo comigo falou,
foi mui queixos’e, pero se queixou,
dei-lh’eu enton a cinta que tragia,
mais el demanda-m’outra folia.
E vistes (que nunca, nunca tal visse!):
por s’ir queixar, mias donas, tan sen guisa,
fez-mi tirar a corda da camisa,
e dei-lh’eu dela ben quanta m’el disse,
mais el demanda-mi al (quen oferisse!).
Sempr’avera Don Joan de Guilhade,
mentr’el quiser, amigas, das mias dõas,
ca ja m’end’el muitas deu e mui bõas:
des i terrei-lhi sempre lealdade,
mais el demanda-m’outra torpidade.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15

Manuscrits


B 746, V 348

Éditions


I. Edicións críticas: Nobiling (2007 [1907]: 90 [= LPGP 464]); Nunes (1973 [1928]: 163-164); Cohen (2003: 235); Littera (2016: I, 521).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 136); Braga (1878: 66); Machado & Machado (1953: IV, 53); Domingues (1992: 46); Cohen (1996: 6).
III. Antoloxías: Correia (1978: 128); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 100); Diogo (1998: 154); Arias Freixedo (2003: 484-485).

Variantes manuscrites


1 quando] (q) quando B   3 queixos’e] queixosse B   5 folia] tolya V   6 vistes] uist\e/s B; que nunca, nunca tal visse!] q̅ nūca q̅ nn̄ca tal uistes B : q̅ nūca q̅ nūca tal uistes V   8 camisa] camisia B   10 quen oferisse] q̅no fexisse B   11 Guilhade] guilhadi BV   12 amigas] amigas / amigas B   13 dõas] donas V   14 terrei] teirei B

Variantes éditoriales


2 comigo] con migo Nobiling   3 e, pero] e, por que Cohen : e pero Littera   5 m’outra] m’[or’]outra Nobiling, Nunes, Cohen, Littera   6 nunca, nunca tal visse!] nunca amiga tal visse Nobiling : nunca, tal [cousa] visse Cohen : que nunca que m’eu tal visse! Littera   10 quen oferisse] que non pedisse Nobiling, Nunes : que no[n] fexisse Cohen : quen’o ferisse Littera

Paraphrase


(I) Sabedes, miñas donas? Cando o outro día o meu amigo falou comigo estivo moi queixoso e, aínda que se queixou, eu deille entón a cinta que traía, mais el demándame outra loucura.

(II) E sabedes (oxalá nunca tal vise, nunca!): miñas donas, por se queixar así, tan desmesuradamente, fíxome tirar a corda da camisa e deille dela canta el me dixo, mais el demándame outra cousa (quen ofrecese (tal cousa)!).

(III) Sempre terá Don Joan de Guilhade, mentres el quixer, amigas, das miñas prendas, pois delas xa el me deu moitas e moi boas: alén diso sempre lle terei lealdade, mais el demándame outra cousa indecorosa.

Métrique


Esquema métrico: 10’a 10b 10b 10’a 10’a (I [= Tav 128:1]) + 10’a 10’b 10’b 10’a 10’a (II-III [= Tav 128:2])

Encontros vocálicos: 5 ma·is

Notes


Texte
  • 1-2

    Presentamos unha articulación inicial do discurso que subliña un posíbel carácter de resposta ao verso e vede-lo que vos digo (761.4) da cantiga anterior. Mesmo sería posíbel unha outra articulación da interrogación:
              Vistes, mias donas, quando noutro dia
              o meu amigo comigo falou?,
              Foi mui queixos’e, pero se queixou,
              dei-lh’eu enton a cinta que tragia, / ...

    Porén, certamente sería posíbel un inicio enunciativo do discurso, tal como, con diferente puntuación, se pode ver en Nobiling, Cohen ou Littera. Eis o inicio da cantiga en Nogiling:
              Vistes, mhas donas quando noutro dia
              o meu amigo con migo falou,
              foy muy queyxos’, e, pero se queyxou,
              dey-lh’ eu enton a cinta que tragia.

  • 3

    Nobiling mantén a lección dos manuscritos, aínda que suxire a emenda que defende vigorosamente Lapa: «No v. 3, deve ler-se inevitavelmente, foi mui queixos’e por que se queixou. O verso seguinte e o sentido geral carecem desta restituição. Além disso, o verso 7, por s’ir queixar, mias donas, tan sen guisa, designando a causa, o motivo que a obrigou a tirar a corda da camisa (por que ele se queixava tanto), impõem aquela lição» (Lapa 1982: 145-146). Apoiándose neste razoamento, Cohen incorpora a mudanza pero > por que, que semella desnecesaria por ter sentido completo o período coa presenza da conxunción adversativa. 

  • 4

    A cinta é o cordón con que se apertaba a camisa ou o vestido á cintura. Por ese uso como ataxe, foi tomada como símbolo de unión e de fidelidade entre os namorados, que se intercambiaban anacos de cintas para mostrar que o amor era correspondido e tamén cando se separaban por un período longo, para manteren viva a chama do amor e a fidelidade.

  • 5

    A posibilidade de contaxe bisilábica de mais (Ferreiro 2016c) converte en desnecesaria a emenda dos editores precedentes, que, polo aparente problema de hipometría, introduciron o adverbio ora (mais el demanda-m’[or]’outra folia).

  • 6

    A manutención básica da lección ofrecida unanimemente polos manuscritos (coa supresión da repetición de que e mais a emenda de <uistes> en visse por razóns de rima), xa presente en Nunes, non presenta problemas lingüísticos nin interpretativos, constituíndo unha paréntese exclamativa (cfr. tamén o v. 10), de grande valor intensificador, semellante a outras que se documentan no corpus: que non mostrass(e)! (41.3); que non visse! (178.17; 179.4; 270.20; 911.9; 1099.10); que non passasse! (647.15); que non falasse! (1099.17)... Neste sentido, resultan inconvenientes as diversas modificacións de Nobiling, Cohen e Littera.

  • 10

    A secuencia manuscrita do final do verso (<q̄no fexisse> B, <q̄no ferisse> V) semella de difícil interpretación, o cal explica as solucións diverxentes ofrecidas polos diversos editores: que non pedisse! (Nobiling1, Nunes) ou a lingüisticamente imposíbel que no[n] fexisse! (Cohen), polo feito de a única forma P3 do pretérito de subxuntivo de fazer ser fezesse, a pesar de Cohen considerar “morphologically untouchable” a forma *fexisse.
    A nosa lectura respecta a lección manuscrita coa consideración da presenza do verbo oferir (cfr. oferi en 1497.19), que convive no corpus trobadoresco coa forma oferecer. Na realidade, podería tamén considerarse unha solución quen o ferisse!, xa suxerida por Lapa (e aceptada en Littera): «No verso 10, a lição do C. V. é quen no ferisse. N. seguindo G. N. 418, interpreta, que non pedisse. Quanto melhor, mais simples e gracioso seria conservar a lição original: mais el demanda-mi al, quen no ferisse! = «quem lhe batesse por esse atrevimento». Esta vivacidade de linguagem é própria daquela musa tão alegre e original. Nobiling rejeita, numa hora infeliz, a boa lição e lembra também que lh’oferisse, sem dúvida muito melhor do que a que adoptou» (Lapa 1982: 166).
    De calquera maneira, o verbo oferir ~ oferer (coa variante gráfica offerir ~ offerer) é sen dúbida pouco usado na lingua medieval, que prefire oferecer, como mostran os datos subministrados polo CGPA: para alén de quince ocorrencias nas Cantigas de Santa Maria, só achamos tres documentacións, todas elas temperás, do século XIII, data en que debeu ser substituído pola forma incoativa: a uos, ffrey Pááyo, veſtiaro de Subrado ĩ uoz τ ĩ nome de Don Johan Perez, abbade de Subrado, τ du conuẽto deſſe meeſmo lugar, damos τ offeremos au dito abbade τ conuento τ a Deus τ ad Santa Maria τ ad ſuas uirtudeſ (doc. de 1262); Cunusçuda cosa sea aos que sum τ aos que am de uíír. Que eu .Domingo. domĩgit ĩ un cũ mya moler blãca stiuayt. offerimos nossos corpos τ nosas almas a sancta maria de fferreira de palares (doc. de 1263); et se este herdamento mais ual oferimollo et damollo por nossas almas a este moesteiro sobredito (doc. de 1285).

  • 11

    As cantigas de Joan Garcia de Guilhade subministran numerosos exemplos de autonominatio, coa súa nominal inclusión dentro das súas cantigas. Véxase, tamén, 757.13, 760.13, 768.1, 772.17, 784.10.

  • 15

    O substantivo torpidade é de uso infrecuente na lingua trobadoresca, pois só se atesta noutros catro trobadores, sempre en cantigas escarniñas (628.3, Pero Larouco; 1326.14, Estevan da Guarda; 1632.16, Pero Viviaez; 1667.2, Pero da Ponte). Diferentemente de torpe, que só por veces indica ‘lascivo, indecente, obsceno’ (cfr., por exemplo, maaos, torpes e çujos sacerdotes nun sínodo portugués de 1477; García y García 1982: 94), en torpidade predomina o valor de ‘luxuria, obscenidade, indecencia’, valor que aparece con certa frecuencia ao longo da produción medieval, para alén das tres documentacións nas Cantigas de Santa Maria, favorecidas polo contexto relixioso (véxase Mettmann 1959-1972: IV, s.v.). En diversas obras medievais, torpidade aparece asociado directamente a luxuria (véxase CGPA, s.v. torpidade); así, na Crónica Geral de Espanha de 1344: Mas este Vetiza, que ataa este tempo fezera o pecado de sua luxuria algũu pouco encuberto, começou, des este terceiro ãno en dyante, fazello muy descubertamente ante todos sem nẽ hũu resguardo. E tanto se husou em seu maao custume que perdeu toda a vergonça que devia d'aver e nõ se retiinha de fazer toda torpidade e pecado; no Orto do Esposo: Eu achey que os cedros de Mõte Libano e os guiadores dos rex cayrõ so esta pestelença, da queeda dos quaaes nõ era mais sospeyta ca de cayr Sancto Anbrosio ou Sam Jeronimo ẽ torpidade de luxuria; no Penitencial de Martín Pérez: Que mal de torpidade ou de deleyto ouveron, com os narizes, plazer carnal tomando. [...] Se os volveu aas torpidades ou aas molheres ou aos baroões, com luxuria; ou no Livro das Confissões: O terceyro he quando alguũ acha o cleerigo fazendo torpidade de luxuria cõ sua mulher, cõ sua filha, ou cõ sua madre, ou cõ sua hermãa (cfr. Martín Pérez 2012-2013: 41).

Rechercher
    Aucun résultat trouvé