Criterios de transcrición

Partindo do principio básico de que o elemento mínimo do sistema gráfico é o grafema (Sánchez-Prieto Borja 1988: 77), na transcrición dos manuscritos que aquí ofrecemos situamos o límite no nivel dos grafemas, evitando representar no texto as realizacións alográficas que non se corresponden con realizacións diferentes no plano fónico. Prescindimos, ademais, de todos aqueles trazos que, aínda sendo característicos dos diferentes códices, non se sitúan no nivel grafemático, como a prolongación de determinadas letras ou os elementos empregados polo copista para completar a caixa de escritura. Tampouco se reproducen as numerosas liñas verticais que, no Cancioneiro da Ajuda, e nun material similar ao lapis, marcan o corte dos versos e que non sempre deron lugar ao trazado en tinta do punto correspondente.
 
Os criterios de presentación do texto seguidos son os que se explicitan a seguir:

1. Abreviaturas. Non se desenvolven as abreviaturas, xa que consideramos que a resolución destas, aínda cando se sinale en itálica, «no satisface del todo la exigencia de coherencia crítica en la transcripción paleográfica» (Sánchez-Prieto Borja 1988: 91). Este criterio obríganos a distinguir, unha vez valoradas as características dos textos, entre signos que constitúen unha verdadeira abreviatura e aqueles que teñen carácter expletivo (Sánchez-Prieto Borja 1988: 93, n. 11), como o punto que coroa o y –que Henry H. Carter (2007 [1941]) na súa transcrición de A, por citar un exemplo, marca sistematicamente como <y>. Dado que este elemento ten en orixe finalidade diacrítica, non se reproducirá na transcrición.
 
No que se refire ao lugar que ocupan as abreviaturas, debe terse en conta que o til de nasalidade ou a marca de abreviación se transcribe, en xeral, sobre o elemento ao que aparecen sobrepostos no manuscrito. En determinados casos, a abreviatura, que comeza nun determinado grafema, desprázase cara á dereita: nese caso colocámola sobre o elemento en que se inicia a súa escrita.

Moitas abreviacións eran realizadas colocando sobre a grafía inicial da sílaba abreviada unha das letras da parte omitida, ás veces cun trazado esquemático que só lembra vagamente a grafía orixinaria. Neste caso transcribimos a letra correspondente, normalmente as vogais <e, i> e a consoante <r>,  voada á dereita da grafía base da abreviatura (ex: qis > quis, melhr > melhor).

Por outra parte, e en relación á variedade de formas que presentan os signos abreviativos, todos procedentes do sistema latino, eses varían a súa morfoloxía non só conforme os cancioneiros e o tipo de letra utilizado, mais tamén segundo os copistas e mesmo nun único copista. Foi preciso, pois, uniformizar toda esa variación gráfica de xeito que se reducise a un único signo convencional cada un dos valores que nos manuscritos están representados por signos abreviativos que en última instancia remiten a unha orixe e valor común, mais que na materialidade gráfica derivaron para formas diferentes. Un número limitado de signos dispoñíbeis nas fontes informáticas é abondo para podermos representar, por medio de caracteres convencionais, toda a multiplicidade de abreviacións e ao mesmo tempo podermos manter a información paleográfica relevante.
 
Así, é utilizada a lineta sobre as vogais para indicar nasalidade ou abreviación de consoante nasal implosiva (ex: hūa > ūa, bē > ben); tamén se utiliza a lineta para representar o trazo, de tendencia maioritariamente horizontal1, con valor xeral de abreviatura (ex: > que¸d > deus, soƀ > sobre, tra > terra).
Os distintos trazos horizontais curvados e ondulados que representan unha vogal seguida –con menor frecuencia precedida– de r, cos valores ‑ar, -er, ‑ir, -ir, -ro,or, ‑ur, ‑ra, -re ..., reprodúcense como <  ̃> (ex: stura > tristura, te > morte etc.)2.

A abreviatura similar a un a aberto, que remite ao a visigótico, utilizada coas consoantes <g> e <q> co valor de -ua e, en moita menor medida, de -a, transcríbese como <W> (ex. mingʷ > mingua, pagwr > pagar, logwr > logar, qwl > qual)3. Este mesmo signo de abreviatura, recorrente con leves variantes gráficas de trazados moi próximos, pode ter tamén o valor de -ra, -ar, -uar; neste caso mantense a transcrición como <w> en Ajuda, mentres que se transcribe como <  ̃ > en BV (ex: dou > doutra, zer > prazer, ro > rogar, dar > guardar).

O signo de abreviatura con valor de -er, -re, -ir, cuxa forma varía desde unha vírgula elevada a un trazo vertical en zig-zag que semella un ‘lóstrego’, transcribímolo como <’> (ex: faz’ > fazer, semp’ > sempre etc.).
 
O elemento que representa os valores ‑os, ‑us transcríbese como <>; o signo tironiano para a cópula e márcase con <>; para as diversas abreviaturas en que intervén <p> son utilizadas as seguintes: <> por, per, pre, <> per, <> pro; ao mesmo tempo, úsase <ƥ> para ser; finalmente, para as raras aparicións da abreviatura de -run, -ron é utilizado o símbolo <>. 
 
2. Grafías, unión e separación de palabras, puntuación. No que atinxe ás grafías, reflíctense na transcrición todas as particularidades dos manuscritos, incluídas as duplicacións de grafemas. Para as maiúsculas e as minúsculas, respéctase o uso dos códices. Canto á unión e separación de palabras, consérvanse as secuencias gráficas destes –debe terse en conta, porén, que con frecuencia é moi difícil opor espazo á falta del, polo que, en determinadas ocorrencias, a decisión adoptada pode ser discutíbel. Nas formas ou secuencias iniciadas con capital ou maiúsculas adornadas, cando os elementos do vocábulo aparecen lixeiramente separados no códice mantémolos unidos (e viceversa). Hai que ter presente que, nestes casos, a separación ou unión se debe ao trazado da capital debuxada e ao axuste desta co texto.

No que se refire aos signos de puntuación, os puntos transcríbense a seguir do elemento verbal precedente, sen espazo en branco anterior e deixando espazo antes da palabra seguinte.

Finalmente, empregamos unha serie de elementos convencionais na práctica editorial para reflectir determinadas características da copia:
 
  • indícase o folio coa abreviatura f., acompañada do número que corresponda e da indicación recto [f. 1r] ou verso [f. 1v]. As columnas refírense coas letras a e b [col. a], [col. b].
  • os segmentos cancelados mediante fórmulas diversas –rasura, punto baixo ou anulación mediante trazo de pluma– insírense entre parénteses redondas (...).
  • as adicións na entreliña sinálanse entre \.../; no caso de A, as que se colocan na marxe dos versos, e que son contemporáneas da copia, transcríbense entre {...}, se estas foren da autoría do revisor, e con ‹...› se procederen da man do corrector (cfr. Pedro 2016 [2004]). Cando non foren claramente identificábeis os responsábeis da inserción deses elementos, estes serán transcritos sen marcas na marxe correspondente. As notas tardías serán recollidas a pé de páxina.
  • tamén en A, nas capitais e maiúsculas, cando se anotou a letra de espera, esta é transcrita entre parénteses cadradas: [A]; cando falta esta nota técnica márcanse con [...].

Por fin, e como criterio que debe guiar calquera transcrición paleográfica, limitámonos a reproducir o texto tal e como aparece nos manuscritos, con todos os erros que neles presenta, reservando as emendas para a edición crítica. En nota de rodapé ofrécense todos os comentarios que consideramos oportunos sobre lecturas dubidosas, particularidades do soporte de escritura ou dúbidas de diversa índole.
 
  1. ^

    Aínda que en V é moi frecuente un trazado ondulado e de inclinación ascendente cara á dereita.

  2. ^

    Na transcrición de A utilizamos un signo diferente, porque en vez de ondulado é máis ben ‘anguloso’ (por ex: faz̃ > fazer).

  3. ^

    E moi esporadicamente con con outras consoantes: matwr> matar.