973 [= RM 2,2 (= 12,1)]
A gran dereito lazerei

A gran dereito lazerei,
que nunca ome viu maior,
u me de mia senhor quitei
[................................. -or]
e que queria eu melhor
de seer seu vassalo e ela mia senhor?
E [eu] sempre por fol terrei
o que deseja ben maior
daquele que eu receei;
a guisa fize de pastor:
e que queria eu melhor
[de seer seu vassalo e ela mia senhor?]
E quantas outras donas sei,
a sa beldad’ést’a maior
daquela que desejarei
[e]nos dias que vivo for:
e que queria eu melhor
[de seer seu vassalo e ela mia senhor?]
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 

Manoscritti


B 971, V 558

Edizioni


I. Edicións críticas: Nunes (1972 [1932]: 387-388 [= LPGP 74]); Marcenaro (2015a: 84); Littera (2016: I, 29); Querido (2016: 51); Littera (2016: I, 29).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 200); Braga (1878: 106); Machado & Machado (1953: IV, 346); Gaspar Porras (1995: 62).
III. Antoloxías: Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 16).

Varianti manoscritte


1 A] O V; lazerei] larerey B : laçerey V   7 terrei] teirey B   15 desejarei] deseyar (for) ey B

Varianti editoriali


En Nunes e en Littera o v. 6 de cada estrofa é dividido en dous versos hexasilábicos (grave e agudo).

4 [e perdi por en seu amor] Nunes   5 e que queria] (e) que queri(a) Nunes   7 [eu] sempre] [já] sempre Nunes, Littera : sempre [eu] Marcenaro : sempre Querido   11 e que queria] (e) que queri(a) Nunes   13 E] [D]e Marcenaro   15 desejarei] desejar ey Nunes : desejar ei, Marcenaro, Querido : desejar hei Littera   16 [e]nos dias que] nos dias [en] que Marcenaro : nos dias que Querido   17 e que queria] (e) que queri(a) Nunes

Parafrasi


(I) Moi merecidamente sufrín, que nunca ninguén viu un sufrimento maior, cando me afastei da miña señora [...] e que quería eu mellor que ser eu o seu vasalo e ela a miña señora?
(II) E eu sempre terei por louco a quen desexa un ben maior daquel que eu non apreciei; obrei como un inexperto: e que quería eu mellor que ser eu o seu vasalo e ela a miña señora?
(III) E de cantas outras donas coñezo, a maior beldade é a daquela que desexarei nos días da miña vida: e que quería eu mellor que ser eu o seu vasalo e ela a miña señora?

Metrica


Encontros vocálicos:  8a 8b 8a 8b 8B 12B (= RM 85:2)

Encontros vocálicos: 6 vassalo‿e; 12 vassalo‿e; 18 vassalo‿e

Note


Testo
  • *

    Esta cantiga é atribuída a Afons’Eanes do Coton en B (e C), mentres que en V é asignada a Airas Engeitado, autor que segue a Coton no manuscrito. Certamente, tanto o feito de ser esta quizais a única cantiga amorosa do trobador de Negreira como a súa colocación nos códices, en lugares en que se verifican diversas anomalías (estas foron explicadas en detalle por Marcenaro 2015b: 86-87), indican que probabelmente sexa da autoría de Airas Engeitado, como sosteñen Simone Marcenaro (2015a; 2015b: 86) e Andreia Querido, que asina a última edición crítica deste trobador (Querido 2016).
    Non obstante, Graça Videira Lopes atribúe a composición a Afons’Eanes do Coton, e apunta á aparición de lazerei no íncipit da cantiga como un posíbel xogo (ou resposta) coa cantiga 481 de Afonso X, en que o rei acusa a Coton da morte de Pero da Ponte para lle roubar os seus cantares (na composición afonsina rexístrase lazerado (v. 3) e lazerar  (v. 13): isto «poderá ser un indício de que o rei estará, na verdade, a citar irónica e jocosamente a única cantiga de amor de Cotom (a única que nos chegou), cujo incipit é exactamente “A gram dereito lazerei”» (Lopes 2012). Debe terse en conta, porén, que os argumentos estilísticos, como en múltiplas ocasións sinalou a crítica, deben ser manexados con coidado extremo á hora de dirimir conflitos atributivos, e máis nunha tradición tan fixada desde o punto de vista temático e léxico.

  • 2

    Nótese a repetición da palabra rimante maior no segundo verso de todas as cobras.

  • 4

    A lacuna textual que abranxe o verso completo impide propor unha hipótese reconstrutiva fiábel.

  • 6

    Por máis que os códices transmitan este verso dividido en dous (como é hábito nos apógrafos italianos), que Nunes e Littera len mecanicamente, a rima indica que debe ser considerado un verso longo, que introduce unha anisometría refránica que se encontra noutras moitas cantigas do corpus.

    Por outra banda, lémbrese que as cantigas de amor e o canto cortés, en xeral, representan a relación amorosa espellada na relación feudal recíproca entre un señor protector e o seu vasalo servidor. Termos como vassalo –e o seu sinónimo máis usado ome–, senhor, servir, ben, galardon, entre outros, vehiculan esta metáfora feudal do amor como servizo.

  • 7

    A hipometría versal indica a necesidade de reintegración de unha sílaba métrica, que ben pode ser (entre outras posibilidades, véxanse o ja proposto por Nunes e Littera) o pronome eu, doadamente omitíbel no proceso de copia tras a copulativa e. En calquera caso, a secuencia sempre [eu] das edicións de Marcenaro e Querido non é probábel pola sinalefa sistemática que se produce no corpus sempre que se rexistra esta secuencia (171.10, 374.11, 856.10, 858.10).
    Por outra parte, o provenzalismo fol (tamén en 359.9, 901.8, 988.15-16, 1340.12 e 1632.13) compite con louco no corpus profano, de igual modo que folia e loucura (véxase Glosario).

  • 10

    A minoritaria variante bisilábica fize para a P1 de pretérito indicativo de fazer, que só volve aparecer en 95.13 (fize A vs. figi B), mostra a permanencia do -ī latino sen condicionar a palatalización consonántica (fronte á forma xeral fiz) da base fēcī, de modo que tamén garante contaxe bisilábica.

  • 13

    Obsérvese a emenda de Marcenaro, que corrixe un frecuente anacoluto que se produce nomeadamente no íncipit das cantigas ou no primeiro verso de estrofa.

  • 15

    É certamente artificiosa a segmentación desejar ei que os editores precedentes realizan nunha forma de futuro perfectamente lexítima no contexto, lonxe dunha pretendida perífrase aver + infinitivo.

  • 16

    A hipometría versal indica a necesidade da emenda proposta, en liña cos varios versos do tipo enos dias que vivo for ou enos dias que eu viver localizados ao longo do corpus.
    Ademais, ao longo dos cancioneiros detéctase con frecuencia a presenza dun no(s) ~ na(s) hipométrico en versos en que algún dos manuscritos achega a correcta lección bisilábica do encontro da preposición en co artigo (véxanse 66.9, 164.r2, 217.11, 227.4, 278.21, 355.8).

Cerca
    Nessun risultato trovato