429 [= RM 136,1]
A Lobaton quero eu ir, ai Deus, e Tu me guia

A Lobaton quero eu ir, ai Deus, e Tu me guia,
que a vis[s]’oj’eu por meu ben, a que veer queria,
a que parece melhor
de quantas Nostro Senhor
Deus fez: é Dona Joana,
por que moir’eu polo seu
parecer que lhi Deus deu
a esta louçana.
Eu non na vi, mais oi
dela muito ben: pois i
for, veerei sa irmana.
A Lobaton quero eu ir, ca, u and’eu [ou] sejo,
sempre [e]no meu coraçon muito veer desejo
a senhor do melhor prez
de qua[n]tas Deus nunca fez:
esta é Dona Joana,
por que moir’eu polo seu
[parecer que lhi Deus deu
a esta louçana.
Eu non na vi, mais oi
dela muito ben: pois i
for, veerei sa irmana].
A Lobaton quero eu ir, ca non perço cuidado
do coraçon en guisa tal que me trax aficado
pola melhor das que sei,
que se a non vir mort’ei:
esta é Dona Joana,
por que moir’eu pelo seu
parecer que lhi Deus deu
a esta louçana.
[Eu non na vi, mais oi
dela muito ben: pois i
for, veerei sa irmana].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 
 
30
 
 
 

Manuscripts


B 448

Editions


I. Edicións críticas: Nunes (1972 [1932]: 43-45); Beltrami (1974: 48-49 [= LPGP 877]); Littera (2016: II, 419-420).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 145); Machado & Machado (1950: II, 282-283); Rios Milhám (2018b: III, 429).
III. Antoloxías: Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 205-206); Magalhães (2007: 117).

Manuscript variants


3 parece melhor] melhor parece melhor B   5 Deus] edon B; Joana] johāna B   8 louçana] lou caria B   9 vi] m B   11 veerei sa irmana] ueerrey ssair mana B   13 coraçon] coracom B; desejo] desseio B   15 de] des B   16 Joana] ihoāna B   24 coraçon en guisa] coracon enguissa   25 que] queu B   26 mort’ei] morrey B   27 Joana] Johāna B   28 por que] E porq̄ B; seu] sem B   29 parecer] parecez B   30 louçana] lou cano B

Editorial variants


En Nunes, Beltrami e Littera os vv. 1-2 de cada estrofa divídense en dous versos curtos heptasilábicos (7 6’), conforme a disposición tipográfica no Cancioneiro da Biblioteca Nacional.

1 quero eu] quer’eu Littera   2 que a vis[s]’] que visse’ Littera  5 Joana] Johanna Nunes, Beltrami   8 a esta louçana] a esta [e] louçania Nunes : a esta [dona] louçana Littera   9 non na] nõn’a Littera   11 veerei sa irmana] verrey ssair Maria Nunes : veerrey ssair mana Beltrami : veerrei sa irmana Littera   12 quero eu] quer’eu Littera   13 [e]no] no Nunes, Beltrami, Littera; desejo] dessejo Beltrami   16 Joana] Johanna Nunes   19 a esta louçana] a esta [e] louçania Nunes : a esta [dona] louçana Littera   20 non na] non a Nunes : nõn’a Littera   22 veerei sa irmana] verrey ssair Maria Nunes : veerrey ssair mana Beltrami : veerrei sa irmana Littera   23 quero eu] quer’eu Littera   25 que] qu’eu Nunes, Beltrami   26 mort’ei] morrey Nunes, Beltrami   27 Joana] Johanna Nunes, Beltrami   28 pelo] polo Beltrami   30 a esta louçana] a esta [e] louçania Nunes : a esta [dona] louçana Littera   31 non na] non a Nunes : nõn’a Littera   33 veerei sa irmana] verrey ssair Maria Nunes : veerrey ssair mana Beltrami : veerrei sa irmana Littera

Paraphrase


(I) A Lobatón eu quero ir, ai Deus, e guíame Ti, para que eu a vise hoxe para o meu ben, a que ver quería, a máis bela de cantas Noso Señor Deus fixo: é Dona Joana, por quen eu morro por causa da súa beleza que Deus lle deu a esta (dona) louzá. Eu non a vin, mais ouvín falar dela moi ben: logo que alí for, verei a súa irmá.

(II) A Lobatón quero eu ir, porque, onde eu ando ou estou, sempre no meu corazón desexo moito ver a señora de mellor fama de cantas Deus nunca fixo: esta é Dona Joana, por quen eu morro por causa da súa beleza que Deus lle deu a esta (dona) louzá. Eu non a vin, mais ouvín falar dela moi ben: logo que alí for, verei a súa irmá.

(III) A Lobatón quero eu ir, porque non perdo a ansia do meu corazón, de tal maneira que me trae atormentado pola mellor das que coñezo, que se non a vir morte terei: esta é Dona Joana, por quen eu morro por causa da súa beleza que Deus lle deu a esta (dona) louzá. Eu non a vin, mais ouvín falar dela moi ben: logo que alí for, verei a súa irmá.

Metrics


Esquema métrico: 3 x 14’a 14’a 7b 7b 7’c 7D 7D 5’C 7E 7E 7’C (cfr. RM 251:1)

Encontros vocálicos: 11 ve͜e·rei, sairmana; 22 ve͜e·rei, sairmana; 33 ve͜e·rei; sairmana

Notes


Text
  • *

    Esta cantiga, que non se axeita aos principios canónicos da cantiga de amor, pois revela o nome da amada (Joana) e introduce marcas lexicais típicas da cantiga de amigo (louçana, irmana) (véxase nota a 582.3), continúa co tema do amor de lonxe ou amor de ouvidas, xa presente na anterior cantiga do mesmo Pero Viviaez.
    A rima condiciona a estrutura métrica que presentamos, xa estabelecida no estudo de J. M. Montero Santalla (2000: 374-375).

  • 1

    Lobatón debe ser o actual Torrelobatón, concello da provincia española de Valladolid.
    Por outra parte, a aparentemente estraña anteposición pronominal na frase ai Deus, e Tu me guia, parece ser algo habitual nese tipo de construcións de carácter apelativo en que se enfatiza a figura de Deus, a quen se lle fai a petición. Podemos documentala nunha construción similar nalgunhas obras en prosa:

    Sennor Deus, (...), tu me perdõa sse eu en esta entrada errey (tradución galega da Crónica de Castilla e da Estoria de España; Lorenzo 1975: I, 91).

    Tu me dá ora minha vista (tradución da Confessio Amantis; Faccon 2012: 342).

  • 5

    Neste verso, a lección <edon> de B, que emendamos para Deus, parece ser produto dun salto de copia para é dona, que vén despois do verbo. De calquera xeito, a métrica solicita unha sílaba e o sentido leva para Nostro Senhor Deus, sintagma complexo que achamos noutras composicións (235.1, 988.1).
    A citación expresa do nome da amada (dona Joana) vai contra unha das regras do amor cortés, a do segredo amoroso. Véxase nota a 111.1.

  • 8

    Dado que loucaria non ten sentido, a lectura louçana (mais louçania en Nunes) parerece indubitábel, co erro <ri>/<n> que se pode encontrar, por exemplo en 283.8 (saberia <sa bona> B), 383.8 (<arid> V and’) ou 1491.5 (<badaria> B badana). Por súa parte, a intromisión textual en Littera, á procura dunha isometría nos versos dun refrán anisométrico, non se xustifica desde o punto de vista ecdótico.

  • 11

    A lectura sa irmana dedúcese de <ssair mana> coa correspondente deglutinación da cadea textual de B e coa aparición do par lexical lóxico en rima co louçana anterior (Nunes estabelece Maria condicionado pola rima con louçania). Porén, Beltrami estabelece o hapax mana coa interpretación sair mana, mais esta lectura parece produto de preconceptos provenzalizantes, pois o maná bíblico que se atesta no trobador Jaufé Raudel, autor de textos arredor do tema do amor de ouvidas, non é motivo suficiente para propor un hapax na presente cantiga de Pero Viviaez (véxase Ferreiro 2012a: 153)1 . Deste xeito, louçana e irmana, que son contaminacións lexicas da cantiga de amigo (véxase nota a 582.3), riman sen ningún problema métrico. Canto a veerei, o erro <rr>/<r> atéstase con frecuencia nos apógrafos italianos, nomeadamente en V (véxase, en B, <falar rey> falarei, 312.7), cuestión que non se tivo en conta na proposta textual de Littera, onde a forma veerrei, inexistente na lingua, carece de sentido.

  • 12

    A forma sejo, P1 de presente indicativo de seer, resultado da conxugación regular de sedēre neste tempo (sedeo, sedes etc.), compite desvantaxosamente cos resultados de sŭm (> son) e *sono (> so͂o, soo) (véxase Ferreiro 1999: §218b).

  • 13

    A minoritaria forma eno atéstase na lingua das cantigas e aparece con certa frecuencia no sintagma eno meu coraçon (64.7, 65.5, 103.6, 175.10, 299.3, 311.3 etc.), circunstancia que favorece a súa escolla para salvar a hipometría do verso. Ademais, ao longo dos cancioneiros detéctase con frecuencia a presenza de no(s) ~ na(s) en B cando A achega a lección correcta eno(s) ~ ena(s) (véxanse 66.9, 164.r2, 217.11, 227.4, 278.21, 355.8).

  • 16

    Nótese a lección <ihoãna> B Joana, coa grafía <ih> para /ʒ/, talvez a indicar a real existencia do fonema africado palatal sonoro /dʒ/, par sonoro do correspondente africado palatal xordo /ʧ/ <ch> (véxase Larson 2019 [2018]: 53, n. 20). Ao longo de BV achamos aínda outras grafías idénticas: <quiiheu> B quig’eu (250.7), <iha> BV ja (835.4), <ueihagora> V vej’agora (1007.5), <aiha> aja (1160.6 e 8), <iha> B ja (1585.27).

  • 24

    A forma palatalizada trax (tamén en 540.7, 548.1, 1342.4, 1489.11) convive con traz, por súa vez forma concorrente coa xeral trage, que corresponde á P3 de presente indicativo de trager (<*tragere, véxase Ferreiro 1999: §220). A forma traz (e trax) anuncia a mudanza trager > trazer, que se consolidará no territorio portugués, con atestacións no derradeiro período medieval e sen testemuños claros en territorio galego, onde só localizamos et trazía en hua mao hua procuraçón nun documento, tamén serodio, de 1470 (véxase TMILG, s.v. trazía). Canto á palatalización, é o único caso en que se produce unha evolución -z > -x, para alén do nome propio importado Beatrix (véxase nota a 988.21), xa que a variante fix (= fiz) só se rexistra nun dos dous manuscritos en 361.3 (V vs. B) e 1031.15 (B vs. V). Véxase nota a 74.13.

  • 25

    A lectura qu’eu de Nunes e Beltrami contradí os principios trobadorescos que impiden a crase –ou sinalefa– de que (véxase Ferreiro 2009: 490) ao tempo que é unha interpretación da lección <queu>, que debemos considerar como un erro de copia por <que> (véxase un erro igual en 982.2, onde aparece <queu> por <que> en BV).

  • 26

    A forma morrei (Nunes) ou morrey (Beltrami), como hipotética forma de futuro por morrerei, é absolutamente inexistente na lingua, porque, na realidade, debe ser un erro de transmisión <r>/<t>, habitual en BV: <morrey> vs. <mortey> (cfr., por exemplo, mort’a co erro <morra> en V en 372.16); ou, inversamente, morre co erro <morte> tamén en V, en 1238.11, ou, aínda, morrerá coa lección <mortera> BV en 1240.4). Deste xeito, cunha base mortey e coa segmentación axeitada pódese xa estabelecer con seguranza unha forma de presente, que, xunto co futuro, é o tempo utilizado nas frases de futuro de subxuntivo2 . Por outra parte, a posibilidade dun lapso de copia por morr[er]ei tampouco é aceptábel, pois obrigaría a unha anómala sinalefa sea coa conxunción condicional (véxase Ferreiro 2013b).

  • 28

    A presenza da copulativa inicial neste verso do refrán revela o seu carácter espurio, feito que acontece con certa frecuencia, especialmente no inicio do verso. Neste sentido, o testemuño diverxente dos manuscritos confirma moitas veces ese carácter. Véxase, entre outros, B vs. A (66.14, 96.10, 128.14, 224.7, 241.22, 306.13, 312.5 e 13), A vs. B (129.28), A vs. BV (1236.10 e 16), B vs. V (851.12, 924.19, 950.7, 1631.7), V vs. B (740.10, 935.6, 1148.9).

  1. ^

    A voz maná (ou manaa) só se rexistra en obras tardomedievais de teor relixioso, como o Livro das Confissões (Martín Pérez 2012-2013: 297) ou nos Evangelhos e Epístolas com suas Exposições em Romance (Machado 2008-2013: 581, s.v. maná).

  2. ^

    A forma morrey presente na tradución galega da Crónica de Castilla e da Estoria de España debe ser un lapso de edición por morr[er]ey, nun contexto en que é esixida a forma de futuro: ca senõ dizedelle que ante morrey cõnos de Çamora, et elles comigo (Lorenzo 1975: 379).

Search
    No results