I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 397); Pellegrini (1969: 25 [= LPGP 590-591]); Lopes (2002: 275); Littera (2016: II, 55).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 326); Braga (1878: 179); Machado & Machado (1958: VI, 82); Lapa (1964: 9); Souto Cabo (2012c: 127-128); Callón (2017: II, 76).
III. Antoloxías: Tavares & Miranda (1987: 276-277); Gutiérrez (2023: 91).
2 leixad[e]] lexad B 8 Tolhede] Tolhedhe B 11 i] h B : om. V 17 per] por? B 18 melhor] muy melhor B : mui melhor V
1 o] ó Lapa 2 leixad[e] o] leixad’o[r]’o Lapa, Lopes : leixad’o Pellegrini 3 e tornad’a o albardar] e tornad’ao albardon Lapa : e tornad’ao albardar Pellegrini, Lopes, Littera 7 vos] vus Pellegrini 9 apertade-lh’o] apartad’o Pellegrini 10 vos] vus Pellegrini; ren] al Lapa 14 vos] vus Pellegrini 16 e] om. Pellegrini 17 vos] vus Pellegrini; per ren] e ar Lapa 21 vos] vus Pellegrini
(I) Airas Moniz o Zevron, deixade de lado a grande sela e tornade a usar albarda: andaredes aí mellor que na sela renxedora, andaredes aí moi ben e non vos renxerá por nada.
(II) Tirádelle o peitoral, apertádelle o atafal e non vos renxerá por nada: andaredes aí mellor que na sela renxedora, andaredes aí moi ben e non vos renxerá por nada.
(III) Podedes desa maneira bafordar e partir o taboado, e non vos renxerá por nada: andaredes aí mellor que na sela renxedora, andaredes aí moi ben e non vos renxerá por nada.
Esquema métrico: 7a 7a 8b 7C 7C 7D 8D (I) + 7a 7a 8b 7C 7C 7B 8B (II-III)
Encontros vocálicos: 3 a·o‿albardar; 9 o‿atafal
Esta composición está tamén incluída na rúbrica que precede a cantiga UC 1355, e que afecta ás cantigas UC 1355-1366: «Don Lopo Lias trobou a ũus cavaleiros de Lemos; e eran quatro irmãos e andavan sempre mal guisados; e por én trobou-lhis estas cantigas».
A manutención das leccións ofrecidas en BV implica unha diferente estrutura métrica con relación ao esquema estabelecido por Tavani (21:2).
A articulación pragmática de o Zevron neste verso, nunha composición dirixida a un interlocutor (Airas Moniz) levanta dúbidas editoriais, que explican a lectura ó zevron de Lapa. Con todo, coidamos que unha formulación enunciativa resolve satisfactoriamente a pasaxe, que pon nome a un dos catro cabaleiros de Lemos, tal como anuncia a rúbrica. Fóra desta alusión, cada un destes cabaleiros é sempre referido como infançon, para alén do infançon cão d’Alvan (1357.7). Véxase Marcenaro & González (2024: s.v. Airas Moniz, o Zevron).
O verso presenta unha expresión un bocado confusa, pois semella que albardar é infinitivo, e o o seu complemento directo: e tornade a o albardar (isto é, «e tornad’a albarda-lo»). De todos os modos, a partir do feito de non existir referente (cavalo ou similar) tamén se podería considerar albardar como un infinitivo substantivado (‘acto de pór a albarda’), equivalente, por tanto, a albardamento. A existencia do verbo está garantida pola aparición do participio (véxase albardado ‘aparellado de albarda’ na Vida de Frei Pedro (1570), de André de Resende (Grillo 1966: s.v. albardado), mais, sobre todo, pola directa atestación de albardar:
Jtem Senhor vossa alteza tem fecta ordenaçom que quallquer pessoa que em vosos rregnnos albardar besta ao domjngo e dia santo a perca (cfr. CdP, Cortes portuguesas, 1498).
O verbo, ademais, é dicionarizado pola lexicografía portuguesa dos séculos XVI-XVIII (Jerónimo Cardoso, Bento Pereira, Rafael Bluteau...). Véxase CLP, s.v. albardar.
Neste sentido, non é xustificábel a emenda lapiana (albardar > albardon), que, xunto coas mudanzas nos vv. 10 (ren > al) e 17 (per ren > e ar), continúa as correccións de Braga (que “corrigiu com boa intuição”, en palabras de Lapa) na procura dunha harmonía rimática que a composición non presenta.
O adxectivo invariábel rengedor (na altura, as voces acabadas en -or non tiñan flexión xenérica) refírese á sela (cfr. tamén rengelhosa noutras cantigas de Lopo Lias).
O peitoral é a correa da sela que cinxe o peito do cabalo. É voz con atestacións diversas no período medieval. Eis un exemplo:
Et quebrantoullj as çĩtas et o peytoral, et caeu el et a sela pelas ancas do caualo, asi que coydarõ que era morto (Crónica Geral Galega; cfr. CGPA, ed. Lorenzo).
O atafal é correa que envolve as ancas do animal por tras do rabo, para segurar o aparello. A diferenza de peitoral, esta voz só conta con atestacións posmedievais, a partir do Cancioneiro de Garcia de Resende e de Gil Vicente (véxase CdP, s.v.).
Repárese na repetición do verso (alén da súa presenza como cuarto verso do refrán), fenómeno que se rexistra nalgunhas cantigas do corpus profano, e tamén noutras cantigas de Lopo Lias (1359.5 e 15, 1360.5 e 15).
Bafordar ‘tirar lanzas en xogos de cabalaría’ (tamén en 723.2, 769.2 e 9) debe indicar algo similar a lançar a tavolado (véxase v. 27). Ambas as dúas accións aparecen decote unidas en diversas narracións medievais de teor cabaleiresco;
Os castelãos a hũu cabo alançauã et quebrantauã os tauolados, et os outros tragiã armas et bufurdauã ... Et forõ y grandes alegrias ademays de lãçar a taualados et de bofurdar et correr touros et de jogar tavolas et açedrẽches et moytos iograres (Crónica Geral Galega; Lorenzo 1975: I, 138, 176).
Mays todos cada día andauã ante ela bufurdando et lançando o trauado ... Et os caualeyros lançauã a trauados et bufurdauã (Crónica Troiana; Lorenzo 1985: 720, 721).
Vaasco Gonçalvez Peixoto, que foi de boas manhas em lançar a cavalo a tavolado e em bafordar e em nas outras cousas que perteencem a fidalgo (Livro de Linhagens do Conde D. Pedro; Mattoso 1980: II/2, 42).
E baffordavã e britavã tavolados e filhavã escudos e lanças (Crónica Geral d’Espanha de 1344; Cintra 1952-1990: III, 80).
A voz tavlado ‘armazón de táboas utilizada en xogos cabaleirescos’ (do lat. tabŭlātum) aparece baixo a conservadora forma tavolado (hipermétrica) en 478.27: Nen de lançar a tavolado / pagado / non sõo.
As lanzas arremesadas con forza ao bafordar tiñan como efecto britar (‘quebrar, romper’) o tavlado.
Realizamos a expunción de mui, que provoca hipermetría no verso e que, con frecuencia, ten unha presenza adventicia nos manuscritos, como mostra a súa espuria intromisión en diversas pasaxes: B vs. A (257.1), A vs. B (65.1, 369.3, 998.10), BV vs. A (417.15), B vs. V (423.17, 810.14), así como 812.14 ou 995.5, por exemplo.