I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 255-256); Rodríguez (1980: 145 [= LPGP 382]); Cohen (2003: 538); Littera (2016: I, 440).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 212); Braga (1878: 114); Fernández Pousa (1959: 110); Machado & Machado (1960: VII, 82).
III. Antoloxías: Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 78).
2 sen] seu V 5 meu] mea V 7 Fariades] E fariades V; coraçon] corazon V
6 nen ũa] nẽũa Littera 7 Fariades] E fariades Rodríguez, Nunes, Cohen 9 filhass’, e] filhasse Nunes 12 nen ũa] nẽũa Littera 18 nen ũa] nẽũa Littera
(I) Din, amigo, que vós queredes tomar outra señora sen o meu consentimento para me causardes pesar con ela; mais, abofé, eu non teño medo diso, porque xa todas saben que sodes meu e ningunha vos quererá por seu (servidor).
(II) De boa vontade me fariades vós este pesar; mais non coñezo eu hoxe quen me vos roubase, e xa non vos vale de nada, ai meu amigo, vede por que non: porque xa todas saben que sodes meu e ningunha vos quererá por seu (servidor).
(III) E quen vos aconsellou isto a vós sei eu moi ben que vos aconsellou mal, e ademais xa non vos vale de nada; ai meu amigo, tarde vos lembrou, porque xa todas saben que sodes meu e ningunha vos quererá por seu (servidor).
(1) Deus confunda a que me roubar o meu amigo, e a min, se eu roubar o seu.
Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C (= RM 160:79) + 10c 10c
Tomando esta cantiga de amigo como punto de partida, o trobador Per’Eanes Mariño compuxo unha cantiga de amor (Boa senhor, o que me foi miscrar; UC 938) en que a voz poética masculina dá unha resposta exculpatoria e pide á senhor que non dea crédito ás acusacións e mentiras dos que buscan arruinar a súa relación.
A locución adverbial modal a la fe ‘certamente, en verdade, sen dúbida’, presenta a variante a la minha fe (533.15) e é similar a a bõa fe (1319.6 e 13) e a per bõa fe, a fórmula maioritaria no corpus. A la fe (230.5, 241.29, 890.11, 1261.16, 1469.19, 1499.5, 1547.1, 1619.10) mantén a forma arcaica do artigo, que ficou petrificada na locución, e que é utilizada tamén na prosa, como na tradución galega da Crónica de Castilla e da Estoria de España:
quando os yrmãos viu descabeçados ante sy, entẽdeu que assy yriã ata el, a la fe, et assi sse acabaria (Lorenzo 1975: I, 198).
O seu uso chega como mínimo ao século XV, pois aínda se rexistra en Fernão Lopes:
A lla fe, disserom, se nom buscaremos nós outro que rreine sobre nós, que tenha cuidado de manteer o poboo em dereito e em justiça e nom leixe as cousas que tem de fazer de sua fazenda por hir ao monte e aa caça andar um mes (Macchi 2004: 224).
Nótese como a amiga expresa no refrán a ‘posesión’ do amigo (ja todas saben que sodes meu), dun modo similar a diversas formulacións que aparecen no mesmo Joan Airas:
Queixa-s’el e diz que sempre foi meu
e diz gran dereito, per bõa fe (1024.13-14).
Queixades-vos que sempre fostes meu,
amig’, e vos leixo por mí morrer (1025.7-8).
En calquera caso, esta idea da posesión do amigo pode verse noutras cantigas de amigo: 744 (Afonso Meendez de Beesteiros), 1004 (Roi Martiinz d’Ulveira), 1098 (Pedr’Amigo de Sevilha), 1192 (Juião Bolseiro).
A métrica indica a necesidade de expunción da copulativa inicial de estrofa (presente nas anteriores edicións), que en ocasións aparece de modo adventicio, tal como acontece en diversas pasaxes ao longo do corpus en que, a partir do testemuño diverxente dos manuscritos, se pode determinar con seguranza a necesidade da súa expunción. Véxase, entre outros, B vs. A (66.14, 96.10, 128.14, 224.7, 241.22, 306.13, 312.5 e 13), A vs. B (129.28), A vs. BV (1236.10 e 16), B vs. V (851.12, 924.19, 950.7, 1631.7), V vs. B (740.10, 935.6, 1148.9).
A vogal final -i de tardi (tamén en 1115.17, 1399.19, 1430.34), a convivir con tarde (só en 573.3 e 1115.3), tamén aparece nos adverbios longi (véxase nota a 33.6) e eiri (véxase nota a 114.9), talvez por influencia deste (Mariño Paz 2009: 83). Nos nomes só se rexistra sangui (véxase nota a 1410.17).
Neste verso é utilizado o pronome min, forma tónica oblicua, como CD sen preposición de cofonda, tal como acontece con frecuencia na lingua trobadoresca.