I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 278-279 [= LPGP 924-925]); Lorenzo Gradín & Marcenaro (2010: 168-169); Littera (2016: II, 485-486).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 109-110); Carter (2007 [1941]: 83-84); Marques Braga (1945: 261-262); Machado & Machado (1950: II, 32-33); Arbor Aldea (2016b); Rios Milhám (2018a: II, 243).
III. Antoloxías: Arias Freixedo (2003: 841-842).
6 gaannei] guaanhey B 8 me] mj B 9 en] eu B 10 m’enfadar] me fadar B 11 tẽê-ll’o mal que me] teelo mal q̄ mala B 12 me] mj B; tẽer] teer B 13 fazer] faz B 14 no’me] nōme B 17 coidei que verria] cuydei q̄ ueria B 19 quer’, e estou] q̄restou B 21 led’en] (lēs) ledē B 22 Porque] (por) [P]orque A 23 verra] (a)uerra A : ueira B 24 morrer] moirer B 25 mi ar] mar B; algũa] alguna B 31 parecer] p̃zer B
11 tẽê-ll’o] tẽel-lo Lorenzo Gradín & Marcenaro 12 tẽer] teer Littera 14 no’me] non me Lorenzo Gradín & Marcenaro : nom me Littera 17 sempr’eu] sempre eu Michaëlis, Littera
(I) Nunca fixen nada por que tan ben me sentise como de canto servín sempre unha dona desde que a vin, que amei sempre máis que outra cousa, porque, sen dúbida, canto no mundo vivín, gañei os días en que a servín e tantos (días) pasei por iso gozosos para min.
(II) E penso que Deus me fixo un ben moi grande ao me facer amar tan boa dona, e servila e non me aborrecer, nin darlle ningunha importancia ao mal que me fai, e (Deus fíxome un gran ben) ao me dar vontade de considerar como ben canto ela me quixer facer, e esperar tempo e non me queixar.
(III) E, certamente, sempre desde que eu lle quixen ben, máis que a min mesmo, e con maior razón, sempre pensei que viría un tempo en que eu me atrevería a lle dicir algo do ben que lle eu quero, e estou esperando ese tempo, e non chegou, aínda que estou ledo no meu interior (IV) porque amo un dama tan boa, de quen sei que nunca me virá mal, porque, se morrese por ela, habíame pracer; se ademais me quixer facer algunha cousa para eu non morrer, fará moito mellor, e ben o pode facer a miña señora, pois todo ese poder ben o ten, (1) e para facer comigo canto quixer, e para valer moito máis que outra muller en beleza e en calquera outro ben.
Esquema métrico: 4 x 10a 10b 10b 10a 10c 10c 10b + 10d 10d 10a (= RM 163:14)
Encontros vocálicos: 24 -mi-‿á; 25 mi‿ar
Novamente achamos o artificio de repetición (palabra-rima) nos versos primeiro e cuarto de cada estrofa.
Nótese como B utiliza a variante guaanhar que non se atesta no Cancioneiro da Ajuda.
A lección tẽel-lo de Lorenzo Gradín e Marcenaro é artificiosa, e non parece considerar o proceso de asimilación fonética [ɾʎ] > [ʎ], relativamente frecuente en A (e evitada en B coa lección tẽê-ll’o mal). Sobre esta asimilación véxase nota a 21.3.
Nos textos transmitidos por A é frecuente a asimilación do adverbio non co pronome me ~ mi (> no’me ~ no’mi; cfr. a evolución regular -nm->-m-), face a BV que, en xeral, presentan a lección non me ~ non mi con manutención da integridade morfolóxica do adverbio negativo (66.13, 90.9, 223.r2, 239.7, 258.9, 283.10, 285.13, 421.5, 423.20, 430.8) . Na realidade, nos apógrafos italianos só se rexistra en tres ocasións (104.21, 906.12 e 1482.5). A diferenza doutros editores, mantemos tal asimilación, que chega até hoxe (Ferreiro 1999: §101c).
Igual que acontece coas expresións amar máis ca mí/min (nen al) e querer melhor ca mí/min (véxanse notas a 44.13 e 177.22, respectivamente), tamén na formulación querer maior ben / ben maior ca mi(n)/sí está ausente a preposición a (tamén en 679.5-6). Cfr. notas a 861.9 e 14.
A presenza de -n- na forma manuscrita <alguna> en B é simple indicación gráfica da nasalidade fonolóxica de /ũ/ (confirmada neste caso pola lección de A), o mesmo que noutras voces que se rexistran, en especial, nos apógrafos italianos (case sempre con unha das documentacións correcta) en <bona> bõa e, esporadicamente, en <capaton es> çapatões, <certano> certão, <lontano> loução, <lunar> lũar, <mano> mão, <pardonar> perdõar, <poner> põer, <(h)una> ũa, <uano> vão, <ueno> vẽo, <uilano> vilão. Sobre estas grafías e as formas do tipo irmana, véxase Ferreiro 2008b. Cfr. nota a 582.3.