838 [= Tav 114,27]
Voss’amigo, que vos sempre serviu

– Voss’amigo, que vos sempre serviu,
dized’, amiga, que vos mereceu,
pois que s’agora convosco perdeu.
Se per vossa culpa foi, non foi ben.
– Non sei, amiga; dizen que oio
dizer non sei que, e morre por én.
– Non sei, amiga, que foi ou que é
ou que sera, ca sabemos que non
vos errou nunca voss’amigo, e son
maravilhados todos end’aqui.
– Non sei, amiga; el cada u é
aprende novas con que morr’assi.
– Vós, amiga, non podedes partir
que non tenhan por cousa desigual
servir-vos sempr’e fazerdes-lhi mal;
e que diredes de s’assi perder?
– Non sei, amiga; el quer sempr’oir
novas de pouca prol pera morrer.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 

Manuscritos


B 841, V 427

Edições


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 202-203); Cunha (1999 [1945]: 138-139); Monteagudo (1984: 355 [= LPGP 725]); Cohen (2003: 302); Littera (2016: II, 228-229).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 160); Braga (1878: 81); Cotarelo Valledor (1934: 211-212); Machado & Machado (1953: IV, 157).
III. Antoloxías: Nemésio (1961 [1949]: 124-125); Fernández Pousa (1951: 26).

Variantes manuscritas


2 mereceu] merecen V   6 morre] moire B   8 sabemos] sabemus V   9 errou] eirou B   12 morr’assi] moirassy B   14 desigual] del ig ual V   16 de s’assi] dell alli V   18 morrer] mort’ B : (m) mort̃ V

Variantes editoriais


4 per] por Nunes   5 oio] oiu Nunes, Cunha, Cohen, Littera   8 ca] cá Nunes   9 amigo, e] amigu’ e Nunes : amigu’, e Cunha   11 cada u é] cada u <s>é Cohen   14 por] per Monteagudo   16 de s’assi perder] d’el assi perder Cunha

Paráfrase


(I) –Do voso amigo, que vos sempre serviu, dicide, amiga, que vos mereceu, xa que agora se inimizou convosco. Se foi pola vosa culpa, non foi ben. –Non sei, amiga; din que escoitou dicir non sei que, e morre por iso.
(II) –Non sei, amiga, que foi ou que é ou que será, pois sabemos que non vos faltou nunca o voso amigo, e aquí todos están marabillados por iso. –Non sei, amiga; alí onde el está escoita novas con que morre así.
(III) –Vós, amiga, non podedes evitar que non teñan por cousa inxusta que el vos sirva sempre e que vós lle fagades mal; e que diredes se se perde así? –Non sei, amiga; el quere escoitar novas desaxeitadas para morrer.

Métrica


Encontros vocálicos: 3 x 10a 10b 10b 10c 10a 10c (= Tav 183:6)

Esquema métrico: 5 o·i͜o; 9 amigo,‿ e

Notas


Texto
  • 1-5

    A representación gráfica da desinencia da P3 de pretérito indicativo dos verbos da terceira conxugación oscila entre a esmagadoramente maioritaria -iu (serviu, v. 1) e a esporádica -io (oio, v. 5), mostra dunha vacilación inicial que aínda se conserva nalgúns territorios galegos. Cfr. nota a 302.14. De calquera xeito, ambas as representacións implican unha mesma realidade fonolóxica e métrica na lingua dos trobadores, como mostran os casos de rimas entre -io e -iu (véxase, así, 41.7-9, 614.1-8), ou aqueloutros exemplos en que se produce variación desta desinencia en estruturas paralelísticas (véxase 583.8) ou no refrán (véxanse 592.r1, 1336.r, 1361.r2-r3).

  • 3

    En Cunha, Monteagudo, Cohen e Littera, o período inicial da cantiga culmina cun interrogante, desnecesario por canto estamos perante unha interrogación indirecta.

  • 7-11

    Repárese na repetición da palabra rimante é, anómala na métrica trobadoresca (véxase nota ao v. 11). Cfr. nota a 14.48-50.

  • 8

    É relativamente frecuente no Cancioneiro da Vaticana a presenza da terminación -us en voces en que é xeral a terminación -os (<sabemus>); na realidade, esta grafía aparece case de modo exclusivo en formas verbais de P4 e nomes masculinos plurais. A súa esporádica presenza mostra que é produto do desenvolvemento da abreviatura <9> en posición final, abreviatura herdada do latín, onde funcionaba como desinencia de nominativo nos nomes da segunda declinación, rematados en -us.

  • 9

    Errar construído con CD significa ‘ofender, faltar ás obrigas debidas, fallar’, como mostran exemplos como os seguintes: des i, saben que nunca vos errei (536.17); e nunca vos errei (563.17).

  • 11

    Cohen intervén na lección de BV para fixar unha forma [s]é co fin de evitar a repetición dunha palabra rimante: é e son formas concorrentes derivadas, respectivamente, da conxugación de esse (ĕst > é / éste) e de sēdēre (sēdet > see > sé). Esa mesma concorrencia pode verse en Don Denis (618.13-15):
              De vos én pesar dereito per-é,
              ca diz de min gran mal, per bõa fe,
              e de vós, amiga, cada u
              falando, ...

  • 12

    O significado de aprender (‘saber, adquirir coñecemento’) neste verso aproxímase ao de ‘ouvir’, como mostran as construcións paralelas do v. 5 (–Non sei, amiga, dizen que oio / dizer non sei que, e morre por én), do v. 12 (el cada u é / aprende novas con que morr’assi) e mais do v. 17 (–Non sei, amiga, el quer sempr’ oir / novas de pouca prol pera morrer).

  • 13

    Téñase en conta que partir ten neste contexto o sentido de ‘impedir, estorbar’.

  • 18

    A emenda en morrer da lección <mort’> apóiase, para alén do sentido, na frecuente confusión <r>/<t> que se verifica nos apógrafos italianos. Cfr. nota a 429.26.

Procurar
    Não foram encontrados resultados