42 [= RM 47,11]
Ja m’eu quisera leixar de trobar

Ja m’eu quisera leixar de trobar
se me leixass’a que mi-o faz fazer;
mais non me quer leixar, ergo morrer,
como leixar-m’en seu poder d’Amor,
atan falso nen atan traedor
que nunca punha erg’en destroir
o que é seu e que non á u lh’ir.
Eu, que non ei u lh’ir que a tornar
non aja a el e ao seu poder,
nunca del pudi nen un ben aver,
ca non quis Deus nen el nen mia senhor,
ante me faz cada dia peor,
e non atendo de m’én ben viir:
con tod’esto non lhi posso fugir.
[E] a quen Deus quisesse poder dar
de lhi fogir muit’estaria ben,
ca de mil coitas, en que omen ten,
se guardaria daquel desleal,
ond’omen non pode aver ergo mal;
e d’Amor nunca ome desleal vi,
e vejo eu muitos queixar come mí.
Por quantos eu vejo d’Amor queixar,
se ar visse que se loass[en] én,
ben mi-o podia desdizer alguen
do que del digo; mais non á i tal
a que eu veja d’Amor dizer al
senon quant’eu digo e que padeci
sen ben d’amor, que nunca eu perdi.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 

Manuscritos


B 68

Ediciones


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 696-697 [= LPGP 317-318]); Littera (2016: I, 360).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 22-23); Machado & Machado (1949: I, 87-88); Rios Milhám (2017: I, 42).
III. Antoloxías: Alvar & Beltrán (1989: 99-100); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 73).

Variantes manuscritas


3 morrer] moirer B   4 leixar-m’en] leixar meu B   5 atan falso] de tan falsso B   14 tod’esto] codesto B   17 coitas] coycas B   18 desleal] desleal uj B

Variantes editoriales


4 como] E quer Michaëlis   10 nen un] nenhun Michaëlis : nẽum Littera   13 viir] vĩir Michaëlis   15 [E] a quen Deus quisesse poder] A quen Deus quisesse [o] poder Michaëlis : A quem Deus quisesse [o] poder Littera   16 fogir] fugir Littera   19 pode] pod(e) Michaëlis   20 Ed Amor nunc’a ome leal vi Michaëlis : E Amor nunc’a home leal vi Littera   21 come mí] con mi Michaëlis : com’mi Littera   23 que se loass[en] én] quen se loasse én Michaëlis : quem se loasse en Littera   26 que] que[n] Michaëlis, Littera   27 e] om. Michaëlis, Littera   28 perdi] prendi Michaëlis, Littera

Paráfrasis


(I) Xa eu quixera deixar de trobar se me deixase aquela que mo fai facer; mais non me quere deixar, agás se morrer, como deixarme so o poder de Amor, tan falso e tan traidor que nunca pugna senón por destruír aquel que é seu e non pode fuxir del.

(II) Eu, que non teño a onde fuxir que non haxa de voltar a el e ao seu poder, nunca del puiden recibir ningún ben, pois non o quixo Deus nin el nin a miña señora; antes me fai cada día peor e non espero que de aí me veña ben: con todo isto non podo fuxir del.

(III) E aquel a quen Deus quixese dar o poder de lle fuxir (a Amor) sería moi afortunado, pois das mil coitas en que pode meter a un home libraríase daquel desleal, de quen ninguén pode recibir senón mal; e de Amor nunca vin un vasalo desleal, e vexo a moitos queixarse coma min.

(IV) Por cantos eu vexo queixarse de Amor, se tamén vise que se louvasen por iso, ben me podería desmentir alguén do que del digo; mais non hai ninguén a quen eu vexa dicir de Amor outra cousa senón canto eu digo e que padecín sen recompensa de amor, que eu nunca perdín.

Métrica


Cantiga de amor, do tipo de mestría. Consta de catro estrofas de sete decasílabos agudos. As cobras son doblas, a excepción da rima a (primeiro verso de cada agrupación estrófica), que é unissonans, por causa da palavra perduda.

Esquema métrico: 4 x 10a 10b 10b 10c 10c 10d 10d (= RM 199:1)

Encontros vocálicos: 2 mi-o; 9 ajaa; 19 podeaver; 20 nuncaome; 21 vejoeu; 24 mi-o; 27 digoe

Notas


Texto
  • 4

    A conxunción como cumpre neste verso a función de introducir un infinivo explicativo, facéndoo equivaler a ‘isto é’ (só se rexistra en 87.8, 119.17, 167.11, 196.13, 220.11, 547.13, 638.3 e 861.13). A rareza da construción debeu levar a Michaëlis á emenda da lección manuscrita.

  • 5

    A sintaxe esixe a emenda da lección manuscrita, na liña de Michaëlis, a partir dun erro <de>/<a>, para, deste xeito, estabelecer unha estrutura paralela atan falso nen atal traedor. Neste sentido, no Cancioneiro da Ajuda percíbese unha maior presenza das formas reforzadas atal, atan, atanto, fronte a BV, que tenden a presentar as variantes sen a- protético. Véxase tamén 282.14 ou 285.19.

  • 14

    O verbo fugir é variante da forma, aínda maioritaria, fogir (< fŭgĕre), que sofreu un proceso de asimilación e harmonización vocálica ([o...í] > [u...í]) que afecta tamén as formas conxugadas; un proceso similar verifícase noutros verbos con representación no corpus profano: bulir (vs. bolir), cuspir (vs. cospir), destruir (vs. destroir), nuzir (vs. nozir); o mesmo acontece coas formas avurrido ou fugido. Cfr. nota a 460.2.

  • 15

    É relativamente frecuente a omisión da copulativa inicial de estrofa (e de fiinda ou de verso) nos manuscritos, que nos permite neste caso restaurar a isometría versal. Casos semellantes documéntanse en 106.8, 151.7, 157.7, 163.11, 261.13, 293.8, 294.7 e 13, 332.7, 408.7, 447.7, 448.8, 490.19, 586.11 etc.

  • 17-19

    Nótese como no final deste verso (desleal) foi copiado o final do v. 20 (desleal vi) por salto de liña, feito que obriga á emenda da lección manuscrita.

  • 20

    A consideración dunha hipotética forma ed para a copulativa e (< ĕt) é errada por parte de Michaëlis, que a introduciu tamén, a partir dunha falsa segmentación, en 7.13 e 54.22, talvez por influencia da variante contextual ed (perante vogal) da copulativa en italiano.

    Carolina Michaëlis (seguida por Littera) interpreta, por outra parte, que existe un erro de copia –por repetición– e corrixe o desleal do manuscrito, ao tempo que segmenta tamén unha preposición a no final de nunca, interpretando o verso como ‘nunca vin que Amor fose leal ao home’; ora ben, o texto de B non admite dúbidas: presenta o contraste da deslealdade do Amor fronte á lealdade do trobador, de modo que se pode manter a lección manuscrita, coa sinalefa nuncaome, que permite conservar a medida decasilábica do verso.

  • 21

    Michaëlis non desenvolveu a abreviatura presente en <com̄>, transformando o enlace na preposición con: xérase así o sintagma anómalo con mí ‘comigo’ (virado nunha imposíbel secuencia commi en Littera), que substitúe a estrutura comparativa coa forma oblicua do pronome. Véxase nota a 43.15.

  • 23

    O erro de copia, denunciado polo sentido e pola métrica, é certamente explicábel por haplografía.

  • 24

    Desdizer é documentación única na poesía profana galego-portuguesa, ao tempo que ten unha presenza moi esporádica na lingua medieval (cfr. tamén desdezidor en 1444.3).

  • 26

    O relativo que cumpre tamén funcións de quen na lingua medieval, sen que sexa necesario modificar a lección do manuscrito.

  • 28

    Michaëlis (e Littera) considerou que nesta pasaxe existe un erro <ꝑdj>/<p̄ndj>, de fácil explicación paleográfica. Porén, respectamos a lección enviada polo manuscrito, tendo en conta que no corpus non se localiza a expresión prender ben d’amor e, por outra parte, que o trobador non perdeu o que nunca tivo, en liña con Joan Lobeira, cando expresa exactamente esta idea:

    non pod’El tanto, pero pod’e val,
    que me faça perder, esto sei eu,
    da mia senhor ben, pois mo nunca deu (230.18-20).

Buscar
    Sin resultados