33 [= Tav 47,22]
Par Deus, senhor, ora tenh’eu guisado

Par Deus, senhor, ora tenh’eu guisado
de viver mal quant’ouver a viver,
ca non quer Deus nen vós nen meu pecado
que [vós] querades per ren entender
com’eu estou mui preto de morrer
e mui longi d’oir vosso mandado.
Pero sempre vos eu servi de grado
o melhor que [o] eu soubi fazer
e de tod’o al do mundo foi leixado;
e vós non queredes mentes meter
com’eu estou mui preto de morrer
[e mui longi d’oir vosso mandado].
Ja foi sazon que eu foi acordado,
se vos visse, por vos ja-que dizer;
e ora, mia senhor, non é pensado,
pois que nunca o quisestes saber,
com’eu estou [mui preto de morrer
e mui longi d’oir vosso mandado].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 

Manuscritos


B 59

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 683 [= LPGP 323]); Littera (2016: I, 354-355).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 19); Machado & Machado (1949: I, 78); Rios Milhám (2017: I, 33).
III. Antoloxías: Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 71).

Variantes manuscritas


5 preto de morrer] preco de moirer B   9 tod’o] codo B   14 vos] uos B

Variantes editoriais


4 [vós] querades] [me] queirades Michaëlis, Littera   7 vos] vus Michaëlis   8 que [o] eu soubi fazer] que eu sòubi [de] fazer Michaëlis   9 tod’o] tod(o) Michaëlis   14 vos ... vos] vus ... vos Michaëlis

Paráfrase


(I) Por Deus, señora, está todo disposto para que eu viva mal o tempo que haxa de vivir, pois non quere Deus nin vós nin os meus pecados que vós queirades entender de xeito ningún como eu estou moi preto de morrer e moi lonxe de ouvir noticias vosas

(II) Mais eu sempre vos servín de boa vontade o mellor que o eu souben facer, e de todo o resto do mundo me esquecín; e vós non queredes considerar como eu estou moi preto de morrer e moi lonxe de ouvir noticias vosas

(III) Houbo un tempo en que eu decidín, se vos vise, que vos diría algo, e agora, miña señora, nin o penso, porque nunca quixestes saber como eu estou moi preto de morrer e moi lonxe de ouvir noticias vosas
 

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10’a 10b 10’a 10b 10B 10’A (= Tav 79:7)
Encontros vocálicos: 9 tod’oal

Notas


Texto
  • 4

    Mantemos o querades da lección manuscrita por se tratar da forma etimolóxica do presente subxuntivo de querer (< quaeram, quaeras etc.), forma minoritaria con presenza indubitábel na lingua medieval e no corpus poético trobadoresco. Cfr. nota a 73.16.
    No relativo á integración dunha necesaria sílaba métrica neste verso, optamos por vós, tendo en conta a aparición do pronome na segunda estrofa, no v. 10 (e vós non queredes mentes meter / com’eu...), de modo que ficaría unha construción simétrica entre os respectivos versos (que se podería estender ao v. 16, na terceira estrofa, onde vós está elíptico).

  • 6

    A vogal final -i de longi (tamén en 323.7, 721.12, 800.5, 916.4, 957.3, 966.9, 1032.24 e 1139.2, 5, 7 e 10), a convivir con longe, tamén aparece en eiri (véxase nota a 114.9) e tardi (véxase nota a 1008.16). Nos nomes só se rexistra sangui (véxase nota a 1410.17).

  • 8

    A hipometría versal aconsella a integración dun elemento que ben pode ser o complemento [o], cunha interpolación pronominal moi frecuente na lírica trobadoresca (véxase 270.19, 710.10, 847.16 etc.).

  • 9

    Dado que al en función substantiva vai precedido de artigo (cfr. o al non ll’é coita, 263.14; u vej’est’ar cuido no al, 376.5 etc.), parece preferíbel a segmentación do determinante en tod’o al, caso único face ao xeral tod’al.

    A forma foi (tamén no v. 10) é tamén P1 de pretérito de seer (e de ir): a pesar de que en xeral se estabelece unha oposición P1 / P3, fui (< fŭī) / foi (< fŭĭt), pola acción metafónica de -ī final nalgúns pretéritos fortes (cfr. tamén fiz vs. fez, sive vs. seve, tive vs. teve etc.), foi pode ser tamén resultado de P1, o mesmo que fui aparece esporadicamente como forma de P3 (sen efecto metafónico, por tanto, ou con xeneralización analóxica de unha ou outra persoa).

  • 14

    A aglutinación de ja e que xerou o pronome indefinido ja-que ‘algo’ (cfr. ja-quanto, véxase nota a 347.9), que ten certo uso na lingua trobadoresca (56.25266.16, 347.14, 380.23, 603.7, 1021.20, 1417.2, 17 e 27, 1675.3). Cfr. notas a 1012.18 e 1419.32.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado