1228 [= RM 81,13 (= 116,21)]
O meu amigo, que mi gran ben quer

O meu amigo, que mi gran ben quer,
punha sempr’, amiga, de me veer,
e punh’eu logo de lhi ben fazer;
mais vedes que ventura de molher:
quando lh’eu poderia fazer ben,
el non ven i, e, u non poss’eu, ven.
E non fica per mí, per bõa fe,
d’aver meu ben e de lho guisar eu;
non sei se x’é meu pecado, se seu,
mais mia ventura tal foi e tal é:
quando lh’eu poderia fazer ben,
[el non ven i, e, u non poss’eu, ven].
E, per bõa fe, non fica per mí
quant’eu poss’, amiga, de lho guisar,
nen per el sempre de mi-o demandar;
mais a ventura no-lo part’assi:
quando lh’eu poderia fazer ben,
[el non ven i, e, u non poss’eu, ven].
E tal ventura era pera quen
non quer amig’e non dá por el ren.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20

Manuscritos


B 794, V 378; B 1212, V 817

A segunda copia da cantiga nos cancioneiros italianos (B 1212, V 817 [= B’V’]), atribuída a Pedr’Amigo de Sevilha, presenta unha diferente orde das estrofas (I-III-II), así como ausencia de fiinda.

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 187-188 [= LPGP 556]); Cohen (2003: 262 e 445); Fregonese (2007: 121 e 124); Littera (2016: II, 17).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 144, 280); Braga (1878: 153-154); Machado & Machado (1953: IV, 93-94; 1956: V, 320).
III. Antoloxías: Torres (1977: 498); Alvar & Beltrán (1989: 275); Souto Cabo (2017: 149).

Variantes manuscritas


1 amigo] amigue V; gran] grã B   5 lh’eu] lhea V’   6 ven] uer BV   7 mí] el B : ei V; bõa] bona V   8 e de lho guisar eu] E polo fazer eu B : e polo fazer eu V   9 pecado] pecada B’ : ꝑado V; seu] eu V   10 tal é] cal e V’   11 poderia] ꝑoderia V’   13 bõa] bona B’   13-14 Pero sabel q̅ nō fica per mī / Amiga nūca de lho eu guisar B : Pero sab el q̅ nō fica ꝑ mī / amiga nūca de lho eu g\ui/sar V   14 quant’eu] q̄nteu V’   15 nen] ne B’   16 a] mha BV; part’assi] ꝑar tassy B’V’   17 poderia] ꝑoderia V’   20 nen] nē BV; por] (pol) por B

Variantes editoriais


Na edición do cancioneiro de amigo de Rip Cohen é editada criticamente tamén a versión alternativa atribuída a Pedr’Amigo de Sevilha, o mesmo que acontece na edición de Fregonese (2007: 124; nº XVbis)1, que presenta un texto coincidente. Eis a versión de Cohen (2003: 445; Pedr’ Amigo de Sevilha - 6):

       O meu amigo, que mi gran ben quer, 
       punha sempr’, amiga, de me veer
       e punh’ eu logo de lhi ben fazer, 
       mais vedes que ventura de molher:
       quando lh’ eu poderia fazer ben,
       el non ven i, e u non poss’ eu, ven

       Pero sab’ el que non fica per min, 
       amiga, nunca de lho eu guisar
       nen per el sempre de mho demandar,
       mais mha ventura nolo part’ assi:
       quando lh’ eu poderia fazer ben,
       <el non ven i, e u non poss’ eu, ven>

       E non fica per el, per bõa fe,
       d’ aver meu ben e polo fazer eu,
       non sei se x’ é meu pecado, se seu,
       mais mha ventura tal foi e tal é:
       quando lh’ eu poderia fazer ben,
       <el non ven i, e u non poss’ eu, ven>

13 bõa] bona Fregonese   20 amig’e non dá] amigo e non dá Nunes, Cohen : amigu’e nem dá Fregonese, Littera

Paráfrase


(I) O meu amigo, que moito me ama, insiste sempre, amiga, en me ver, e eu fago logo canto podo por lle facer ben; mais vede que (má) sorte para unha muller: cando lle eu podería facer ben, el non vén alí, e, cando eu non podo, vén. 

(II) E non deixa por culpa miña de recibir o meu ben, abofé, nin eu deixo de llo dispor; non sei se é culpa miña, se súa, mais a miña sorte tal foi e tal é: cando lle eu podería facer ben, el non vén alí,e, cando eu non podo, vén.

(III) E abofé, amiga, non deixo eu de llo dispor sempre que podo, nin el deixa de mo sempre demandar; mais a sorte nolo dispón así: cando lle eu podería facer ben, el non vén alí,e, cando eu non podo, vén.

(1) E tal sorte era para quen non ama amigo e non dá nada por el.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C (= RM 160:152) + 10c 10c

Encontros vocálicos: 15 mi͜-o

Notas


Texto
  • *

    Esta cantiga, con dupla versión nos dous cancioneiros italianos, é atribuída a Joan Vaasquiz de Talaveira na primeira copia (con fiinda), en canto na segunda aparece coa autoría de Pedr’Amigo de Sevilha. Non obstante a exclusión do cancioneiro de Pedr’Amigo de Sevilha que manifesta a editora deste trobador (Marroni 1968: 192-194), Marcenaro considera que «si tratterà piuttosto di un caso di doppia tradizione e doppia attribuzione» (2015: 82), sen datos suficientes para unha atribución definitiva a un ou outro trobador.

  • 1

    O íncipit desta cantiga é coincidente (cunha variación mínima: gran ben quer / quer gran ben) co dunha cantiga de Gonçal’Eanes do Vinhal (UC 724).

  • 7

    A presenza de -n- na forma manuscrita <bona> (en B, no v. 13; en V, no v. 7) é simple indicación gráfica da nasalidade fonolóxica de /õ/ (confirmada nos dous casos polas leccións alternativas), o mesmo que noutras voces que se rexistran esporadicamente, en especial, nos apógrafos italianos (case sempre con unha das documentacións correcta) en <alguna> algũa e <(h)una> ũa, <capaton es> çapatões, <certano> certão, <dona> dõa, <lontano> loução, <lunar> lũar, <mano> mão, <pardonar> perdõar, <poner> põer, <uano> vão, <ueno> vẽo, <uilano> vilão. Sobre estas grafías e as formas do tipo irmana, véxase Ferreiro 2008b.

  • 9

    Repárese en que pecado significa neste contexto ‘desgraza, infortunio; castigo’, como acontece habitualmente cando precedido de forma posesiva (véxase tamén 33.3, 633.11, 936.10 e 1406.11), para alén da expresión mao meu pecado ‘infelizmente’ (véxase Glosario, s.v. pecado)2 .

  • 13-14

    Para alén da inversión de orde das estrofas II-III e da ausencia de fiinda, a maior diverxencia textual entre as dúas versións verifícase nestes dous versos:
              E, per bõa fe, non fica per mí
              quant’eu poss’, amiga, de lho guisar,
              nen per el sempre de mi-o demandar.
    Eis a lección alternativa:
              Pero sab’ el que non fica per min,
              amiga, nunca de lho eu guisar
              nen per el sempre de mi-o demandar.

  • 16

    Nótese neste verso como a segunda versión repite nas estrofas II-III a construción con posesivo (mais mia ventura...), en face da primeira versión, que introduce unha mudanza posesivo / artigo: mais mia ventura ... / mais a ventura...

  • 20

    Os manuscritos indica con clareza a presenza da copulativa (<amigue>), que implica un texto algo anómalo: non quer amig’e nen dá por el ren (Fregonese e Littera). Isto é o que explica a emenda de Nunes e Cohen, coa eliminación da copulativa (non quer amigo nen dá por el ren). Porén, resulta máis acaído considerar a presenza dun banal erro <e>/<o>, que permite manter a unánime copulativa de BV: non quer amig’e non dá por el ren.

  1. ^

    A versión de Fregonese só presenta variantes gráficas, para alén dunha gralla no segundo verso do refrán da estrofa II: el nom ve hy, e hu nom poss’eu, vem.

  2. ^

    Nalgúns contextos pecado é anfibolóxico (‘pecado + desgraza’). Véxase 1429.15, 1500.11, 1555.13.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado