I. Páxina de inicio
Na páxina de inicio de Universo Cantigas están localizados os seguintes elementos:
- Na parte superior dereita localízase o menú de selección de idioma, que permite escoller entre galego, portugués, inglés, italiano, español, francés e catalán (segundo dispoñibilidade).
- Debaixo do menú anterior sitúase unha caixa de busca que permite facer procuras no glosario e nas cantigas. Nela pódense buscar as cantigas polo número de D’Heur, Tavani ou a referencia no cancioneiro (neste último caso, deberá colocarse a letra do cancioneiro seguida -sen espazos- do número da cantiga, por exemplo B76).
Aliás, é posíbel buscar termos específicos. Os resultados desta procura aparecen organizados segundo se desen as coincidencias no glosario ou nas cantigas. Os resultados das palabras con grafías <nn> / <nh> e <ll> / <lh> preséntanse unificados, independentemente de como se escribisen na caixa de busca. A procura de formas literais, tanto das palabras con estas grafías como doutras, deberá facerse entre aspas.
- Debaixo do buscador accédese ao menú principal, coas seguintes opcións: Proxecto, Manuscritos, Cantigas, Glosario, Ligazóns, Foro e Contacto.
A seguir, descríbense cada unha das opcións do menú principal.
II. Proxecto
Ao premer sobre a opción Proxecto do menú principal despréganse nove opcións:
- Proxecto: sección que inclúe información sobre as características de Universo Cantigas.
- A lírica profana galego-portuguesa: sección que inclúe unha explicación xeral do contexto e as características da poesía trobadoresca galego-portuguesa.
- Metodoloxía: sección en que se explican os principios metodolóxicos seguidos para a fixación do texto crítico.
- Criterios de transcrición: apartado en que se aclaran as liñas seguidas para a transcrición dos manuscritos, especialmente no referido a abreviaturas, grafías, puntuación e unión e separación de palabras.
- Criterios de edición: sección en que se recollen os criterios seguidos para a edición de Universo Cantigas.
- Bibliografía: sección que contén os manuscritos, os bancos de datos, as edicións e os estudos empregados na preparación desta edición.
- Guía de uso: apartado en que se pon á disposición das usuarias e usuarios a presente guía de uso.
- Equipo: sección en que se inclúen as persoas que fan parte do equipo de traballo, tanto filolóxico como informático.
- Resultados: sección que inclúe unha listaxe de publicacións, relatorios en congresos e teses de doutoramento relacionadas co proxecto.
III. Manuscritos
Ao premer sobre a opción Manuscritos do menú principal ábrese un menú despregábel que dá acceso ás transcricións paleográficas completas das oito fontes manuscritas empregadas no proxecto:
IV. Cantigas
Premendo sobre a opción Cantigas do menú principal ábrese un menú despregábel con diferentes opcións relacionadas co texto crítico das cantigas:
- Limiar: benvida á páxina de Universo Cantigas escrita por Pär Larson.
- Tabela das cantigas: listaxe de todas as cantigas, ordenadas polo sistema referencial de Jean-Marie D’Heur actualizado. Nesta tabela xa non se inclúen as cantigas noutras linguas diferentes ao galego-portugués, as laudas marianas nin as cantigas tardías introducidas nos apógrafos italianos.
- Texto crítico: dá acceso á listaxe de cantigas ordenadas polo número de D’Heur, seguido do número de Tavani, o autor, o incipit e a localización nos manuscritos. Esta listaxe está precedida por unha caixa de busca que permite realizar procuras polo número de D’Heur e polo de Tavani.
Ao premer sobre unha cantiga concreta ábrese unha nova páxina que contén a seguinte información:
- Na parte superior esquerda indícase o número de D’Heur e, entre corchetes, o número de Tavani.
- Na parte superior dereita, sinálase a data da última revisión e, xunto a ela, aparecen as seguintes ligazóns:
- Imprimir: botón que dá a posibilidade de imprimir o contido da páxina.
- Transcricións paleográficas: dá acceso a unha nova xanela en que se localizan as transcricións paleográficas correspondentes ás diferentes fontes manuscritas en que se encontra a cantiga. Esta páxina ten a finalidade de facilitar a comparación das fontes manuscritas, para o que se dividiu o texto en estrofas e se aliñaron as diferentes transcricións, aínda que isto supuxese introducir saltos de liña que non estaban presentes no manuscrito. Tamén se eliminaron as indicacións de folio e columna, así como todo o texto non pertencente ás cantigas (mantivéronse as correccións realizadas nas marxes). Na sección Manuscritos pódese acceder ás transcricións paleográficas sen estas intervencións.
- Frechas: permiten pasar dunha cantiga a outra, tanto para avanzar como para retroceder, en relación á orde do número de D’Heur.
- Debaixo da indicación do número D’Heur e do de Tavani pódese ler o incipit da cantiga e, de o ter, tamén o nome do autor. A seguir, está o texto crítico, en que se indica o número de verso na parte dereita.
- Ao premer en calquera palabra do texto da cantiga ábrese un menú de busca que permite acceder á localización da voz seleccionada no glosario. Cómpre indicar que, para poder realizar a busca correctamente nas palabras con apóstrofo, é necesario seleccionar tamén o apóstrofo.
- Debaixo do texto crítico localízase a seguinte información adicional:
- Manuscritos: indícase a localización da cantiga nos diferentes manuscritos e, se for necesario, inclúense comentarios sobre as fontes manuscritas sinaladas.
- Edicións: recóllense as edicións previas da cantiga. Organízanse en tres grupos: edicións críticas, outras edicións (paleográficas, históricas, divulgativas, etc.) e antoloxías. As referencias apúntanse por medio do nome dos editores, o ano da edición e o número de páxinas (agás nas edicións dixitais, en que se anota o número de cantiga). Alén disto, engádese entre corchetes cal é a edición que toma de referencia a Lírica profana galego-portuguesa [= LPGP].
- Variantes manuscritas: recóllense as variantes significativas dos manuscritos.
- Variantes editoriais: recóllense as variantes entre a edición de Universo Cantigas e outras edicións críticas.
- Paráfrase: explícase e interprétase o texto, ampliando a información se for necesario.
- Métrica: indícanse o esquema métrico (coa referencia de Tavani) e os encontros vocálicos da cantiga. Recóllense tamén comentarios sobre os tipos de cantigas, estrofas etc.
- Notas: engádese información á proporcionada polo aparato crítico, tanto filolóxica como de contido. As notas xerais á cantiga están indicadas cun asterisco, en canto o resto fan referencia ao número de verso polo que van precedidas. As referencias a outras cantigas conteñen ligazóns que permiten acceder de forma directa a elas.
- Índice de autores: esta opción dá acceso a un índice alfabético de autores, acompañado dunha ferramenta de busca. Ao premer sobre o nome de calquera autor accedemos a unha páxina que contén unha listaxe das súas cantigas (desde a que se accede aos textos completos, acompañados de toda a información adicional descrita no punto anterior).
- Índice de cantigas: esta opción dá acceso ao índice alfabético das cantigas, ordenadas polo seu incipit, e tamén á ferramenta de busca.
- Actualizacións: ao premer sobre esta opción accédese a unha listaxe que contén as principais actualizacións referentes ás cantigas.
V. Glosario
Ao premer na opción Glosario do menú principal ábrese un menú despregábel coas seguintes opcións:
- Glosario: dá acceso ao glosario.
- Guía de uso do glosario (accesíbel desde aquí).
- Abreviaturas: listaxe das abreviaturas empregadas no glosario.
- Actualizacións: sección en que se detallan as actualizacións máis importantes realizadas no glosario.
VI. Ligazóns
Dá acceso a unha páxina que contén unha listaxe de ligazóns de interese relacionadas co proxecto.
VII. Novas
Esta sección permite acceder ás novidades relacionadas co proxecto Universo Cantigas. Tamén dá a posibilidade de subscribirse e recibir as novidades a través do correo electrónico.
VIII. Contacto
Nesta sección pódese acceder aos datos necesarios para contactar coas persoas responsábeis do proxecto.