I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 683 [= LPGP 323]); Littera (2016: I, 354-355).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 19); Machado & Machado (1949: I, 78); Rios Milhám (2017: I, 33).
III. Antoloxías: Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 71).
5 preto de morrer] preco de moirer B 9 tod’o] codo B 14 vos] uos B
4 [vós] querades] [me] queirades Michaëlis, Littera 7 vos] vus Michaëlis 8 que [o] eu soubi fazer] que eu sòubi [de] fazer Michaëlis 9 tod’o] tod(o) Michaëlis 14 vos ... vos] vus ... vos Michaëlis
(I) Por Deus, señora, está todo disposto para que eu viva mal o tempo que haxa de vivir, pois non quere Deus nin vós nin o meu infortunio que vós queirades entender de xeito ningún como eu estou moi preto de morrer e moi lonxe de ouvir noticias vosas.
(II) Mais eu sempre vos servín de boa vontade o mellor que o eu souben facer, e de todo o resto do mundo me esquecín; e vós non queredes considerar como eu estou moi preto de morrer e moi lonxe de ouvir noticias vosas.
(III) Houbo un tempo en que eu decidín, se vos vise, que vos diría algo, e agora, miña señora, nin o penso, porque nunca quixestes saber como eu estou moi preto de morrer e moi lonxe de ouvir noticias vosas.
Esquema métrico: 3 x 10’a 10b 10’a 10b 10B 10’A (= RM 79:7)
Encontros vocálicos: 9 tod’o‿al
Mantemos o querades da lección manuscrita por se tratar da forma etimolóxica do presente subxuntivo de querer (< quaeram, quaeras etc.), forma minoritaria con presenza indubitábel na lingua medieval e no corpus poético trobadoresco. Cfr. nota a 73.16.
No relativo á integración dunha necesaria sílaba métrica neste verso, optamos por vós, tendo en conta a aparición do pronome na segunda estrofa, no v. 10 (e vós non queredes mentes meter / com’eu...), de modo que ficaría unha construción simétrica entre os respectivos versos (que se podería estender ao v. 16, na terceira estrofa, onde vós está elíptico).
A vogal final -i de longi (tamén en 323.7, 721.12, 800.5, 916.4, 957.3, 966.9, 1032.24 e 1139.2, 5, 7 e 10), a convivir con longe, tamén aparece nos adverbios longi (véxase nota a 33.6) e eiri (véxase nota a 114.9), talvez por influencia deste (Mariño Paz 2009: 83). Nos nomes só se rexistra sangui (véxase nota a 1410.17).
Dado que al en función substantiva vai precedido de artigo (cfr. o al non ll’é coita, 263.14; u vej’est’ar cuido no al, 376.5 etc.), parece preferíbel a segmentación do determinante en tod’o al, caso único face ao xeral tod’al.
A forma foi (tamén no v. 10) é tamén P1 de pretérito de seer (e de ir): a pesar de que en xeral se estabelece unha oposición P1 / P3, fui (< fŭī) / foi (< fŭĭt), pola acción metafónica de -ī final nalgúns pretéritos fortes (cfr. tamén fiz vs. fez, sive vs. seve, tive vs. teve etc.), foi pode ser tamén resultado de P1, o mesmo que fui aparece esporadicamente como forma de P3 (sen efecto metafónico, por tanto, ou con xeneralización analóxica de unha ou outra persoa).