74 [= RM 151,28]
Tanto me senç’ora ja cuitado

Tanto me senç’ora ja cuitado
que eu ben cuido que poder
non aja ren de me valer,
ca esta cuita, mao pecado,
tal me ten ja que non ei eu sén
de me temer de neun mal
nen ar desejar neun ben.
E pero nunca foi én pensado
que podesse eu per ren veer
o que me faz tal cuita aver,
perque en esto sõo chegado,
einda vos máis direi én:
nunca del prix, por quanto mal
eu por el prendo, neun ben,
ca nunca eu vi, des que fui nado,
Amor, nen prendi del prazer
nen o cuido nunc’a prender
del nen d’al, ca non é ja guisado,
ca ‘mor, de pran, ja m’en guisa ten
que me non pode nuzer mal
deste mundo nen prestar ben,
ca assi faz mí desamparado
Amor eno mundo viver
de quanto ben Deus quis fazer;
e, per bõa fe, ja pelo grado
de mia sennor, per que m’est’aven,
seu amor non faria mal
a null’ome nado, nen ben.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 

Manuscritos


A 11, B 101

Edições


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 25-26 [= LPGP 952-953]); Littera (2016: II, 540-541).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 36); Carter (2007 [1941]: 8-9); Marques Braga (1945: 26-28); Machado & Machado (1949: I, 139-140); Arbor Aldea (2016b); Rios Milhám (2017: I, 74).
III. Antoloxías: Torres (1977: 433-434).

Variantes manuscritas


1 cuitado] coytado B   4 cuita] coyta B   5 eu] (eu) A   6 neun] nen hun B   7 nen] ne A; neun] nen hun B   8 én pensado] pēssado B   9 podesse eu] podesseu B   10 cuita] coyta B   11 en esto] eesto B; sõo] soo A   12 einda] aīda B; vos] uos A   14 neun] nē hū B   18 ja] (ia) A   19 ca ‘mor] ca amor B   20 nuzer] (nuy) nuzer B   22 Ca assi] Cassi A; mi] mj̄ B; desamparado] desemparado   25 pelo] polo B   27 seu amor] sen amor B   28 null’ome] nullomē B

Variantes editoriais


1 cuitado] coitado Littera   4 cuita] coita Littera   5 eu] om. Michaëlis, Littera   6 neun] nẽum Littera   7 neun] nẽum Littera   8 én pensado] empensado Michaëlis   9 podesse eu] podess(e) eu Michaëlis : podess’eu Littera   10 cuita aver] cuit(a) aver Michaëlis : coit’haver Littera   11 perque] por que Michaëlis, Littera   12 einda] E inda Michaëlis, Littera; vos] vus Michaëlis   14 neun] nẽum Littera   16 Amor] amor Michaëlis   17 nen o] nen-no Michaëlis; nunc’a] nunca Michaëlis, Littera   19 ca ‘mor] C’amor Michaëlis : E Amor Littera; ja] om. Michaëlis, Littera   22 ca] E Littera; faz-mi] faz mi Michaëlis; faz mí] faz-mi Littera  23 Amor] amor Michaëlis   26 de mia sennor] da senhor Michaëlis, Littera; per] por Michaëlis, Littera

Paráfrase


(I) Tan coitado me sinto agora xa que ben penso que nada teña poder de me salvar, porque esta coita, infelizmente, en tal estado me ten xa que eu non teño siso para temer mal ningún nin tampouco para desexar ningún ben. 

(II) E aínda que nunca sequera foi imaxinado que eu puidese de ningunha forma ver o que me fai tal coita sufrir, porque cheguei a este estado, aínda vos direi máis: nunca del recibín, por canto mal del recibo, ningún ben, (III) porque eu nunca vin, desde que nacín, a Amor, nin recibín del pracer nin o penso recibir nunca del nin doutra cousa, pois non está disposto así, porque Amor, sen dúbida, en tal situación me ten xa que ningún mal deste mundo me pode prexudicar nin beneficiar, (IV) porque Amor así me fai a min vivir no mundo desamparado de canto ben Deus quixo facer; e, sen dúbida, xa co agrado da miña señora, por quen isto me acontece, o seu amor non prexudicaría nin beneficiaría a ninguén.

Métrica


Esquema métrico: 4 x 9’a 8b 8b 9’a 9c 8d 8c

Encontros vocálicos: 9 podesseeu; 10 cuitaaver

Notas


Texto
  • *

    O texto subministrado polos manuscritos mostra como o quinto verso de cada estrofa (con intento de corrección en A no v. 5) presenta unha sílaba máis, cun xogo heterométrico similar ao doutras cantigas do corpus profano (1031324, 1381, 1426, 1613...). Cfr. nota a UC 1043.

    Por outra parte, esta composición, igual que as cantigas 239 (con fiinda), 315, 321389 etc. presentan total ligazón interestrófica a partir da segunda estrofa, que está unida copulativamente coa primeira, susceptíbel, por tanto, de, mesmo do punto de vista tipográfico, ter unha verdadeira aparencia de cantiga ateúda. Cfr. notas ás cantigas 55 e 92. Véxase notas ás cantigas 15 e 24.
    Nas edicións de Michaëlis e Littera todas as estrofas aparecen isoladas do punto de vista sintáctico a través da puntuación.

  • 1

    A forma senço (tamén en 621.14 e 882.7), P1 do presente de indicativo de sentir, igual que o presente de subxuntivo (sença; 725.17, 1408.22; sençades, 1321.r) responde á evolución fonética estrita (sĕntĭō > senço; sĕntĭam > sença etc.), previa ao proceso de (semi-)regularización que se produciu modernamente nestes verbos. Cfr. notas a 652.9776.5.

    En face da xeral variación coitado A / cuitado B (86.1, 147.1, 155.1, 177.1, 312.1, 391.16, 404.10 e 16, 430.19, 997.9), neste verso achamos a situación inversa (cuitado A / coitado B), que se localiza tamén en 70.1, 118.13, 129.15 e 188.6. Cfr. nota a 570.9.

  • 4

    O xeral resultado mao do lat. malum é sistemático cando vai posposto ao nome, mais convive coa forma con perda de vogal final por posición proclítica (mal) en certos sintagmas. No que a pecado di respecto, mao pecado é solución minoritaria verbo de mal pecado, do mesmo xeito que se rexistra mao dia (vs. mal dia) e mao preço ou mao prez (vs. mal preço, mal prez).

  • 5

    En B rexístrase unha presenza espuria de eu, tal como acontece en diversas pasaxes nos apógrafos italianos (B vs. A: 85.16, 177.9, 282.10, 306.9; BV vs. A: 420.14 e 17; V vs. B: 1597.1), mais tamén, por exemplo, nunha ocasión en A (vs. B), en 228.7

  • 6

    No Cancioneiro da Ajuda niun é a forma xeral para o indefinido, mais tamén se rexistra neun (fem. neũa); en todos os casos, cando existe copia en BV, a forma nos cancioneiros italianos é nen un (<nen hun ~ nē hū ~ nē hūu...>), agás en 132.1 (<niun> A, <neum> B). De calquera xeito, en textos transmitidos en BV tamén se rexistra a forma feminina neũa en 1267.r1 e 1319.11, xunto coa forma neũu de V en 1007.22).

  • 8

    Fronte á posibilidade de e, pero, con independencia sintáctica das dúas conxuncións, optamos pola locución conxuntiva de valor concesivo e pero ‘aínda que’, de uso regular ao longo de corpus –cómpre sinalar, non obstante, que en bastantes ocasións é posíbel optar por unha ou outra lectura.

    É necesario segmentar a lección <enpensado> de A (a variante de B coa omisión de <en> é defectuosa): deste modo evítase un hapax desnecesario, pois empensado é unha forma inexistente na lingua medieval, tal como a propia Carolina Michaëlis recoñeceu no Glossário do Cancioneiro da Ajuda: «Como os antigos dissessem pensar de alguma coisa, e não em alguma coisa, será melhor lermos e pero nunca foi én pensado do que empensado» (Michaëlis 1922: s.v. *empensado).

  • 11

    A pesar do frecuente uso de per, é rara a súa combinación con que na conxunción perque, fronte ao xeral porque, xa que só se rexistra en 39.7, 84.4, 150.15, 263.23, 376.6, 976.18, 1440.44 e 1451.211 .

  • 12

    A carón de ainda (e de inda) existe na lingua trobadoresca a forma einda (con evolución [aí] > [eí], cfr. reinha, seir etc.) que foi sistematicamente anulada pola acción dos editores. En 70.9 Michaëlis recorreu á forma ainda de B, mentres que en 330.15 einda foi interpretada como e inda e, finalmente, en 1342.11 a forma foi corrixida polos diversos editores2 . Canto ao texto proposto por Littera, tamén anula esta forma ou a substitúe por ainda (1342.11) ou emenda a lección manuscrita (330.15).

    Por outra banda, a contaxe bisilábica de máis  asegura a medida eneasilábica tamén neste verso (sobre a métrica de máis ~ mais véxase Ferreiro 2016c). 

  • 13

    No pretérito do verbo prender aparece, en apariencia coa forma etimolóxica prix, a forma analóxica prendi (véxase v. 16), que nivela a conxugación. Esta forma prix de P1 do pretérito indicativo aparece sempre3 con palatalización final (641.6 e 9, 1145.10, 1542.8), similar á das formas quix (véxase nota a 429.24) e pux (véxase nota a 988.21), e presente tamén na forma trax (véxase nota a 429.24), no provenzalismo fix (véxase nota a 20.9) e mais no nome Beatrix (véxase 988.21). No relativo a estas formas de pretérito, tal fenómeno debe ser posto en relación coa existencia de formas alternativas palatalizadas do tipo *prige (non rexistrada no corpus), quige e puge, produto da acción do -ī latino final (Ferreiro 1999: §20a), de modo que as formas prix (de *prehensī ou *prensī, polo clásico prehendī), quix (de *quesī, por quaesivī) e pux (<posuī) serían produto do cruzamento de -s final (xordo) coas variantes palatalizadas, dando como resultado unha fricativa palatal xorda en posición final.

  • 17

    Como acontece noutros sintagmas, e tamén coa perífrase dever + a + infinitivo (véxase nota a 60.14), convén segmentar, a diferenza de Michaëlis (e Littera), a preposición a como elemento que liga cuidar co infinitivo, dado que esta é, ademais, a construción maioritaria na lingua trobadoresca.

  • 18

    Aínda que durante a fase de copia ou de revisión desta, en A foi anulada mediante un trazo de pluma a forma adverbial ja, a decisión parece errada, pois, de non considerarse o vocábulo, o verso resultaría hipómetro. Quizais a forma que debía cancelarse era, xustamente, a escrita no verso seguinte (tamén presente na lección de B), forma que pode atribuírse a un erro por repetición de copista e que torna o verso hipérmetro.

  • 19

    A lección de B, de maior transparencia semántico-visual, suporía unha sinalefa ca‿amor que contradí os principios métricos trobadorescos (véxase Ferreiro 2012b); neste sentido, a grafía de Michaëlis, na procura desa intelixibilidade, suxire esa anómala elisión de ca. Cfr. nota a 85.20.

  • 20

    O verbo nuzer (< nocere) ‘prexudicar, danar’ presenta desinencia de segunda conxugación, con disimilación vocálica regresiva, fronte ás formas nozir (503.22) e nuzir (1656.6).

  • 22

    Varias son as razóns para considerarmos tónica a forma mi deste verso: a rareza que suporía un CD átono coa variante en -i no Cancioneiro da Ajuda, a forma <mj̄> de B e, finalmente, a anómala posposición do clítico nunha cláusula causal introducida por ca (cfr. nota a 216.3). É por isto que a solución máis natural, xa adoptada en Michaëlis (cfr. faz mi na súa edición) é a forma , pronome persoal tónico oblicuo en función de complemento directo (véxase nota a 10.1).

  • 26

    A frecuencia do sintagma mia senhor levou á intromisión do posesivo no texto, que anularía a medida octosilábica do verso.

  • 27

    A lección <sen> de B (cfr. <seu> en A) achegaría unha interesante variación semántica no final da cantiga:
              e, per bõa fe, ja pelo grado
    ​​​​​​​          de sennor, per que m’est’aven,
    ​​​​​​​          ​​​​​​​sen amor non faria mal
              a null’ome nado, nen ben.

  • 28

    A utilización da grafía <ll> (vs. <lh>) para a lateral palatal sonora no corpus das cantigas só se rexistra esporadicamente nos cancioneiros apógrafos italianos no indefinido nulho/a; noutras voces a súa aparición é un fenómeno extraordinario, pois só se rexistran cinco ocorrencias dese tipo. Cfr. nota a 199.33.
    O cancioneiro da Ajuda mostra unha clara preferencia pola forma ome face á variante omen, máis frecuente nos apógrafos italianos (mais véxase nota a 129.14). Deste xeito, nos textos transmitidos por A e por B, achamos con frecuencia a oposición ome / omen (66.19, 68.1, 74.28, 85.5, 121.11, 129.27, 131.11, 132.24, 139.8, 164.2, 174.7). Véxase tamén nota a 559.9.

  1. ^

    Nas cantigas 976 e 1421 en V aparece a lección porque.

  2. ^

    No TMILG (s.v.), para alén de aínda, einda e inda, aparecen outras variantes como aindas, ainde e mais einde, coa seguinte escala de ocorrencias: ainda (532), einda (83), inda (46), einde (5), ainde (5), aindas (1).

  3. ^

     Non se rexistra pris neste corpus, que sería o resultado normal de *prehensī ou *prensī (LC prehendī). Aparece nas Cantigas de Santa Maria: Virgen Santa, Reynna, / dá -me vingança, / ca pris viltança / en ta romaria (CSM 57.56).

Procurar
    Não foram encontrados resultados