641 [= RM 47,23]
Perdud’ei, madre, cuid’eu, meu amigo

Esta folha adeante se começan as cantigas d’amigo que fezeron os cavaleiros, e o primeiro é Fernan Rodriguiz de Calheiros

Perdud’ei, madre, cuid’eu, meu amigo;
macar m’el viu, sol non quis falar migo,
e mia sobervia mi-o tolheu,
que fiz o que m’el defendeu.
Macar m’el viu, sol non quis falar migo
e eu mi-o fiz, que non prix seu castigo,
e mia so[bervia mi-o tolheu,
que fiz o que m’el defendeu].
[E] eu mi-o fiz que non prix seu castigo,
mais que mi val ora quando o digo?
E mia sobervia [mi-o tolheu,
que fiz o que m’el defendeu].
Fiei-m’eu tant’en qual ben m’el queria
que non meti mentes no que fazia,
e mia sobervia [mi-o tolheu,
que fiz o que m’el defendeu].
Que non meti mentes no que fazia,
e fiz pesar a quen mi-o non faria,
e mia sobervia [mi-o tolheu,
que fiz o que m’el defendeu].
E fiz pesar a quen mi-o non faria,
e tornou-s’én sobre mí a folia,
e mia sobervia [mi-o tolheu,
que fiz o que m’el defendeu].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 

Manuscritos


B 626, V 227

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 58-59 [= LPGP 324]); Cohenª (2003: 111); Littera (2016: I, 362-363); Cohenb (2016b: 4).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 89); Braga (1878: 45-46); Machado & Machado (1952: III, 281-282); 
III. Antoloxías: Varnhagen (1872: 57-59); Nunes (1959: 280); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 61); Diogo (1998: 15); Arias Freixedo (2003: 214-215); Fidalgo (2009a: 142).

Variantes manuscritas


Rúbrica: Esta] E esta V; começan] cōmēca B : comecā V; os] dos V; primeiro] pimexo : primeio V; Rodriguiz] Rrodriguic B : rrodriguit V

Texto: 2 quis] s B   5 quis] s B   6 e] om. B   10 mais] om. V   13 Fiei] E iey V   18 quen] ꝙʷ B   21 quen] ꝙʷ B   22 tornou-s'én] tornon sseu V

Variantes editoriais


22 én] en Nunes

 

Paráfrase


(I) Coido que perdín, madre, o meu amigo: aínda que el me viu, nin quixo falar comigo, e a miña soberbia deixoume sen el, pois fixen o que el me vedou.

(II) Aínda que el me viu non quixo falar comigo e foi por culpa miña, que non lle dei valor á súa advertencia, e a miña soberbia deixoume sen el, pois fixen o que el me vedou.

(III) E foi por culpa miña, que non lle dei valor á súa advertencia, mais de que me vale agora cando o digo? E a miña soberbia deixoume sen el, pois fixen o que el me vedou.

(IV) Confieime tanto en canto el me amaba que non pensei ben no que facía, e a miña soberbia deixoume sen el, pois fixen o que el me vedou.

(V) Que non pensei ben no que facía e causeille pesar a quen mo non causaría, e a miña soberbia deixoume sen el, pois fixen o que el me vedou.

(VI) E causeille pesar a quen mo non causaría, e tornouse contra min tal loucura, e a miña soberbia deixoume sen el, pois fixen o que el me vedou.

Métrica


Esquema métrico: 6 x 10’a 10’a 8B 8B (= RM 37,42)

Encontros vocálicos: 3 mi-‿o; 7 mi-‿o; 11 mi-‿o; 15 mi-‿o; 19 mi-‿o; 23 mi-‿o

Notas


Rúbrica
  • A rúbrica é indicio da primitiva organización do cancioneiro galego-portugués por xéneros: esta sería a primeira das cantigas de amigo, ao tempo que a cantiga inicial dun hipotético “Cancioneiro de Cavaleiros” (Oliveira 1994) que foi incorporado nun momento dado a outra compilación colectiva máis.

    Canto á grafía <-t> (e <-c>) por <-z> no patronímico do trobador (cfr. a confusión <c>/<t> en V), é representación que aparece nalgúns documentos romances para patronímicos (cfr., por exemplo, Rodriguit, Uermuit, Vaasquit; CGPA, s.v.), restos dunha grafía habitual nestas formas en documentos latinos ou latino-romances (cfr. Gonsaluit, Gonzaluit, Gundisaluit, Vermuit etc.; CGPA, s.v.).

Texto
  • *

    Esta composición é unha cantiga bipartida metricamente, pois presenta un duplo leixa-pren (estrofas I-III / IV-VI). Por outra parte, a modalidade de leixa-pren aquí utilizada (2º verso de cada estrofa como 1º da seguinte) é rara na escola.

  • 2

    A conxunción concesiva macar, de orixe grega, é case exclusiva do rexistro poético, tal como se deduce do seu uso frecuente na poesía trobadoresca profana e da súa alta frecuencia nas Cantigas de Santa Maria. A súa aparición noutro tipo de textos é moi escasa (véxase CGPA, s.v. macar).

  • 3

    Na lingua das cantigas aínda sobrevive o iode orixinario en sobervia (< sŭperbĭam), igual que, por exemplo, en limpio (< limpĭdum), presente en 1530.7. Nas P1 do presente indicativo dalgúns verbos pode verse como tamén alternan as formas con manutención do iode orixinario latino coas formas en que o iode xa desapareceu (cfr. dórmio ~ dormo, sérvio ~ servo ~ sirvo etc.). De calquera maneira, na lingua medieval conviven todos os resultados, tal como mostra, por exemplo, a concorrencia de sobervia, soberva e sobervea (con grafías diversas) nos diversos textos antigos (véxase CGPA, s.v.).

  • 6

    A voz castigo (tamén no v. 9), que só volve aparecer en 691.8, ten o significado de ‘consello, aviso, advertencia’.

  • 9

    O v. 6 demostra a necesidade da reintegración da copulativa inicial de estrofa (cfr. nota a 42.15).

    No pretérito do verbo prender aparece, en convivencia coa forma etimolóxica prix, a forma analóxica prendi, que nivela a conxugación. Esta forma prix de P1 do pretérito de indicativo aparece sempre con palatalización final (véxase tamén 74.13, 1145.10, 1542.8)1 , similar á das formas quix (véxase nota a 429.24) e pux (véxase nota a 988.21), e tamén na forma de presente trax (véxase nota a 429.24), no provenzalismo fix (véxase nota a 20.9) e mais no nome Beatrix (véxase 988.21). No relativo a estas formas de pretérito, tal fenómeno debe ser posto en relación coa existencia de formas alternativas palatalizadas do tipo *prige (non rexistrada no corpus), quige e puge, produto da acción do -ī latino final (Ferreiro 1999: §20a), de modo que as formas prix (de *prehensī ou *prensī, polo clásico prehendī), quix (de *quesī, por quaesiuī) e pux (< posuī) serían produto do cruzamento de -s final (xordo) coas variantes palatalizadas, dando como resultado unha fricativa palatal xorda en posición final. 

  • 22

    O texto de Nunes parece suxerir unha locución preposicional en sobre ‘sobre’, por non considerar a presenza do pronome én.

    Por outra parte, nótese a convivencia do provenzalismo folia co sinónimo minoritario loucura (só en 772.15, 1326.21, 1410.17, 1451.13, 1575.24).

  1. ^

    Non se rexistra pris nas cantigas profanas, que sería o resultado normal de *prehensī ou *prensī (LC prehendī). Aparece nas Cantigas de Santa Maria: Virgen Santa, Reynna, / dá -me vingança, / ca pris viltança / en ta romaria (CSM 57.56).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado