65 [= RM 151,25]
Sennor fremosa, grand’enveja ei

Sennor fremosa, grand’enveja ei
eu a tod’ome que vejo morrer,
e, segund’ora o meu connocer,
enquant’est’é, faço mui gran razon,
ca ei por vós eno meu coraçon
tan gran cuita que mil vezes me ten,
sennor, sen fala e sen todo sén,
e non vos queredes de min doer,
pero, sennor, ũa ren vos direi:
con tod’est’ora non ei eu poder,
per bõa fe, de null’enveja aver
a null’ome de quantos vivos son;
mais faç’eu esto porque sei ca non
vive null’ome que de vós máis ben
aja de mí, que non ei de vós ren
senon quant’ora me oistes dizer,
e porque sei tan ben, per bõa fe,
que non sei cousa no mundo mellor,
que ja, entanto com’eu vivo for,
nulla cousa non me pode guardar
d’aquesta cuita, que levo, levar
se eu de vós algun ben non ouver;
e o que m’ende guardar non poder
ja me non pode en al prestar, sennor,
ca esta cuita, sennor, tan grand’é
com’eu vos dix’, e ja o é maior,
e ben creede que non é mẽor,
e ora, por Deus, que vos fez falar
mui ben, sennor, e mui ben semellar,
doede-vos de mí se vos prouguer,
e, se o fezerdes, ja foi moller
que xe pensou de sa alma peor.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 
 
30
 
 

Manuscritos


A 2, B 92

Ediciones


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 7-8 [= LPGP 950-951]); Littera (2016: II, 533).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 32); Carter (2007 [1941]: 1-2); Marques Braga (1945: 3-5); Machado & Machado (1949: I, 122-123); Arbor Aldea (2016b); Rios Milhám (2017: I, 65).
III. Antoloxías: Torres (1977: 429-430); Diogo (1998: 26-27).

Variantes manuscritas


1 grand’] muy grād B   2 morrer] moirer B   3 segund’] segud A   4 est’é] est B   6 cuita] coyta B   7 sen fala e] sen falla et A   8 vos] uus A;  de min] dmj B   11 null’enveja] nulla enueia B   12 null’ome] nullome B; son] sou B   14 null’ome] nullo m̄ B   15 de mí] demj̃ B   16 me oistes] moystes B   21 om. B   22 ouver] oer B   24 pode en] poden B   25 cuita] coyta B   26 vos] uos A; dixe] dixi B   27 mẽor] meor B   28 vos] us A   29 e] om. B   30 de mí] demj̃ B   32 xe] xi B; pensou] penso A : penssou B; peor] peyor B

Variantes editoriales


8 vos] vus Michaëlis   9 vos] vus Michaëlis   16 me] m(e) Michaëlis   24 pode] pod(e) Michaëlis   26 vos] vus Michaëlis; ja o é] ja, o[u] é Michaëlis   28 vos] vus Michaëlis   30 vos ... vos] vus ... vus Michaëlis

Paráfrasis


(I) Señora fermosa, grande envexa teño eu de todo aquel que vexo morrer, e segundo o que eu agora sei, mentres isto sexa así, fágoo con moita razón, porque sinto por vós no meu corazón unha coita tan grande que mil veces me ten, señora, sen fala e sen siso ningún, e non queredes ter dó de min, (II) aínda que, señora, unha cousa vos direi: con todo isto agora eu non podo, abofé, terlle envexa a ningún home de cantos están vivos; mais eu fago isto porque sei que non vive ningún home que reciba de vós máis ben ca min, que non teño nada de vós agás canto agora me ouvistes dicir, (III) e porque sei tan ben, abofé, que non sei outra cousa no mundo mellor, que xa, mentres viva, ningunha cousa me pode librar de levar esta coita que levo, se eu de vós non tiver algún ben; e o que diso non me pode librar xa non me pode ser de proveito para ningunha outra cousa, señora, (IV) porque esta coita tan grande é, señora, como vos eu dixen, e xa o é maior, e crede ben que non é menor, e agora, por Deus, que vos fixo falar moi ben e ser moi fermosa, señora, tende dó de min se vos prouguer, e, se o fixerdes, xa houbo unha muller que coidou peor da súa alma.

Métrica


Esquema métrico: 4 x 10a 10b 10b 10c 10c 10d 10d 10b (= RM 201:1)

Encontros vocálicos: 11 envejaaver; 16 meo·is·tes; 24 podeen

Notas


Texto
  • *

    Michaëlis (e Littera) isola sintacticamente todas as estrofas da composición. Sobre o carácter de verdadeira cantiga ateúda desta composición véxase nota á cantiga 15.

  • 1

    A aparición de mui en B, que converte o verso en hipermétrico, mostra como, especialmente nos apógrafos italianos, aparecen con certa frecuencia elementos que deben ser omitidos. Para a intromisión espuria de mui véxase B vs. A (257.1), A vs. B (369.3, 998.10), BV vs. A (417.15), B vs. V (423.17, 810.14), así como 812.14 ou 995.5.

  • 1-2

    O inicio desta cantiga ecoa no final dunha cantiga de amigo de Don Denis, que reflicte intertextualmente estes versos de Fernandez Praga:

    e da mort’ei enveja
    [eu] a tod’ome ou molher que ja morresse (610.17-18).

  • 3

    Segund’ora o meu connocer é unha amplificación da frase formularia aseverativa segundo meu connoscer (117.19), con formulacións alternativas ao longo do corpus (véxase nota a 228.8, 230.10, 415.29).

  • 4

    Independentemente de que <este> sexa a forma verbal éste (P3 do presente indicativo de seer) ou a suma do demostrativo este co verbo é (est’é), é moi frecuente en B (vs. A) a aparición de <est>, aparente latinismo, con ausencia de vogal final e a consecuente hipometría versal. Véxanse 71.6, 89.27, 182.26, 197.18, 302.21, 317.2, para alén daqueles casos en que éste aparece en cantigas transmitidas só polos apógrafos italianos: 184.15, 204.18, 207.11, 464.24, 714.9, 854.12, 993.20, 1075.4, 1456.12, 1497.221625.1, 1652.2 e 1667.17. Véxase Ferreiro (2008a).

  • 6

    No Cancioneiro da Ajuda, é certamente esporádica a grafía etimoloxizante <ll> /l/, que achamos en fala <falla> (65.6) e aquela <a q̄lla>~<a quella> (238.19, 429.18). Cfr. nota a 1.28.

  • 7

    A grafía <et>, de presenza esporádica ao longo dos cancioneiros apógrafos italianos, nomeadamente no Cancioneiro da Vaticana, só ten unha moi limitada presenza no Cancioneiro da Ajuda, con dous rexistros no seu inicio (65 [A2, B92], v. 7; 82 [A16, B109], v. 3) e unha presenza máis maciza na parte final do cancioneiro: 1236 [A283, B1220, V825], v. 10; 982 [A289, B980, V567], v. 12; 997 [A 293, B 993bis, V 582], v. 3; 999 [A295, B995, V584], vv. 2 e 9; 1000 [A296, B996, V585], vv. 2, 7, 15 e 16; 994 [A300, B991, V579], vv. 8, 10 e 15; 996 [A301, B993, V581], v. 6; 894 [A302], v. 4; 896 [A304], v. 15. Na realidade, esta grafía para a copulativa debe ser posta en relación con outras grafías ou formas latinizantes que se detectan ao longo do corpus (véxase nota a 63.2).

  • 11

    A utilización da grafía <ll> (tamén nos vv. 12, 14 e 20) para a lateral palatal sonora no corpus das cantigas só se rexistra esporadicamente nos cancioneiros apógrafos italianos no indefinido nulho/a; noutras voces a súa aparición é un fenómeno extraordinario, pois só se rexistran cinco ocorrencias dese tipo. Cfr. nota a 199.33.

  • 20-21

    O hipérbato obriga a indicar graficamente a crase d’aquesta a pesar de a preposición introducir o verbo levar: «nulla cousa non me pode guardar de levar aquesta cuita, que levo».

  • 21

    A omisión do verso en B débese, con certeza, ao cambio de columna.

  • 22

    Nótese a variación ouver A ~ oer B que apaga as formas do tipo oer ~ ouer, oera, oesse. O radical xeral para os tempos de pretérito de aver é ouv-, como resultado da metátese de wau e fricativización de -b- a partir do radical latino habu-. Ora ben, -b- intervocálico tamén pode desaparecer (Ferreiro 1999: §54c), como mostran diversos resultados que proban esta evolución diverxente nos tempos de pretérito de aver. Para alén de ouer (10.18), así acontece coas formas oer, oera e oesse presentes no corpus, sempre a partir das leccións dos apógrafos italianos, por o Cancioneiro da Ajuda sempre presentar a forma ouver (e afíns): se mi-o logo a tolher oer / mia vezinha (11.27), se vos eu oesse desamor (23.13), mentr’eu vosso desamor oer (23.32), pois eu esto feito oer (29.19), mentr’oer esta senhor que oj’ei (38.9), U lhi conven, oera de tornar (45.8), quand’eu de vós oer / desamor (46.23), pois que lh’esto feit’oer (96.8), quen vos oer a desejar (107.18), pois end’o poder oer (561.6), farei eu por vós quanto fazer oer (725.26), poi-la dona seu amig’oer (759.15), pois eu oer / por mia senhor mort’a prender (1064.13). A estas ocorrencias aínda hai que lles acrecentar aqueloutras en que os apógrafos italianos presentan esta variante fronte ao resultado maioritario en A: 66.15 (ouvesse A vs. oess(e) B); 64.465.22, 68.11, 81.18141.6 (ouver A vs. oer B); 363.16 (ouver A vs. oer BV). Véxase tamén notas a 10.18 e 372.4. Cfr. notas a 130.23 e 534.4. Véxase Ferreiro (2016a: 119-127).

  • 26

    A solución editorial de Michaëlis, seguida en Littera, parte do erro <o>/<ou> (véxase nota ao v. 32) e resolve comodamente o verso; mais o feito de que a lección de B sexa coincidente coa de A aconsella, porén, buscar unha alternativa ecdótica que manteña a lección manuscrita sen perder coherencia sintáctica e semántica: está conséguese, simplemente, a través dunha puntuación alternativa e dunha segmentación diversa da forma dixe de A (que en correspondencia co punto presenta tras ia presenta indicios de intervención sobre o texto manuscrito).

  • 32

    O feito de A ser probabelmente copiado en Castela podería explicar algúns casos de <o> por <ou>, eventuais castelanismos de copia no códice do Palácio da Ajuda: <o> ou (131.28, 225.13), <mando> mandou (162.2), <otri> outri (279.4), <uo> vou(-a) (346.1)1 ; a similar causa obedecerían as formas con aparente monotongacion de <ei> en A (acordei <acorde> A, 247.16; primeiro <pmero>/<primero> A, 176.9, 196.15 e 300.13; Nogueira <noguera> A, 1235.5). Véxase tamén nota a 90.14 e 122.17.
    Por outra parte, nesta cantiga, como noutras, B (e V) ofrecen a variante peior (típica dos apógrafos italianos) fronte á forma peor, única que se rexistra no Cancioneiro da Ajuda. Véxanse 91.14, 275.21, 387.r2, 812.2 e 13.

  1. ^

    En diversos contextos, o ditongo vai seguido de vogal, circunstancia que podería explicar unha redución do ditongo semellante á producida esporadicamente no encontro da P3 de pretérito dos verbos da primeira conxugación cando vai seguido de pronome (véxase Ferreiro 1999: §23b).

Buscar
    Sin resultados