I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 163 [= LPGP 247-248]); Pagani (1971: 94); Lopes (2002: 492); Littera (2016: I, 259-260).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 307); Braga (1878: 169); Machado & Machado (1958: VI, 24).
III. Antoloxías: Landeira Yrago (1975: 286); Tavares & Miranda (1987: 239-240).
3 veiras] veira B 5 E disse] et dissa V; Vedes] uēdes B 6 e] et V 10 tragedes] Tra(g)\i/edes B 11 vender] uedes V; é] & B : et V; per] par B : ꝑ V 12 E disse] et disso V; Sei ... pran] fey ... prã B 13 vos] uos B : uez V; disser] dissē(rano) V 14 an-no] ano V 15 Grav’é ... creer] greve ... q̄eer V 16 eles] elā B : elꝯ V 17 taes] caes B 19 E] et V; com’] Tom B 20 el] E B 21 an-no] ano V
1 a que vi] que vi Lopes 5 E] Et Pagani; Vedes] Venden Lapa, Pagani : Vendem Lopes, Littera 6 e] et Pagani 9 do] de Lapa, Lopes; ver-gros] ver gros Pagani : vergós Lopes 10 pois que] por que Lapa, Pagani : porque Lopes 11 é per seu talan] e par seu talan Lapa : et par sseu talam Pagani : e par seu talam Lopes, Littera 19 E] Et Pagani; disso] disse Littera
(I) A un corredor de mercadorías a quen vin vender uns panos que recoñecín, con pelizas de cor variada, díxenlle así: «Son da muller de don Fulano». E díxome el: «Vedes canto teñen el e a súa muller: precísano, precísano!».
(II) E dixen eu: «Ficará en roupa interior sen estes panos de peliza de varios tons; mais, xa que os traedes vós a vender, é por vontade deles?». E díxome el: «Sei eu por ela, certamente, canto vos dixer: precísano, precísano!».
(III) E dixen eu: «Custa crer que eles, por falta de diñeiro, manden vender tales panos por tan pouco como dan por eles». E díxome el: «Pola situación en que están, el e a súa muller precísano, precísano!».
Esquema: 3 x 8a 8a 8a 8b 8b 8c 8C (= RM 21:1)
Encontros vocálicos: 16 men·gu͜a
Un corretor é un ‘procurador municipal de vendas’ (véxase tamén 1670.2). O termo refírese basicamente a un oficio cuxo obxectivo fundamental era mediar entre os vendedores e os compradores; isto é, os corretores procuran clientes para os propietarios de determinados bens. O Diccionario de Autoridades define corredor coas seguintes palabras: «El que por oficio público interviene en almonedas, y fuera de ellas en ajustar las compras y ventas de todo género de cosas, y otras negociaciones: y porque anda casi corriendo de una parte a otra, para mostrar o tratar lo que vende o negocia, se le dio este nombre» (Real Academia Española 1726-1739, s.v. corredor).
En galego-portugués, corretor convivía coa variante corredor:
E sse lla nõ quitar a este p(ra)zo, metaa en maao do corredor p(er) mandado do alcayde que a uenda o melhor q(ue) poder, e a diuida pagada, o corretor torne o demays a seu dono ante o alcayde (Foro Real; CGPA).
As penas veiras aluden a unhas peles de cores variadas (cfr. lat. pennam uariam > pena veira), en xeral valiosas, que eran fundamentalmente empregadas nos forros dos mantos (véxase Vallín 2019: 657-661).
Foan (voz procedente do ár. fulan ‘unha persoa calquera’), xunto coa variante Foão, é palabra utilizada para evitar nomear a persoa. Sobre a variación Foão ~ Foan e as alternancias nesta forma, véxase nota a 484.1.
A partir das leccións dos códices italianos (<uēdes> B, <uedes> V), vedes encaixa ben no sentido da composición, de acordo coa forma transmitida por V, verbo reconvertido en venden en todas as anteriores edicións, por máis que do punto de vista semántico tamén sexa acorde co desenvolvemento da cantiga.
Nos cancioneiros, a representación da asimilación das formas verbais de P6 co clítico complemento directo o(s)/a(s) (-n+lo > -nno > -no; véxase Ferreiro 1999: §69b) vacila entre a conservación do primeiro paso evolutivo [nn] e a asimilación definitiva en [n], deficientemente representada co trazo: dizen-o (1003.14), fazen-o (1358.11), preguntaron-o (1655.16), guardan-a (1672.28) vs. corrian-nos (489.10), tiinhan-nos (489.11), metan-na (1485.20), acharon-no (1585.7). Na copia do refrán desta cantiga, pode verse certa vacilación gráfica, talvez descoido do copista (an-no, an-[n]o).
O fr. ant. vair [‘vεɾ], do lat. varium, indicaba unha pel de esquío composta con alternancia dos ventres e das costas para crear un efecto de variación, e, conforme a proporción da variación nos tons, distinguíase entre o gros-vair e menu-vair. Estevan da Guarda adopta, pois, o gros-vair e inverte os elementos do sintagma para unha creación lexical que non volve aparecer na lingua: ver-gros (cfr. pena veira nalgunhas composicións, véxase UC/Glosario, s.v.). Véxase tamén Vallín (2019: 658-659).
Todos os editores atribúen carácter interrogativo a este período coa transformación de pois que en por que, sen dúbida condicionados pola mecánica translación de <&> B, <et> V para unha conxunción copulativa, tal como mostra o texto lapiano, seguido en todas as edicións:
mais por que os tragedes vós
a vender e par seu talan?
Non obstante, neste caso semella obvio o erro dos copistas ou no antecedente coa confusión entre copulativa e forma verbal é. Tal confusión reitérase en máis ocasións: véxase, no propio cancioneiro de Estevan da Guarda, 1338.24, ou tamén en 1460.23.
Por outra parte, a lección <par> de B no v. 11 constitúe moi probabelmente un desenvolvemento errado de <ꝑ> per (a lección de V), xa que a forma preposicional par só é utilizada nas invocacións do tipo par Deus. Véxase nota a 498.14-15 e 679.2.
A voz talan (‘desexo, vontade; temperamento, carácter’) é palabra de orixe galo-románica, seguramente provenzal (cfr. prov. talan ~ talen, fr. talant, do lat. talentum), que contrasta co uso da forma talante (só en 924.21 e 1334.11). Véxase García-Sabell Tormo (1990: s.v. talan).
Na lingua medieval rexístrase certa vacilación de resultados en vogais tónicas de grao medio trabadas por nasal. Tal é o caso de mingua, que concorre cunha variante minoritaria mengua (11.17, 360.1, 469.1, 476.14, 878.5, 1620.31), igual que menguar ~ mengar aparecen a carón de minguar e mingar. Cfr. nota a 205.13.
En Littera produciuse unha nivelación en prol de disse (presente nos simétricos versos 5 e 12), apagando a forma disso deste verso, que confirma como na lingua trobadoresca conviven, na P3 dos pretéritos fortes, as maioritarias formas etimolóxicas coa desinencia analóxica -o (Ferreiro 1999: §§203a, 203b), acrecentada en formas verbais coa desinencia ø (fez → fezo, pôs → poso, quis → quiso) ou substituíndo, noutras, a desinencia -e (disse → disso ~ dixo, ouve → ouvo, pôde → podo). Cfr. nota a 53.16.