I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 647-648 [= LPGP 706]); Miranda (2004: 152-153); Cohen (2010b: 19-20); Marcenaro (2012a: 74); Littera (2016: II, 204).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 11); Cotarelo Valledor (1933: 20); Machado & Machado (1949: I, 51-52); Rios Milhám (2017: I, 11).
12 guarir] guarij B 20 salra] solhira B 21 e t[e]rran-mi-o] etrrāmho B 23 que meu] q̄m eu B 26 a meu osm’, e lhi] ameu osmolhj B 27 mi-o] mha B 28 e mi-o sussacar] omha suffacar B 29 mao vezinho] maō uezīo B
6 vos] vus Michaëlis 10 vos] vus Michaëlis 13 por] per Miranda; min] mi Michaëlis, Miranda, Littera 20 salra] sol irá Miranda : s'irá Littera 22 ome] omen Michaëlis, Cohen : homen Miranda 23 meu] mi-o Michaëlis : mho Cohen : m’eu Marcenaro : mi o Littera 24 con migo] cõmigo Cohen 26 osm’, e] osm,’ o[u] Miranda : osmo Marcenaro : osm', ou Littera 27 a tolher] acolher Michaëlis : acolh(o)er Miranda : acolh[er] Littera; oer] om. Miranda 28 vezinha] vezinh(a) Michaëlis : vezĩa Miranda, Cohen, Marcenaro : vezia Littera; e] o[u] Miranda, Marcenaro 29 mao vezinho] mao vezĩo Miranda : maa vezĩa Cohen : mão vezĩo Marcenaro : mao vezio Littera 30 vo-l’a sentir á] vo’-lo sentirá Michaëlis, Marcenaro : vo-l’a sentirá Miranda : vo-l'assentirá Littera
(I) É tempo xa de me afastar da miña señora, porque xa hai tempo que a servín (e) porque perdín o seu amor e me quero ir. Mais antes direille así: «Señora, que fixen para merecer isto, pois eu non vivín peor desde que conseguín o voso amor?
(II) E teredes que sufrir o gran sentimento de ausencia que vos causarei, e veredes, eu o sei, como podo vivir sen vós, e despois diredes por causa miña: “Pobre de min, por que o perdín? E que farei cando el se vaia a outro lugar servir a outra señora?
(III) Sentirei a súa falta, tanto que non podo imaxinar como poderei estar sen el. Afastarase de min con resentimento e pensarán que fun pouco sensata porque a un home tal non lle outorguei o meu ben; e a dona que mo acepte por seu (servidor) converterase na miña inimiga.
(IV) Cada vez que me enfade con el, a meu ver, e o maldiga, se logo a miña veciña mo fose arrebatar e atraer, mal veciño será el; mais non consentirei que iso aconteza, pois non quero quitarlle o que é seu nin tampouco deixarlle o que é meu”».
Cantiga de amor, do tipo de mestría. Consta de catro estrofas de oito octosílabos agudos, sendo as dúas primeiras doblas e as dúas últimas singulars.
Esquema métrico: 4 x 8a 8b 8b 8a 8c 8c 8d 8d (= RM 168:6)
Encontros vocálicos: 8 guaa·nhei; 21 -mi-‿o; 27 mi-‿o, logo‿a; 28 vezinha‿e, mi-‿o
Esta cantiga, pertencente ao primeiro período trobadoresco e transmitida unicamente polo Cancioneiro da Biblioteca Nacional, presenta diversos e importantes problemas de edición e de interpretación.
Podería pensarse que a reiteración de ca é un erro de transmisión ou de copia, porque o sentido semella esixir un relativo no v. 2:
Sazon é ja de me partir
de mia senhor, que ja temp’ei
que a servi, ca perdud’ei
o seu amor e quero-m’ir.
E, certamente, a confusión e/ou intercambio entre que e ca é relativamente frecuente no corpus (véxase nota a 64.15). Porén, pódese manter a forma ca considerando a omisión da copulativa entre as dúas cláusulas causais: «ca ja temp’ei que a servi (e) ca perdud’ei o seu amor...».
Dun modo diferente a como acontece noutros contextos en que mais e pero funcionan como conxuncións independentes do punto de vista sintáctico (véxase 76.10, 301.16, 692.10, 728.16, 953.4, 1146.9), mais pero (mas pero en 268.16) constitúe unha locución conxuntiva equivalente a ‘a pesar de, non obstante, porén’.
A forma foi é tamén P1 de pretérito de seer (e de ir): a pesar de que en xeral se estabelece unha oposición P1 / P3, fui (< fŭī) / foi (< fŭĭt), pola acción metafónica de -ī final nalgúns pretéritos fortes (cfr. tamén fiz vs. fez, sive vs. seve, tive vs. teve etc.), foi pode ser tamén resultado de P1, o mesmo que fui aparece esporadicamente como forma de P3 (sen efecto metafónico, por tanto, ou con xeneralización analóxica de unha ou outra persoa).
A voz camanho, que ten un significado conforme á súa orixe no lat. quam magnum ‘que grande, tan grande’, funciona como un adxectivo cualificativo na lingua medieval, e nunha ocasión forma estrutura correlativa con tamanho (< tam magnum):
Non creo que tamanho ben
mi vós podessedes querer
camanh’a mí ides dizer (594.7-9).
O adxectivo mesela ‘triste, coitada, desgrazada’ (do dim. mĭsĕllam, de misera) é utilizado como sinónimo de cativa en frases interrogativo-exclamativas (véxanse tamén 148.11 e 920.7; cfr. 1451.11). Esta voz semella case exclusiva do rexistro poético, pois practicamente só a achamos nas Cantigas de Santa Maria:
o que nos fez Paraiso cobrar
que perdemos per Eva a mesela (CSM 180.39)
Ai, mesela,
se perez este miny͂o, que é cousa atan bela,
querria eu mil vegadas ante ca ele morrer (CSM 345.77).
Fóra da poesía, só se atesta nunha ocasión na Crónica Troiana:
andauã donas et donzelas, chamándose meselas et desanparadas (Lorenzo 1985: 455).
Na lingua medieval rexístrase certa vacilación de resultados en vogais tónicas de grao medio trabadas por nasal. Tal é o caso de mingua, que concorre cunha variante minoritaria mengua (360.1, 469.1, 476.14, 878.5, 1316.16, 1620.31), igual que menguar ~ mengar aparecen a carón de minguar. Cfr. nota a 205.13.
Rancurar ‘ter rancor ou resentimento’ é voz rara na lingua antiga, pois só se localiza no texto das cantigas profanas, con este rexistro e mais co de 14.26. Cfr. tamén rancura (véxase nota a 15.11).
Por outra parte, Miranda non emenda a lección manuscrita e interpreta esta como sol irá, proposta que responde á lección de B, mais que non achega nada substancialmente novo do punto de vista da semántica, ao tempo que acrecenta unha sílaba espuria ao octosílabo.
Todos os editores desenvolveron a lección <hom̅> como omen, máis unha vez mostrando unha tendencia lusitanizante na edición dos textos galego-portugueses. Cfr. nota a 5.16.
Fronte a todas as opcións editoriais anteriores, mantemos a lección do manuscrito, con omisión do artigo («a dona que o meu [home] receber...»), que por veces se manifesta no corpus:
E, ja que vos comecei a dizer
ben que vos quero, quero-vos rogar
que vos non pes... (237.16)
ca, de pran, est’é oje máis de ben
que ei (242.15)
mais quero-lh’eu maior
mal que posso (503.7-8)
Nunca vos ousei a contar
mal que mi fazedes levar (553.11-12)
tornade-vos máis cedo que poderdes (832.3) etc.
Por outra parte, para a comprensión cabal da pasaxe debe terse en conta que receber significa ‘aceptar (como servidor'; mesmo podería significar 'ter relacións sexuais’, tal como se pode comprobar na seguinte citación dos Livros Velhos de Linhagens:
E dona Tereja Gil, irmã deste dom Martim Gil, o Bom, foi barregam d’el rei de Leão, e deles dizião que a recebera (Piel & Mattoso 1980: 172).
A forma medieval migo, con algunhas variantes (véxase nota a 10.18), xa convivía na altura con comigo, que aínda pode presentar a forma analítica con migo1 (584.14, 585.8, 773.8, 846.r1, 856.1, 928.8, 939.13, 1010.14, 1039.10 e 26, 1099.19, 1234.20, 1303.8) , fórmula concorrente coa arcaizante con mego (469.6 e 9).
Só achamos a locución adverbial modal a meu osmo ‘segundo eu penso’, xerada a partir do verbo osmar, nesta pasaxe trobadoresca; porén, no século XV, no Livro das Confissões, atéstase un número importante de documentacións da variante a esmo ‘por acaso, sen contar, á toa’, precursora do portugués moderno (Martín Pérez 2012-2013: 67, 70, 103).
Por outra parte, a lectura de Marcenaro é incorrecta, pois, para alén de modificar o texto de B, crea un problema de descoordinación sintáctica con lhi mal disser.
A pesar da continua confusión <c>/<t> e <t>/<c> que provoca, por exemplo, problemas editoriais a respecto de tolher / colher, neste verso o verbo tolher ten todo o sentido, sen que a emenda acolher (Michaëlis, Miranda e Littera) sexa necesaria; no caso do editor portugués, tal corrección é máis inconveniente, pois suprime oer (sobre esta forma, véxase nota a 10.18), alterando a medida octosilábica e a rima [εɾ] con disser (v. 26).
No relativo á forma oer, é certo que o radical xeral para os tempos de pretérito de aver é ouv-, como resultado da metátese de wau e fricativización de -b- a partir do radical latino habu-. Ora ben, -b- intervocálico tamén pode desaparecer (Ferreiro 1999: §54c), como mostran diversos resultados que proban esta evolución diverxente nos tempos de pretérito de aver. Para alén de ouer (10.18), así acontece coas formas oer, oera e oesse presentes no corpus, sempre a partir das leccións dos apógrafos italianos, por o Cancioneiro da Ajuda sempre presentar a forma ouver (e afíns): se vos eu oesse desamor (23.13), mentr’eu vosso desamor oer (23.32), pois eu esto feito oer (29.19), mentr’oer esta senhor que oj’ei (38.9), U lhi conven, oera de tornar (45.8), quand’eu de vós oer / desamor (46.23), pois que lh’esto feit’oer (96.8), quen vos oer a desejar (107.18), pois end’o poder oer (561.6), farei eu por vós quanto fazer oer (725.26), poi-la dona seu amig’oer (759.15), pois eu oer / por mia senhor mort’a prender (1064.13). A estas ocorrencias aínda hai que lles acrecentar aqueloutras en que os apógrafos italianos presentan esta variante fronte ao resultado maioritario en A: 66.15 (ouvesse A vs. oess(e) B); 64.4, 65.22, 68.11, 81.18, 141.6 (ouver A vs. oer B); 363.16 (ouver A vs. oer BV). Véxase tamén notas a 10.18 e 372.4. Cfr. notas a 130.23 e 534.4. Véxase Ferreiro (2016a: 119-127).
Sussacar ‘atraer con astucia ou engano, seducir, tentar’ (do lat. sonsacāre) é un hapax na poesía profana galego-portuguesa, ao tempo que forma case inexistente na lingua medieval, pois só constan outras poucas atestacións deste verbo nas Cantigas de Santa Maria e mais na Crónica Troiana e na Historia Troiana, correspondente ás formas sossacar, sosacar e susacar (véxase TMILG), así como no Foro Real de Afonso X (Ferreira 1987: s.v. susacar).
Face á translación mecánica das formas vezĩo ~ vezĩa do manuscrito, optamos por unha representación convencional da consoante nasal palatal
, a partir dos datos subministrados polos manuscritos da lírica profana e tamén da poesía relixiosa.
A existencia de voces acabadas en -inho/-inha en rima con alternancia da grafía con vogal nasalizada <ĩ> ou <y͂> con <inh> ou <ynh>) demostra que xa no século XIII se consolidara na lingua o desenvolvemento da nasal palatal2
: bainha - galinha (469.7-8 <baynha> B - <galy͂a> B); aginha - campinha - espinha (478.9-13 <a gy͂a> BV - <canpynha> BV - espinha <espinha> B, <es pinha> V); arminhos - vinhos - martinhos - mesquinhos (489.25-29 <ar minhos> B, <arminhos V> - <vy͂os> BV - <maʳcmhos> B, <maʳtinhos> V - <mesqⁱnhos> BV), martinhos - vinhos (494.25-26 <Martinhos> B, <martinhos> V - <vyõs> B, <vy͂os> V); manselinho - caminho (864.26-27 <mãselinho> B, <manselinho> V - <camy͂o> BV); cortinha - cozinha - aginha - farinha (1460.19-23 <cortinha> BV, <cozĩa> B, <coziã> V - <agĩa> B, <agiã> V - <farinha> BV), toucinhos - ansarinhos (1537.11-12 <roncinhꝯ> B - <anssarĩꝯ> B); mezquinho - Cogominho - martinho (1579.11-14 <mezq̄nho> B - <cogomiõ> B - <m’tinho> B); vinho - mininho (1584.19-20 <vy͂o> B - <mininho> B); sobrinho - vinho (1660.7-8 <sobrĩo> B, <sobriõ> V - <vinho> B, <uinho> V); vinho - meninho (1682.8-10 <uinhu> V - <menĩo> V).
Algo similar acontece nas Cantigas de Santa Maria, onde, para alén das variacións existentes entre os catro manuscritos3
, nas súas rimas tamén se percibe a convivencia e alternancia das solucións -inno/-ĩo ~ -inna/-ĩa (tamén con <y>) nas rimas ao longo de toda a obra4
: Archetecry͂o - vinno (CSM 23.3-4), camy͂o - meny͂o - festinno (CSM 43.45-47), velloçinna - mesquinna - Rey͂a (CSM 75.18-20), meezy͂as - rey͂as - mesquinnas (CSM 89.31-34), menynnos - pequeny͂os (CSM 89.70-72), camy͂o - pastorynno - meny͂o (CSM 102.17-19), Reynna - meny͂a - cortynna (CSM 105.7-11), carpynnas - reynnas - meezy͂as (CSM 105.98-102), mesquĩa - tĩia - aginna (CSM 114.21-23), aginna - tiinna - Reynna - meezy͂a (CSM 115.186-191), Menynno - festy͂o - furadynno (CSM 136.28-30), pastorynno - festy͂o - fremosy͂o (CSM 145.40-42), mesquy͂a - ovelly͂a - agy͂a (CSM 147.16-20), festynno - camy͂o - velocy͂o (CSM 147.40-44), vynno - mesquynno - miny͂o (CSM 149.58-60), Reynna - agy͂a (CSM 158.25-26), mesquynna - Reynna - agy͂a (CSM 167.30-32), Miny͂a - Reynna (CSM 180.2-4), agynna - menynna - fremosynna - mesqy͂a (CSM 195.39-44).
É máis, nunha voz como vinha, cuxa nasal palatal non procede da caída de -n- intervocálico senón da secuencia [nj], aparece concorrencia das tres grafías posíbeis na obra mariana de Afonso X. Véxase, por exemplo, vinna (CSM 132.40; 161.3, 28, 29 etc.), vynna (CSM 161.12, 37; 226.36 etc.) e vy͂a (CSM 161.20, 33; 325.55, 60 etc.), vocábulo procedente do lat. vīnĕa(m). Mesmo pode aparecer co formato gráfico vĩa e vy͂a en convivencia rimática con voces procedentes de bases coa terminación latina -īna(s): vy͂a - meezy͂a - Reynna (CSM 321.53-54), meezy͂as - vĩas - Reynnas (CSM 352.30-32).
A lección manuscrita <maõ> de B é unha mostra dos frecuentes nasalamentos espurios que se rexistran nos relatores (tamén en 1667.8 maos <maõs> B, <maos> V), sen dúbida produto de erro de copia, neste caso inducido pola frecuente terminación -ão. Fronte á opción da emenda xenérica de vezinho, mantemos o masculino do manuscrito, que podería presentar un valor xenérico.
Tamén se podería representar conmigo, mais non debe ser cõmigo, como aparece en Cohen, pois non se trata dunha vogal nasal senón dunha secuencia de vogal + consoante nasal (< cŭm mēcum).
Non achamos discordancias entre B e V polo estreito parentesco dos dous apógrafos italianos.
Aínda que na derradeira edición das Cantigas feita por Mettmann (1986-1989) aparecen niveladas as rimas en -ỹa e –ĩa; véxase, por exemplo, como os manuscritos diverxen en Catelinna ~ Catelỹa e Madodinna ~ Madodĩa en rima con Reỹa e meezỹa en CSM 54.68 e 78).
Limitamos os exemplos ás primeiras duascentas cantigas.