489 [= Tav 18,28]
O genete

O genete
pois remete
seu alfaraz corredor,
estremece
e esmorece
o coteife con pavor.
Vi coteifes orpelados
estar mui mal espantados,
e genetes trosquiados
corrian-nos arredor:
tiinhan-nos mal aficados
[e] perdian-na color.
Vi coteifes de gran brio
eno meio do estio
estar tremendo sen frio
ant’os mouros d’Azamor,
e ia-se deles rio
que Auguadalquivir maior.
Vi eu de coteifes azes
con infanções [s]iguazes
mui peores ca rapazes,
e ouveron tal pavor
que os seus panos d’arraizes
tornaron d’outra color.
Vi coteifes con arminhos,
conhocedores de vinhos,
que rapazes dos martinhos,
que non tragian sen[h]or,
sairon aos mesquinhos,
fezeron todo o peor.
Vi coteifes e cochões
con mui [máis] longos granhões
que as barvas dos cabrões:
ao son do atambor
os deitavan dos arções
ant’os pees de seu senhor.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 
 
30
 
 
 
 
35
 

Manuscritos


B 491, V 74

Edicións


I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 37-39 [= LPGP 153-154]); Paredesa (2001: 279-280); Lopes (2002: 81-82); Paredesb (2010a: 253-254); Littera (2016: I, 100-101).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 35); Braga (1878: 15); Michaëlis (2004 [1896-1905]: 179-180); Machado & Machado (1950: II, 366-367); Paredes (2010b: 180-183); Vieira & Morán Cabanas & Souto Cabo (2015: 169-170); Paredes (2010c: 126-127); Rios Milhám (2018b: III, 489).
III. Antoloxías: De la Iglesia (1886: III, 21-22); López-Aydillo (1914: 34-35); De las Casas (1928: 23-24); Carballo Calero & García Rodríguez (1983: 50-51); Dobarro Paz et alii (1987: 65); Tavares & Miranda (1987: 221-222); Matalobos (1989: 42); Pena (1990: 249-250); Jensen (1992: 46-48); Pena (1993: 146-148); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996c: 62-63); Diogo (1998: 180-181); Arias Freixedo (2003: 346-348); Marcenaro (2006: 60-62); Fidalgo (2009a: 198); Mongelli (2009: 240-241).

Variantes manuscritas


3 seu] sen B; corredor] coiredor B   4 estremece] estremete B : estre mete V   6 coteife] coyffe B; pavor] panor V   7 coteifes] coreyfes B : coteyses V; orpelados] or pelades B   8 espantados] espantades B   9 genetes trosquiados] genets tᵒs qⁱades B   10 nos] nos BV   11 tiinhan-nos] cijnhānos B : eqnhānos V; aficados] assicados B   13 Vi coteifes] Vcoteiffos V   16 d’Azamor] dizamor BV   17 e ia] chia BV; deles] delhes B : delles V; rio] rriō V   18 Auguadalquivir] augua dilqⁱuir V   20 con infanções] cō jnfā cōes B : cōes V   21 mui] auis V; peores ca] prores ea BV   22 e ouveron] eou cō rafā uerō V   23 panos] pauos B; d’arraizes] da rraiz̄s B : danaizs̄   25 coteifes] coteiffos V   26 conhocedores] conhoçedoīs V   27 rapazes] rrapazos V; martinhos] marcmhos B   28 tragian sen[h]or] rragiā senō V   30 fezeron] et fez’ō B : ꞇ ferzō V; todo] tedo BV   31 cochões] cochoēes B : cochēes V   33 dos] des B; cabrões] cabr̄ces V   35 os] es B; dos arções] des arcōes B

Variantes editoriais


12 [e]] [ca] Lapa, Paredesa, Lopes, Paredesb, Littera; perdian-na] perdin’a Littera   18 que] qu’ Lopes   20 [s]iguazes] ignazes Lopes, Paredesb, Littera   22 ouveron] houveram Lopes, Littera   23 arraizes] arrazes Lapa, Paredesa, Lopes, Paredesb, Littera   26 conhocedores] conhecedores Paredesa, Lopes, Paredesb, Littera   27 que] e Lopes, Littera   30 todo o] todo Lapa : ced’o Lopes : tod’o Littera   34 ao] [e] ao Lopes, Littera

Paráfrase


(I) O xinete (cabaleiro mouro) esporea o seu cabalo corredor, estremece e esmorece co medo o cabaleiro vilán.

(II) Vin cabaleiros viláns vestidos de ouropel que estaban aterrados mentres os xinetes tosquiados os atacaban dando voltas arredor deles: tíñanos moi aflitos e perdían a cor co medo.

(III) Vin cabaleiros viláns de moito brío que estaban tremendo sen frío, en pleno estío, ante os mouros de Azamor, e saía deles un río maior que o Guadalquivir.

(IV) Vin bandos de cabaleiros viláns con infanzóns que os seguían comportárense moito peor que os criados, e tiveron tal pavor que os seus panos brancos de Arras tornaron doutra cor.

(V) Vin cabaleiros viláns vestidos con peles de armiño e coñecedores de bos viños a quen os serventes dos combatentes mouros, que viñan sen señor que os capitanease, saíron ao encontro dos covardes, que fixeron todo o peor.

(VI) Vin cabaleiros viláns con barbas máis longas que as dos castróns: co son dos tambores facíanos caer dos arzóns co medo, aos pés do seu señor.

Métrica


Esquema métrico: 3’a 3’a 7b 3’c 3’c 7b (= Tav 52:2) + 5 x 7’a 7’a 7’a 7b 7’a 7b (= Tav 13:59)

Encontros vocálicos: 4-5 estremece‿e; 11 ti͜i·nhan; 18 *que‿Auguadalquivir; 30 todo‿o; 36 pe͜es

Notas


Texto
  • *

    Nova cantiga en que Afonso X satiriza o terror dos coteifes perante os ataques dos genetes africanos nas guerras de reconquista do territorio peninsular.

    Montero Santalla (2000: 390-391) considera que os versos iniciais (vv. 1-6) constitúen o refrán da composición, que non tería sido copiado nas restantes estrofas.

  • 1

    Genete (tamén no v. 9) alude especificamente a un ‘cabaleiro africano’ (tamén en 493.2 e 1577.3, 8 e 13).

  • 2

    Neste contexto, remeter presenta o valor de ‘esporear, facer correr’.

  • 3

    O alfaraz é un cabalo árabe, pequeno e veloz.

  • 5

    Nótese a episinalefa en estremece‿/‿e, de modo que se mantén fixa a combinación métrica 3+7 sílabas.

  • 6

    Coteife ‘soldado inferior, cabaleiro vilán’ (tamén nos vv. 7, 13, 19, 25 e 31) é unha voz de orixe árabe que se liga a nojoso e a vilão ou vilan (véxase 115.13, 371.24); é case exclusivamente utilizado por Afonso X en composicións escarniñas (459.4, 460.28 e, sobre todo, 477, vv. 1, 5, 6, 11), para alén de Roi Queimado (1404.24) e Joan Soarez Coelho (1434.19).

  • 7

    Orpelado é un participio ou adxectivo derivado dun verbo orpelar, por súa vez formado sobre ouropel. A redución fonética do ditongo débese á perda da vogal pretónica e a aparición dunha anómala secuencia [owɾ] (ouropelado > *ourpelado > orpelado) (Veiga 1982, 1986; Ferreiro 1999: §23b).

  • 9

    Trosquiar ‘trosquiar, rapar o cabelo’ no corpus profano só volve aparecer só en 371.32 e 1387.13 e 14.

  • 11

    A forma verbal tiinhan computa como dúas sílabas, como acontece noutras ocasións ao longo do corpus: 1.10, 1578.9 (mais trisilábico en 1281.2 e 1625.8).

  • 12

    A omisión dunha sílaba métrica nos manuscritos resólvese sen dificultades coa reintrodución da copulativa (ecdoticamente máis económica do que a causal ca), que liga o verso ao anterior: nesta posición é moi frecuente omisión da copulativa por erro de copia, como mostran os abondosos casos en que algún dos manuscritos ofrece a lección correcta: A vs. B (65.29, 117.12, 165.10, 174.12 etc.), B vs. V (424.14, 1195.16 etc.), V vs. B (403.6, 1614.20 etc.).

    Para alén da aparición da variante no do artigo após con, quen, ben, non e nen, non é moi frecuente o uso deste alomorfo após forma verbal acabada en nasal, aínda que é produto, de modo similar ao que acontece con -lo tras -r ou -s, da asimilación da consoante nasal final co forma arcaica do artigo (-n+lo > -n+no): Ambas eran-nas melhores (113.13), perderon-no sén (202.16), «Venhan-nas barcas polo rio / a sabor» (1167.4), pesa-lhes én / e razoan-no ben por mal (1447.21). Similar situación se produce nas Cantigas de Santa Maria, onde podemos achar o mesmo alomorfo no artigo e/ou pronome: cab’ o altar u tangen-na canpãa / Do Corpus Domini (CSM 69.38); e prometeu poren / hu͂a que lle nacera de en orden-na meter (CSM 251.13).

  • 16

    Azamor é Azemmour, cidade marroquina.

  • 17

    Repárese no erro gráfico <lh>/<l> de B (<elhes>). Fronte á moi rara grafía <nh> por <n> (véxase nota a 1015.7), o erro gráfico <lh>/<l> aparece con algunha frecuencia ao longo dos dous cancioneiros italianos apógrafos (con maior incidencia en V), e moi especialmente nun pequeno número de voces: ali <|ali> A, <|alhi> B (313.10); <alhy> B (466.19); <a(lhy)ly> B, <aly> V (1317.15); <aly> B, <alhy> V (1473.15); <ali> B, <alhi> V (1479.3); o pronome persoal tónico de P3: eles <|elhes> B, <|elles> V (489.17); ela <elha> B, <ela> V (632.18); elas <|elhas> BV (1205.7); elos <|elhꝯ> BV (1205.10); o verbo falar, con diversas flexións: falar <falar> B, <falhar> V (599.5); <falar> AB, <falhar> V (996.17); <falhar> V (1010.13); <falar> B, <falhar> V (1033.7); fala <fala> B, <falha> V (958.19); fale <fale> B, <falhe> V (722.11); e no substantivo vassalo(s): <uassalos> B, <uassalhos> V (925.13); <vassalo> B, <ua ssalho> V (1503.10). Noutros vocábulos, a aparición de <lh> por <l> é moito máis esporádica: ala <alha> B, <ela> V (1252.27); camela <camelha> V (1449.16); olas <olhas> B, <olhas> V (1634.8); velida <uolhi da> BV (676.12) etc.

    Ademais, canto á grafía <ll> de eles de V en <elles>, alén de se rexistrar en múltiplas ocorrencias de nulho nos apógrafos italianos (especialmente en B) en vez de <lh>, só se acha de forma esporádica como grafía etimolóxica en voces con /l/ procedente, en xeral, da xeminada latina (ali, bailada, castelo, cavalo (e cavaleiro), esmola, querelar, Varela, vassalo, Vilanansur etc., con especial incidencia en ela, aquela e ele/s), moi esporadicamente na forma do pronome el (e mais do artigo el-) (véxase nota a 637.2), nalgunha asimilación do artigo ou do pronome (véxase notas a 6.32 e 918.11) e, finalmente, en voces co secuencia fonética [ɾl], que é transmitida sistematicamente en BV coa grafía <rll> (véxase nota a 392.9).

  • 18

    Nótese o hipérbato (rio / maior que Auguadalquivir). Canto ao nome do río, que tamén aparece como Aguadalquivir, Guadalquivir e Alquivir nas Cantigas de Santa Maria (véxase Mettmann 1959-1972: IV, s.v.)1 , implica unha anómala sinalefa con que que contradí os usos xerais trobadorescos.

  • 19

    O vocábulo az, forma común no léxico guerreiro medieval, significa ‘tropa, escuadrón, batallón’.

  • 20

    A voz siguazes, isto é, ‘secuaces’, en alusión a que os infanzóns irían na retagarda dos coteifes, é un hapax absoluto na lingua medieval e moderna proposto por Lapa na súa edición; pola súa parte, Lopes, seguida pola segunda versión das cantigas afonsinas de Paredes, propón, con lectura mecánica do manuscrito mais sen apoio etimolóxico e/ou documental, ignazes ‘ignorantes’, como unha hipotética distorsión de ignaros.

  • 20-22

    Nótese o erro de copia en V, que presenta no verso 20 <cões> para infanções, aparecendo con copia moi deficiente mesturado no v. 22 o elemento <rafã> (= infã).

  • 21

    Os rapazes son os criados ou serventes, así chamados pola rapacidade que os caracterizaba.

  • 23

    Mantemos a forma arraizes (cfr. tamén arraiz en 1579.1), a pesar da rima defectuosa con azes e siguazes, que fai referencia a panos (de cor branca) producidos na cidade flamenga de Arraz (act. a francesa Arras)2 . Sobre este tecido véxase Rodríguez Parada (2019: 123-125, s.v. arraz).

  • 25

    Os arminhos fan referencia ás peles dos armiños que vestirían os coteifes.

  • 27

    Os martinhos son ‘combatentes mouros’, tamén presentes noutra cantiga de Afonso X (494.25-27):
            O que se foi con medo dos martinhos
            e a sa terra foi bever-los vinhos
            non ven al maio

  • 29

    Dun modo similar ao que acontece con miscrar ~ mizcrar ~ mezcrar, o adxectivo mesquinho, de orixe árabe, presenta outras dúas variantes fonéticas alén mesquinho (tamén en 370.3, 1672.7): a forma asimilada misquinho en 1440.7, e a variante con africada implosiva mezquinho en 1579.11. Cfr. nota a 370.3.

  • 30

    A expunción da copulativa é necesaria para a correcta medida do verso, que precisa tamén a sinalefa todo‿o.

  • 31

    Como substantivo, cochon alude a un ‘home vil e ordinario’ e, por extensión, tamén a ‘criado, servente’ (en liña con toda a cantiga e nomeadamente co v. 21), cunha forma feminina cochõa (1434.9). É unha voz extremamente pexorativa, que tamén aparece como adxectivo (véxase nota a 371.10).

  • 32

    O adverbio máis, na secuencia intensificadora mui máis seguida de adxectivo, semella a mellor opción para corrixir a hipometría versal.

    En Afonso X o granhon ‘barba’ aparece asociado aos coteifes (véxase tamén 477.1), aínda que esta voz aparece tamén en 478.16, 1613.17 e 1631.6. Fóra de apelativo como sobrenome ou alcume, só o achamos nas Cantigas de Santa Maria (CSM 293.28 grannon, 305.58 grannões; véxase Mettmann 1959-1972: IV, s.v. grannon) e nos Miragres de Santiago: Et entõ tomaras dous dentes et hũu pouquo de granõ et a cabeça darla as aa rreyna dona Orraqua (Pensado 1958: 66).

  • 33

    Os cabrões son, naturalmente, os machos das cabras, así denominados durante a Idade Media, onde só achamos un único rexistro (serodio) de castron nun documento ourensán: Iten, que bendan a quatro diñeiros a libra e que seja a libra de viinte onças e dereita e o carneiro capado a nobe diñeiros e o colludo a VIII diñeiros e o castrón capado a VII diñeiros e o colludo a VI diñeiros e a qabra e ovella a V diñeiros, sub a dita pena (cfr. CGPA, s.v. castrón).

  • 34

    O atambor (tamén en 1375.18 e 20) é o mesmo que tambor.

  1. ^

    Xunto con, aínda, outras formas como Agoa d’Alquiuyr, Agoa d’Elquiuir e Agua do Alquiuir na tradución galega da Crónica de Castilla e da Estoria de España (Lorenzo 1975: 66, 242, 846).

  2. ^

    Co significado de ‘caudillo, xefe, cabaleiro árabe’, arraiz é tamén unha voz homónima que presenta múltiplas variantes: arraz, arraez, orrayaz, arrayaz, arraaz, arraiz (véxase RILG, s.v. arraz; tamén Kremer 2013: 215-218).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado