I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 395); Pellegrini (1969: 23 [= LPGP 598]); Lopes (2002: 274); Littera (2016: II, 54).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 326); Braga (1878: 179); Machado & Machado (1958: VI, 80-81); Lapa (1964: 8); Souto Cabo (2012c: 126-127); Callón (2017: II, 72).
III. Antoloxías: Tavares & Miranda (1987: 275).
3 riiu] run V 9 leixar] Leixor B; mia] ma V 12 arções] arcōes B 13 vencerei] uencey V; enmiigos] enmugos V 14 mia] mlh V
5 ousso] osso Lopes, Littera 10 ousso] osso Lopes, Littera 12 [os]] om. Lapa, Pellegrini, Lopes, Littera; se] assi Lapa, Pellegrini 13 enmiigos] enimigus Pellegrini 15 ousso] osso Lopes, Littera
(I) Sela traidora, en mal día te coñecín, polo teu renxer fuxiume Rodrigo; ríronse o rei e a miña esposa de min: por iso, miña sela, te quero abandonar, e montarei a pelo e farei moi ben.
(II) Sela traidora, polo teu renxer fuxiume Rodrigo, e por iso te quero xa deixar: por iso, miña sela, te quero abandonar, e montarei a pelo e farei moi ben.
(III) De hoxe en diante non usarei esteos nin arzóns, así Deus me valla, e vencerei os meus inimigos: por iso, miña sela, te quero abandonar, e montarei a pelo e farei moi ben.
Esquema métrico: 3 x 10a 10a 10a 10B 12B
Encontros vocálicos: 1 sela‿aleivosa,‿en *ma͜o; 3 mi͜a‿esposa; 6 sela‿aleivosa; 11 oi·ma·is, es·te͜os; 13 en·mi·i·gos
Esta composición está tamén incluída na rúbrica que precede a cantiga UC 1355, e que afecta ás cantigas UC 1355-1366: «Don Lopo Lias trobou a ũus cavaleiros de Lemos; e eran quatro irmãos e andavan sempre mal guisados; e por én trobou-lhis estas cantigas».
Canto á estrutura métrica, achamos que o refrán da cantiga presenta unha combinación de 10+12 sílabas, que pode verse noutras composicións, por exemplo na cantiga 276 (= RM 160:4).
O xeral resultado mao do lat. malum é sistemático cando vai posposto ao nome, mais convive coa forma con perda de vogal final por posición proclítica (mal) en certos sintagmas. No que a pecado di respecto, mao pecado é solución minoritaria verbo de mal pecado, do mesmo xeito que se rexistra mao dia (vs. mal dia) e mao preço ou mao prez (vs. mal preço, mal prez).
Canto á medida do verso, e para alén das dúas sinalefas, a única posibilidade de considerar un decasílabo é o cómputo unisilábico de mao, feito non imposíbel pola relativa frecuencia desta medida na aglutinación ao (véxase nota a 336.8).
Ir en ousso é ‘cabalgar a pelo, sen albarda ou sela’. Para esta rara voz só achamos tres documentacións, todas elas relativamente tardías. A primeira, no Livro de Ensinança de Bem Cavalgar Toda Sela, de D. Duarte:
Capitullo sexto Do cavalgar em ousso e bardom. Quynto, cavalgar sem estrebeiras em bardõoes, ou todo em ousso. E aquestes tẽe toda sua meestria no apertar das pernas, e teersse dereito (Piel 1986: 19).
Achamos que o ilustre filólogo erra cando relaciona ousso con osso, sen dúbida condicionado pola semántica de ousso; eis a súa nota explicativa na edición: “A grafia ousso reflecte, salvo êrro, a pronúncia fechada do o, que contrasta com o timbre aberto no plural”.
A segunda ocorrencia encóntrase no Tratado d’Alveitaria do Mestre Giraldo, no cap. XII, sobre os modos de “meter o freo” ao cabalo:
E desque for husado do ffreo deytemlhy saco ou pano ligeiro per dous dias e tragãno mansso pellos campos. E depois caualguem em elle hũ homem ligeiro em ousso com uara e sem esporas e tragao em muj pequeno passo e hũu homem ante ell e esto seia cada dia manhaa e serão (Pereira 1909: 13).
A terceira atestación de cavalgar em ousso comparece nos Evangelhos e Epístolas com suas Exposições em Romance (tamén, significativamente, a voz foi lematizada polo editor do texto en osso):
E hijndo os discipollos fezerõ como lhes mãdara Jhesu e trouxerom a asna e o burrinho e poserom sobre elles suas vistiduras e assentarõno ençima. Esta foy a reuerença que fezerom os discipollos a xpisto que nõ o leixarõ caualgar em ousso mas ante em lugar de sella lhe poserõ de baixo seus vistidos (Machado 2008-2013: 597).
Probabelmente, a súa orixe resida na voz aussus ‘vélaro, pel curtida de ovella’, talvez usado como alternativa á sela. Véxase o Glossarium de Ducange.
Neste sentido, resulta certamente discutíbel a reconversión de ousso en osso por parte de Lopes e Littera, que, por outra parte, indican o significado correcto, xa en Lapa.
Aínda que, en principio, ma é tamén unha forma correcta para o posesivo átono feminino (véxase nota a 104.18), débese advertir que, en xeral, a forma ma é produto dun erro de copia, como mostran as varias leccións <m\h/a> ou <m\h/as> dos apógrafos italianos: 599.13, 678.8, 966.8, 984.1, 1009.1, 1297.1. Para alén disto, en xeral a forma ma(s) aparece só nun dos cancioneiros, fronte aos restantes testemuños manuscritos coa forma <mia> ou <mha>: B vs. A (190.r1 na estrofa II, 197.9), AB vs. V (403.14, 404.1), V vs. B (505.3, 506.13 e 21, 554.10, 556.9, 557.17, 604.r2, 605.4 e 10, 609.4, 625.1, 636.1, 794.9, 859.3, 887.5 e r1 nas estrofas I-III, 966.8, 970.12, 992.3, 1000.16, 1002.r2 na estrofa III, 1165.r2 na estrofa I, 1453.4 e 7, 1457.3, 1459.r1 e r2 na estrofa II, 1468.1, 1469.2, 1470b.6, 1483.r), AV vs. B (887.5 e r1 nas estrofas I-III), e B vs. V (548.5, 632.1, 634.13, 645.9, 690.1, 1363.r2 na estrofa II).
Consideramos que o verso computa como decasilábico (oi·ma·is), pois existen indicios suficientes para considerar que a contaxe bisilábica de mais ~ máis era un feito na lingua trobadoresca, nomeadamente a partir da análise das leccións manuscritas de preto dun centenar de pasaxes que apoian tal consideración métrica (Ferreiro 2016c).
Con relación á palabra rimante esteos (do lat. sty̆lum ‘columna, estaca, punzón, estilo’, procedente do grego), debe ser subliñado o feito de aparecer en rima con Deus e meus, voces monosilábicas con ditongo [ɛws], en principio. A existencia da rima esteos : Deus : meus suxire que meus e Deus xa podían funcionar con ditongo con fechazón vocálica ([ews]), ao tempo que implica unha pronuncia bisilábica de esteos. De calquera forma, esta serie fónica constitúe unha anomalía rimática no conxunto do corpus lírico profano.
Perante a hipometría versal semella necesario reintegrar unha sílaba, que ben podería ser ar a teor do contexto gráfico (*Des oimais non tragerei esteos / nen [ar] arções, ...). Porén, non achamos no corpus que esta partícula intensificadora poida aparecer sen a correspondente forma verbal; é por isto que non achamos mellor alternativa que a reintegración do artigo constitúe a máis directa solución ecdótica.
A palabra enmiigos constitúe un dos resultados medievais de ĭnĭmīcum, de contaxe cuatrisilábica en calquera caso.