6 [= RM 13,2]
Pois mi non val d’eu muit’amar

Pois mi non val d’eu muit’amar
a mia senhor, nen a servir,
nen quan apost’eu sei negar
o amor, que lh’ei a ‘ncobrir,
e ela, que me faz perder
que mi-o non poden entender,
ja eu chus non a negarei,
vel saberan de quen tort’ei:
da que á melhor semelhar
de quantas no mund’ome vir,
e máis [manso sabe falar]
das que ome falar oir;
non vo-la ei chus a dizer,
[e] quen-quer xa pod’entender:
ja chus seu nome non direi,
ca a feito mi-a nomeei.
E quen ben quiser trastornar
per todo o mund’e ferir
mui festinho xi-a pod’achar,
ca, por vos ome non mentir,
non á ela tal parecer
con que s’assi possa asconder:
per como a eu dessinei
acha-la-an, cousa que sei.
Os que me soian coitar
foi-lhes mia senhor descobrir:
ja mi ora leixarán folgar,
ca lhis non podia guarir,
ca ben lhe-la fiz conhocer
porque me non quis ben fazer;
e tenho que ben me vinguei,
pois-la en concelho averg[o]n[h]ei.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 
 
30
 
 

Manuscrits


B 6

Éditions


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 637-638 [= LPGP 118-119]); Miranda (2004: 140-141); Montero Santalha (2007: 22-23); Cohen (2010b: 14); Littera (2016: I, 119).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 9); Machado & Machado (1949: I, 43-44); García (2001: 14); Rios Milhám (2017: I, nº 6).
III. Antoloxías: Nunes (1959: 230-231); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 25-26); Magalhães (2007: 113).

Variantes manuscrites


1 Pois] Pors B   10 quantas] quanta e no B   18 todo o] tedeo B   23 dessinei] dessmey B   25 Os] Or B   26 foi] Fai B   32 pois-la en concelho averg[o]n[h]ei] Poyslla en concelho auey guey B

Variantes éditoriales


4-5 o amor, que lh’ ei, [e] a ‘ncobrir / a ela que me faz perder Michaëlis : o amor que lh’ei ancobrir / e ela que me faz perder Miranda : amor que lh’ ei <e m’> encobrir / dela, que me faz <sen> perder Cohen : o amor que lh’ hei [e] ‘ncobrir / ([a] ela, que me faz perder!) Montero Santalha   6 que] ca Cohen; poden] pode Miranda, Cohen; [o sem, non me quer i valer] Littera   11 manso sabe falar] mansa sabe falar Michaëlis : om. Miranda, Cohen   14 [e]] om. Michaëlis, Miranda; [ca] Cohen, Littera; pod’] pode Michaëlis : pod[e] Miranda   16 ca a feito] c(a) a feito [ja] Michaëlis   18 per] por Miranda; todo o] tod(o) o Michaëlis : todo[l]o Miranda : todo Littera; mund’e] mundo, e Michaëlis; ferir] [re]ferir Montero Santalha; [in]querir Littera   20 vos] vus Michaëlis   22 possa] poss(a) Michaëlis   26 foi] fui Montero Santalha   27 leixarán] leixaran Michaëlis : leixaram Miranda   32 pois-la] pois l(a) Michaëlis : pois lla Miranda : poi-la Montero Santalha; concelho averg[o]n[h]ei] concelh(o) averigüei Michaëlis : concelho averigüei Montero Santalha : concelho avoguei Miranda : concelh'avoguei Littera

Paraphrase


(I) Pois de nada me vale amar moito á miña señora, nin servila, nin o ben que eu sei negar o amor, que lle teño que ocultar, e (non me vale) ela, que me fai perda, do cal non poden entender a causa, xa eu non a negarei máis e polo menos saberán de quen recibo tal agravio: (II) da máis bela de todas cantas alguén viu no mundo e da que máis docemente sabe falar de entre as que alguén ouviu falar. E non vola describirei máis, pois calquera se pode decatar de quen se trata: xa máis non direi o seu nome, porque xa a nomeei a feito.  

(III) E quen a quixer importunar e atacala axiña poderá achala, porque –non vos mentirei– non ten ela un aspecto tal que se poida esconder, e por como eu a describín han de a achar, diso teño a certeza.  

(IV) A aqueles que adoitaban importunarme descubrinlles a identidade da miña señora: agora xa me deixarán descansar, pois era incapaz de me librar deles, pois ben fixen que a coñecesen, porque ela non me quixo facer ben; e creo que me vinguei ben dela, xa que a avergoñei en público.

Métrique


Cantiga de amor, do tipo de mestría. O texto está constituído por catro estrofas unissonans de oito octosílabos agudos.

Esquema métrico: 4 x 8a 8b 8a 8b 8c 8c 8d 8d (= RM 107:3)

Encontros vocálicos: 6 mi-‿o; 16 mi-‿a; 19 xi-‿a; 22 possaasconder; 25 so·i·an; 27 miora; 32 pois-laen concelhoaverg[o]n[h]ei

Notes


Texte
  • 4

    Fronte ás diversas opcións editoriais, todas elas con emenda da lección manuscrita ou coa fixación dunha forma inexistente como ancobrir (Miranda), mantemos o texto do manuscrito coa perífrase verbal aver + a + infinitivo. O verbo encobrir presenta elisión da vogal inicial e- (cfr. tamén en 261.11: a ‘ncobrir), do mesmo modo que outras voces foneticamente similares que se poden achar ao longo do corpus, sempre após vogal a: endurar: coita ‘ndurar (155.r2, 195.15 e 18); ensandecer: querria ‘nsandecer (182.7), a nsandecer (182.16), ela ‘nsandeci (389.5); entender: ela ‘ntendi (1092.9), podia ‘ntender (1249.9). A mesma elisión pode verse en a ‘ndar (700.r2) e mais en ela ‘nton (1400.5), para alén doutros encontros con crases similares. Véxase nota a 18.16, 51.1, 73.19, 358.21, 878.1.

  • 5

    Interpretamos ela como CD, paralelo a amor, dependente de negar, isto é, ‘non me socorre o amor, que eu lle oculto, nin ela, que me fai perder...’. Na lingua trobadoresca, ao igual que acontece co CI (véxase nota a 5.2), tamén as formas pronominais oblicuas en función de CD poden aparecer sen preposición (cfr. nota a 10.1).

  • 6

    Parece innecesaria a emenda para singular en poden, xa que a forma verbal se debe referir de modo xenérico a aqueles que preguntan polo nome da dona. Pola súa parte, non ten sentido ningún a refacción completa do verso en Littera.

  • 7

    O adverbio chus, procedente do lat. plūs, entrou en competencia con máis (< magĭs) e xa mostra o seu carácter regresivo na lingua trobadoresca, pois só se atesta, para alén desta cantiga (tamén nos vv. 13 e 15), noutras cinco composicións (123.16, 492.23, 770.1, 1400.20, 1439.10).

  • 8

    Aínda que conta con máis atestacións que chus, vel móstrase tamén regresivo, sobre todo fronte a partículas como ar e ou. Véxase, así, a significativa mudanza que se rexistra nos apógrafos italianos en relación á presenza de vel no Cancioneiro da Ajuda: 237.11 (vel A vs. ar B); 982.17 (vel A vs. ou BV).

  • 10

    A lección de B permitiría unha interpretación diferente: quant’ á e no mund’ ome vir (‘canto existe e se pode ver no mundo’). Mais a repetida aparición no corpus da mesma idea expresada de xeito moi semellante á desta cantiga desaconsella optar por seguir de modo fiel o manuscrito e, por conseguinte, considerar a existencia dun erro <e>/<s> en B (véxase, por exemplo, <quie> quis en 90.3).

  • 11

    A lacuna textual neste verso, explicábel por homoioteleuton (uir ... oyr), pode ser suplida con certa verosemellanza a partir da estrutura rimática e de contextos similares noutras cantigas. Cfr. tanto a vi fremoso parecer / e falar mans’e fremos’e tan ben (269.4-5), Bon doair’avedes e manso falades (1568.4).

  • 12

    Oir é, obviamente, forma de futuro de subxuntivo paralela a vir (v. 10).

  • 14

    Non rexistramos no corpus trobadoresco ningún caso de hiato de pode con palabra iniciada por vogal e-, ao tempo que a secuencia pode entender forma sempre sinalefa (639.18, 1329.6). Deste modo, a copulativa acae ben, métrica e sintacticamente, no contexto para nivelar a métrica do verso (cfr. nota a 5.4).

  • 16

    A locución adverbial modal a feito conta con poucas documentacións no corpus trobadoresco: 1201.9, 1334.16, 1405.3, 8 e 15.

  • 17

    Trastornar é máis outra voz escasa na lingua trobadoresca, pois só volve aparecer en 1654.18.

  • 18

    É verdadeiramente incomprensíbel a lección todo[l]o de Miranda, por canto tal forma só podería ser produto do encontro do plural todos co pronome identificador masculino; neste caso, todo é, obviamente, singular.

  • 19

    O adverbio festinho ‘de présa, axiña’ tamén é de uso moi restrito na lingua medieval, en liñas xerais, e en particular na lingua das cantigas profanas (só se rexistra en 1651.14). Parece unha voz exclusivamente poética, pois só a achamos, para alén da lírica profana, na lírica relixiosa (véxase CSM 43.47, CSM 406.56).

  • 20

    A frecuente frase formularia por non mentir, que permite a interpolación de diversos elementos (por vos non mentir, por vos eu non mentir etc.), equivale a outras expresións de certeza, como per bõa fe, de pran etc. Neste caso presenta a forma por vos ome non mentir, que non volve aparecer no corpus. Véxase tamén 25.19, 92.6, 113.16.

  • 23

    Neste verso aparece o único rexistro de dessinar ‘describir, dar os sinais de alguén’ da poesía profana galego-portuguesa (cfr. nota a 479.1).

  • 25-26

    Nótese a presenza de un dos moitos anacolutos presentes nas cantigas, con concordancia ad sensum: «Aos que ... fui eu...».

  • 26

    A forma foi é tamén P1 de pretérito de seer (e de ir): a pesar de que en xeral se estabelece unha oposición P1 / P3, fui (< fŭī) / foi (< fŭĭt), pola acción metafónica de -ī final nalgúns pretéritos fortes (cfr. tamén fiz vs. fez, sive vs. seve, tive vs. teve etc.), foi pode ser tamén resultado de P1, o mesmo que fui aparece esporadicamente como forma de P3 (sen efecto metafónico, por tanto, ou con xeneralización analóxica de unha ou outra persoa).

  • 29

    Repárese na presenza da solución lhe-la para o conglomerado pronominal do CI lhes co CD o(s)/a(s). Tal aparición é un feito inusual no corpus, onde só se rexistra en sete cantigas (170.2 e 17, 199.19, 290.8, 886.9, 910.15, 1117.7)1 , tal como acontece actualmente na maior parte do territorio galego-portugués, coa neutralización lho(s)/lha(s).

  • 32

    A interpretación de Cohen (avergonhei) pode xustificarse do punto de vista paleográfico; os erros de copia en <auey guey> poden ter relación co <uinguey> final do verso anterior, e máis aínda tendo en conta a banal confusión <u>/n>, a ausencia de <h> na grafía <nh> e mais o erro <y>/<r> en que os copistas de B incorren con frecuencia: <moytal> mortal (382.17), <foy d’s> fordes (457.11), <podey> poder (1468.10), <poy> por (1491.4), <ꝑdey> perder (1590.15), <dayã> daran (1615.18) etc. E, por outra banda, avergonhei é moi coherente coa expresión en concelho (véxase infra), sen que existan problemas métricos, xa que se pode considerar a existencia de dúas sinalefas: -la‿en e concelho‿avergonhei. Ademais, avergonhar, de escasa aparición na poesía profana (146.30), volta a aparecer no mesmo trobador (7.5 e 24).
    A secuencia <s-l> (e <r-l>) en que está implicada a forma arcaica lo(s) ~ la(s) do pronome identificador (artigo ou pronome) no encontro con certos vocábulos acabados en -s (ou -r) debe ser lida como [l], independentemente de que a grafía presente a forma máis antiga (véxase tamén nota a 83.21 e 139.2). No corpus trobadoresco profano, o pronome identificador sofre asimilación fonética xeral con diversos elementos lingüísticos (pronomes, adverbios, conxuncións, e con algúns nomes e/ou participios; véxase nota a 5.10), especialmente con pois. En calquera caso, nótese como para a consoante lateral é utilizada a grafía <ll> en <Poyslla>, de igual maneira que se rexistra noutra ocasión <poyllo> (1337.18) e, mesmo, formas do tipo <pello> para o encontro da preposición por ~ per co artigo (1346.2, 1448.5), grafías arcaizantes que mostran nos apógrafos italianos restos visuais da asimilación fonética producida en período protorománico e que a produción prosística conserva con moita frecuencia. Véxase nota a 29.22. Cfr. nota a 87.9.

    Finalmente, a expresión en concelho (‘publicamente’)2 constitúe unha locución adverbial que se reitera no corpus (véxase tamén 470.3, 983.13, 1552.19, 1612.8), coa variante a concelho (629.8).

  1. ^

    Para alén do encontro de lhes co artigo feminito en 1562.9: mais quer-lhe-la malada esnarigar.

  2. ^

    Na Crónica Troiana, así como noutras obras medievais, é moi frecuente a expresión en praça, sinónima de en concello (véxase CGPA, s.v. en praça ~ em praça). Esta expresión presenta tamén a variante de praça, frecuente nas crónicas de Fernan Lopez (véxase CGPA, s.v.) e noutras obras, como a tradución da Confessio Amantis (véxase Faccon 2012: 307) ou a Estoria de Dom Nuno Alvrez Pereyra (véxase «Glossario» en Calado 1991: s.v. praça).

Rechercher
    Aucun résultat trouvé