986 [= Tav 120,35]
Pois de mia morte gran sabor avedes

Pois de mia morte gran sabor avedes,
senhor fremosa, máis que d’outra ren,
nunca vos Deus mostr’o que vós queredes,
pois vós queredes mia mort’, e por én
rog’eu a Deus que nunca vós vejades,
senhor fremosa, o que desejades.
Non vos and’eu per outras galhardias,
mais sempr’aquesto rogarei a Deus
en tal que tolha El dos vossos dias,
senhor fremosa, e enada nos meus:
rog’eu a Deus que nunca vós veja[des,
senhor fremosa, o que desejades].
E Deus, [que] sabe que vos am’eu muito
e amarei enquant’eu vivo for,
El me leix’ante por vós trager luito
ca vós por mí; [e] por én, mia senhor,
rog’eu a Deus que nunca vós vejades,
[senhor fremosa, o que desejades].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 

Manuscritos


B 984, V 571

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: 892-893); Panunzio (1992 [1967]: 93-94 [= LPGP 782]); Lopes (2002: 390); Littera (2016: II, 289).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 205); Braga (1878: 109); Machado & Machado (1953: IV, 366); Fernández Pousa (1956: 812-813); Juárez Blanquer (1988: 110-111).
III. Antoloxías: Piccolo (1951: 149); Álvarez Blázquez (1975: 44-45); Mongelli & Maleval & Vieira (1995: 100).

Variantes manuscritas


3 mostr’o] nostro V   8 Deus] des V   9 vossos] uossus V   10 nos] uꝯ BV   14 enquant’eu] enq̄nteu V

Variantes editoriais


3 vos] vus Michaëlis, Panunzio   7 vos] vus Michaëlis, Panunzio; per] por Lopes   9 dos vossos] dus vossus Panunzio : de vossos Michaëlis   10 fremosa] fremos(a) Michaëlis; enada] e[m] nada Lopes, Littera; nos] nus Panunzio : dos Lopes   13 vos] vus Michaëlis, Panunzio   15 por] per Panunzio   16 por] per Panunzio; por] per Panunzio

Paráfrase


(I) Xa que tendes un gran desexo da miña morte, señora fermosa, máis que de calquera outra cousa, nunca Deus vos mostre o que vós queredes, pois vós queredes a miña morte, e por iso rogo eu a Deus que nunca vós vexades, señora fermosa, o que desexades.
(II) Non penso eu noutras gallardías, mais sempre lle rogarei isto a Deus para que El diminúa (o número) dos vosos días, señora fermosa, e acrecente os meus: rogo eu a Deus que nunca vós vexades, señora fermosa, o que desexades.
(III) E Deus, que sabe que eu vos amo moito e amarei en canto estiver vivo, El me deixe traer loito por vós antes que a vós por min; e por iso, miña señora, rogo eu a Deus que nunca vós vexades, señora fermosa, o que desexades.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10’a 10b 10’a 10b 10’C 10’C (= Tav 99:33)

Encontros vocálicos: 10 fremosa,‿e

 

Notas


Texto
  • 7

    A voz galhardia (‘gallardía, esforzo’) non volve aparecer no corpus trobadoresco nin tampouco se rexistra nos bancos de datos medievais, embora se ateste Gallardo como antropónimo. O termo é empregado aquí con ironía, nun texto anticanónico que no seu conxunto constitúe unha trivialización do tópico da morte por amor.

  • 9

    A grafía -us de <uossus> en V aparece case exclusivamente en formas verbais de P4 e nomes masculinos plurais. A súa esporádica presenza, limitada aos apógrafos italianos, mostra que é produto do desenvolvemento da abreviatura <9> en posición final, abreviatura herdada do latín, onde funcionaba como desinencia de nominativo nos nomes da segunda declinación, rematados en -us.

  • 9-10

    Estes versos lembran dúas cantigas (959 e 960) de Joan Airas de Santiago.

  • 10

    O verbo enader ‘engadir, acrecentar’ non dispón de máis atestacións na lingua das cantigas profanas, para alén da aparición da variante ader, de carácter dubidoso, nunha cantiga de Afonso X (478.30); porén, o uso de enader ~ ẽader (coa variante gráfica emader, de carácter tardío) é de uso frecuente. De calquera modo, a intrusión ecdótica de Lopes e de Littera (em, nada) non é admisíbel por unha anómala construción *tolher en nada en:
              em tal que tolha El dos vossos dias,
              senhor fremosa, e e[m] nada nos meus.

  • 16

    A hipometría versal resólvese perfectamente coa conxunción copulativa, en liña co v. 4: pois vós queredes mia mort’, e por én / rog’eu a Deus...

Buscar
    Non se atopou ningún resultado