704 [= RM 79,25]
Fui eu, madre, lavar meus cabelos

Fui eu, madre, lavar meus cabelos
a la fonte e paguei-m’eu delos
e de mí, louçana.
Fui eu, madre, lavar mias garcetas
a la fonte e paguei-m’eu delas
e de mí, [louçana].
A la font[e] e paguei-m’eu deles,
alo achei, madr’, o senhor deles
e de mí, [louçana].
[E], ante que m’eu d’ali partisse,
fui pagada do que m’el[e] disse
e de mí, [louçana].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 

Manuscritos


B 689, V 291

Ediciones


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 112 [= LPGP 536]); Cohen (2003: 174); Littera (2016: I, 614).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 117); Braga (1878: 56); Machado & Machado (1952: III, 364-365).
III. Antoloxías: Cidade (1941: 23-24); Nemésio (1961 [1949]: 86); Álvarez Blázquez (1975: 119); Torres (1977: 180); Correia (1978: 166); Reckert & Macedo (1980: 120); Fiúza (1981: 41-42); Gonçalves & Ramos (1983: 171); Beltrán (1987: 48); Jensen (1992: 172); Alonso Girgado (1992: 69); Mongelli & Maleval & Vieira (1995: 168); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 126); Diogo (1998: 133-134); Arias Freixedo (2003: 540-541); Mongelli (2009: 115); Souto Cabo (2017: 142); Corral Díaz & Vieira (2023: 176); Gutiérrez (2023: 87, 311).

Variantes manuscritas


1 lavar meus cabelos] iauar me9 / capel9 B : lauar me9 cabelus V   2 e] om. B   3 louçana] louçana E B : louçana e V   4 mias] nihas B; garcetas] garceras V

Variantes editoriales


3 louçana] louçãa Nunes   6 louçana] louçãa Nunes   9 louçana] louçãa Nunes   10 [E]] om. Nunes; m’eu] m[e] eu Nunes   11 m’el[e]] m[e] el Nunes   12 louçana] louçãa Nunes

Paráfrasis


(I) Fun eu, madre, lavar os meus cabelos á fonte e sentinme orgullosa deles e de min, louzá.

(II) Fun eu, madre, lavar as miñas trenzas á fonte e sentinme orgullosa delas e de min, louzá.

(III) Á fonte, e sentinme orgullosa deles; aló achei, madre, o señor deles e de min, louzá.

(IV) E antes de que eu me fose de alí, sentinme orgullosa do que me el dixo e de min, louzá.

Métrica


Esquema métrico: 4 x 9’a 9’a 5’B (= RM 26:99)

Notas


Texto
  • *

    A cantiga inicia un desenvolvemento en leixa-pren, mais abandona bruscamente este procedemento na estrofa conclusiva (estrofa IV). Se o leixa-pren obriga a unha evolución gradual do contido, con esta ruptura intencionada do esquema habitual deste procedemento, o autor consegue destacar intensamente o motivo tratado neses versos: as palabras laudatorias que o amigo lle dirixiu e das que se sentiu orgullosa.

    Nesta cantiga, ademais, encontramos combinados dous elementos simbólicos que lle confiren un forte carácter erótico. Por un lado, o motivo do manancial ou fonte, lugar onde ancestralmente se celebraban ritos pagáns de fertilidade, que é símbolo universal de fecundidade e tamén, tradicionalmente, lugar propicio para o encontro amoroso. Por outro lado, o simbolismo sensual do propio acto de lavar o cabelo en presenza do amigo. O cabelo simboliza a sensualidade da muller virxe, doncela, que unha vez casada debía, por lei, ocultalo cunha touca.

    Nesta cantiga, a muller que expón e exhibe a súa sensualidade lavando o cabelo, é moi consciente do poder erotizante desa acción.
    A acción de lavar os cabelos na fonte aparece noutras dúas cantigas de Pero Meogo (1204 e 1205).

  • 1

    É relativamente frecuente no Cancioneiro da Vaticana a presenza da terminación -us en voces en que é xeral a terminación -os (<cabelus>); na realidade, esta grafía aparece case exclusivamente en formas verbais de P4 e nomes masculinos plurais. A súa esporádica presenza, limitada aos apógrafos italianos, mostra que é produto do desenvolvemento da abreviatura <9> en posición final, abreviatura herdada do latín, onde funcionaba como desinencia de nominativo nos nomes da segunda declinación, rematados en -us.

  • 2

    Neste verso, igual que nos vv. 5 e 7 por efecto do paralelismo, evidénciase a conservación de /l/ nunha forma do artigo na procura dunha retórica arcaizante na elaboración de cantigas de amigo (véxase Ferreiro 2008, 2013), tal como acontece tamén noutras cantigas (587, 609, 735, 781, 825, 864, 891, 892, 903, 969, 1130, 1166, 1167, 1169, 1201, 1206, 1281, 1294, 1297, 1299, 1304 e 1314) e do mesmo xeito que acontece coas correspondentes formas pronominais (cfr. nota a 586.5).

    Outrosí, nótese a presenza de elos, unha rara forma pronominal que responde á súa base etimolóxica (do lat. ĭllōs) e que ficou arrecantada na lingua pola forma innovadora eles, que mostra unha formación plural secundaria (ele-->eles). En calquera caso, elos volve aparecer noutras dúas cantigas de amigo de teor arcaizante (de Joan Zorro e de Pero Meogo), tamén en rima con cabelos:

    Cabelos, los meus cabelos, 
    el-rei me enviou por elos (1166.2).

    E con sabor delos 
    lavei meus cabelos, 
    meu amigo (1205.10).

  • 3

    A forma louçana, como outras que aparecen con frecuencia nas cantigas de amigo, mostra a conservación de -n- intervocálico, sen dúbida como decoración arcaizante propia deste xénero (véxase Ferreiro 2008b), aínda que pode moi esporadicamente aparecer tamén noutro tipo de composicións (véxase 429.r8 e 473.4).

    A copia do refrán nesta primeira estrofa semella indicar o inicio dunha repetición da copia (coa reiteración da copulativa que principiaría outro verso) que se manifesta tamén noutras composicións. Véxase, por exemplo, as cantigas 781 (Afonso Sanchez) ou 813 (Paaio Gomez Charinho).

  • 4

    As garcetas son ‘porcións de cabelos entrelazados’, e, por extensión, os propios cabelos: inicialmente debía designar o copete de plumas que cobre a cabeza da garza, voz de que deriva garceta. Alén de Soarez Coelho, as garcetas só volven ter presenza en textos de Joan Zorro (1166.5) e Pero Meogo (1205.8), sen que reaparezan na produción galego-portuguesa nin tampouco na produción posmedieval. Polo contrario, en castelán é termo que se localiza no século XIV (véxase CORDE, s.v.) e posteriormente tivo un limitado uso que é consagrado na lexicografía posterior. Primeramente, é recollido por Covarrubias: «GARCETAS, cierto genero de cabelleras, o coletas, que antiguamente ſe vſauan: estas trahian los muchachos hasta que se hazian mancebos» (Covarrubias Orozco 2006: s.v.); e despois aparece tamén no Diccionario de Autoridades: «Se llama tambien el pelo que de la sién cae a la mexilla, y allí se corta, o el que se forma en trenzas, que tambien llamaban coletas» (Real Academia Española 1726-1739: s.v.).

  • 4-5

    Na cantiga de Joan Soarez Coelho, este dístico presenta rima asoante ou toante que se rexistra nun grupo significativo das cantigas de amigo (ou similares), todas elas de teor tradicionalizante. Véxanse diversas composicións de Don Denis (583, 584, 585, 586, 606, 609), Fernan Rodriguez de Calheiros (647), Nuno Fernandez Torneol (656), Afonso Sanchez (781), Paai Gomez Charinho (813839), Meendinho (848), Airas Nunez (864870), Roi Fernandiz de Santiago (903), Pero Gonçalvez de Portocarreiro (920922), Nuno Porco (1130), Joan Zorro (1161, 1163, 1165, 1166, 1167, 1168, 1169, 1170), Pero Meogo (1204, 1205, 1206, 1208), Martin de Giinzo (1287, 1288, 12891290, 1291), Martin Codax (1295, 1296, 1297, 1298, 1300), Fernand’Esquio (1314).

  • 7-8

    Nótese a repetición da palabra rimante (eles) nestes dous versos, feito que, en principio, constitúe unha anomalía na métrica trobadoresca, sen relación con algúns artificios construtivos na rima. Tal reiteración rimática obsérvase esporadicamente ao longo do corpus: 14.48-50 (poderia), 524.9-11 (ei), 734.19-20 (i), 783.22-23 (son), 821.16-17 (al), 838.7-11 (é), 879.19-20 (al), 923.10-11 (ei), 926.22-25 (ei), 935.18-20 (i), 1034.7-9 (quiser), 1043.14-15 (al), 1329.15-21 (vista), 1354.r1-r2, 1366.12-15 (i), 1387.10-14 (treedor), 1388.1-7 (talharon), 1400.23-24 (arteira), 1470b.12-13 (én), 1477.23-25 (ali), 1506.2-3 (cantar), 1535.18-21 (i), 1540.14-18 (i), 1549.19-20 (én), 1633.8-14 (capa).

  • 10

    É relativamente frecuente a omisión da copulativa inicial de estrofa (e de fiinda ou de verso) nos manuscritos, feito que nos permite neste caso restaurar a isometría versal. Casos semellantes documéntanse en 106.8, 151.7, 157.7, 163.11, 261.13, 293.8, 294.7 e 13, 332.7, 408.7, 447.7, 448.8, 490.19, 586.11 etc.

  • 11

    A opción de Nunes por unha secuencia m[e] el contradí a práctica xeral da sinalefa nun tal contexto, para alén de quebrar o padrón acentual da cantiga.

Buscar
    Sin resultados