[últ. rev.: 08/10/2021]Imprimir

1204 [= Tav 134,5]
[Levou-s’aa alva], levou-s’a velida

[Levou-s’aa alva], levou-s’a velida,
vai lavar cabelos na fontana fria,
leda dos amores, dos amores leda.
[Levou-s’aa alva], levou-s’a louçana,
vai lavar cabelos na fria fontana,
leda dos amores, dos [amores leda].
Vai lavar cabelos na fontana fria;
passou seu amigo, que lhi ben queria,
leda dos [amores, dos amores leda].
Vai lavar cabelos na fria fontana;
passa seu amigo, que [a] muit’a[ma]ava,
leda dos a[mores, dos amores leda].
Passa seu amigo, que lhi ben queria;
o cervo do monte a augua volvia,
leda dos a[mores, dos amores leda].
Passa seu amigo, que a muit’amava;
o cervo do monte volvia [a] augua,
leda [dos amores, dos amores leda].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 

Manuscritos


B 1188, V 793

A orde estrófica nos cancioneiros é I-II-III-V-VI-IV, tendo en conta que no Cancionerio da Vaticana falta a estrofa VI.

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 375-376); Méndez Ferrín (1966: 159-160 [= LPGP 873-874]); Azevedo Filho (1995 [1974]: 63); Cohena (2003: 421); Cohenb (2014 [2013]: 42); Littera (2016: II, 412).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 272-273); Braga (1878: 149); Bell (1922: 259-260); Machado & Machado (1956: V, 287-288); Montero Santalha (2004); Vieira & Morán Cabanas & Souto Cabo (2015: 155); Arbor Aldea & Santiago Gómez (2019: 82).
III. Antoloxías: López-Aydillo (1914: 50); De las Casas (1928: 41-42); Cidade (1941: 27-28); Seoane (1941: 49-50); Nemésio (1961 [1949]: 177-178); Varela Jácome (1953: 28-29); Nunes (1959: 373-374); Martín Gaite & Ruíz Tarazona (1972: 63-65); Álvarez Blázquez (1975: 210-211); Landeira Yrago (1975: 101-102); Torres (1977: 359-360); Correia (1978: 154-156); Reckert & Macedo (1980: 101); Fiúza (1981: 37-38); Gonçalves & Ramos (1983: 268); Beltrán (1987: 77); Dobarro Paz et alii (1987: 97-98); Alvar & Beltrán (1989: 353); Tavani (1989: 1); Pena (1990: 94-95); Jensen (1992: 334); Alonso Girgado (1992: 44); Delgado León (1996: 117-118); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 216); Diogo (1998: 238-239); Morán (1999: 63-64); [Morán] (2001: 75-76); Arias Freixedo (2003: 791-792); Alvar & Talens (2009: 576); Dunne (2010: 28-30).

Variantes manuscritas


1 velida] uenda V   3 dos] dus V   4 louçana] loucana B   7 na] (na) / na V   11 muit’a[ma]va] muytauꝯ V   15 dos] do B   16 amava] amana B   17 volvia] noluya B

Variantes editoriais


Nunes e Méndez Ferrín editan a cantiga en pentasílabos graves.

1 Levou-s’aa alva] Levou-s’a louçana Nunes, Méndez Ferrín, Azevedo Filho   4 Levou-s’aa alva] Levou-s’a velida Nunes, Méndez Ferrín, Azevedo Filho   8 passou] passa Nunes   11 [a] muit’a[ma]ava] muit’a amava Méndez Ferrín : a muit’ama Nunes : a muit’amava Azevedo Filho   16 muit’] muito Méndez Ferrín; amava] ama Nunes

Paráfrase


(I) Levantouse á alba, levantouse a bela, vai lavar os cabelos na fonte fría. Leda dos amores, dos amores leda.

(II) Levantouse á alba, levantouse a louzá, vai lavar os cabelos na fonte fría. Leda dos amores, dos amores leda.

(III) Vai lavar os cabelos na fonte fría; pasou o seu amigo, que a ben quería. Leda dos amores, dos amores leda.

(IV) Vai lavar os cabelos na fonte fría; pasa o seu amigo, que a moito amaba. Leda dos amores, dos amores leda.

(V) Pasa o seu amigo, que a ben quería; o cervo do monte avolvía a auga. Leda dos amores, dos amores leda.

(VI) Pasa o seu amigo, que a amaba moito; o cervo do monte avolvía a auga. Leda dos amores, dos amores leda.

Métrica


Esquema métrico: 6 x 11’a 11’a 11’B (= Tav 26:56)

Notas


Texto
  • *

    Esta composición mostra unha intensa intertextualidade (alusiva) coa cantiga «Levantou-s’a velida» de Don Denis (nº 586). Véxase Gonçalves (2016 [1992]: 230-231.)

    Como noutras cantigas da serie de Pero Meogo tamén neste caso se utilizan elementos con valor simbólico erótico. O cabelo da doncela representa simbolicamente a súa sensualidade, aquí exposta perante o amigo no rito íntimo e erotizante de lavalo no manancial onde xorde a auga (símbolo ancestral de fecundidade). A imaxe do cervo, símbolo da sexualidade masculina, a revolver a auga clara, é unha metáfora alusiva a unha relación sexual entre a moza, leda de amor, e o seu amigo.

    A arquitectura do leixa-pren indica a necesidade de recolocar a estrofa IV, que nos apógrafos italianos aparece copiada no final da composición.

    Por outra parte, varias das cantiga de amigo de Pero Meogo (véxanse tamén as cantigas 1205, 1206, 1208), en maior ou menor medida, está presente a rima asoante ou toante que se rexistra nun grupo significativo das cantigas de amigo (ou similares), todas elas de teor tradicionalizante. Véxanse diversas composicións de Don Denis (583, 584, 585, 586, 606, 609), Fernan Rodriguez de Calheiros (647), Nuno Fernandez Torneol (656), Joan Soarez Coelho (704), Afonso Sanchez (781), Paai Gomez Charinho (813, 839), Meendinho (848), Airas Nunez (864, 870), Roi Fernandiz de Santiago (903), Pero Gonçalvez de Portocarreiro (920, 922), Nuno Porco (1130), Joan Zorro (1161, 1163, 1165, 1166, 1167, 1168, 1169, 1170), Martin de Giinzo (1287, 1288, 1289, 1290, 1291), Martin Codax (1295, 1296, 1297, 1298, 1299, 1300).

  • 1-4

    A versión tradicional dos versos iniciais das estrofas I e II parte de Nunes, cunha estrutura cruzada que foi adoptada polos seguintes editores:
              [Levou-s’a louçana], levou-s’a velida (v. 1)
              Levou-s’a velida, [levou-s’a louçana] (v. 4).

    Porén, Cohen fai unha asisada proposta coa recuperación do texto a partir da cantiga dionisina que dialoga coa de Pero Meogo, de maneira que reintegra o v. 2 da composición de Don Denis como primeiro hemistiquio dos dous versos:
              [Levou-s’aa alva], levou-s’a velida (v. 1)
              [Levou-s’aa alva], levou-s’a louçana (v. 4).

    Por outra parte, os datos derivados da distribución de levar na acepción de ‘erguerse, levantarse’ fronte a (a)levantar suxiren que a forma levar tende a ser utilizada nas cantigas de amigo, talvez como máis unha reiterada marca arcaizante (véxase as cantigas 586, 656, 1204, fronte a dúas cantigas de amor –346, 381– e unha de escarnio –1507–), por máis que na cantiga 586 de Don Denis sexa utilizado levantar no xogo intertextual coa cantiga 1204 de Pero Meogo.

  • 2

    Nesta composición aparecen dúas voces con -n- intervocálico (fontana, vv. 2, 5, 7, 10; louçana, v. 4), en liña con outras (Granada, avelana, venia etc.) que se manifestan nas cantigas de amigo, sen dúbida como decoración arcaizante propia deste xénero (véxase Ferreiro 2008b), aínda que pode moi esporadicamente aparecer tamén noutro tipo de composicións (véxase 429.r8 e 473.4).

  • 3

    É relativamente frecuente no Cancioneiro da Vaticana a presenza da terminación -us en voces en que é xeral a terminación -os (<dus>); na realidade, esta grafía aparece case exclusivamente en formas verbais de P4 e nomes masculinos plurais. A súa esporádica presenza, limitada aos apógrafos italianos, mostra que é produto do desenvolvemento da abreviatura <9> en posición final, abreviatura herdada do latín, onde funcionaba como desinencia de nominativo nos nomes da segunda declinación, rematados en -us.

  • 11

    Mantemos a variación passou (v. 8) / passa (v. 11) na iteración paralelística similar a outras leves variacións que se producen nalgunhas composicións con leixa-pren, con diversos elementos afectados: nen / non (cantiga 659, vv. 11, 16), coitada / cuitada (cantiga 781, vv. 7, 13) etc. En certo modo, este tipo de variacións lembra ás leves mudanzas que se producen en composicións que repiten o primeiro e derradeiro verso das estrofas (véxase, por exemplo, a cantiga 1062, vv. 13, 18, ou a cantiga 1263, vv. 8, 14 e 22, 28); outrosí, esta variación deberá ser posta en relación coa frecuente mudanza que presentan múltiplas cantigas no refrán.

    Aínda máis: na cantiga 1205, tamén de Pero Meogo, asistimos á alternancia verbal non só é entre o pretérito liei (v. 13) e o antepretérito liara (v. 17), mais tamén, na última estrofa, coexisten o antepretérito liara (v. 22) unido copulativamente co copretérito asperava (v. 23).

  • 14

    No que di respecto á forma augua, produto do cruzamento da orixinal agua (do lat. aquam) e auga, con metátese de wau, é a única variante que se rexistra nas cantigas profanas, xa que só volve aparecer noutra composición de Pero Meogo (1208.8 e 11). De todos os xeitos, é forma relativamente frecuente no período medieval (véxase CGPA, s.v. augua, augoa).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado