I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 9-10 [= LPGP 951]); Littera (2016: II, 534).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 32-33); Carter (2007 [1941]: 2-3); Marques Braga (1945: 6-8); Machado & Machado (1949: I, 125-126); Arbor Aldea (2016b); Rios Milhám (2017: I, 66).
III. Antoloxías: Piccolo (1951: 9-10).
1 par] ꝑ B; razon] sazon AB 2 agora] ora B 3 vos] uos A; quererdes] queredes B 4 min] mj B 5 vos] uus A; vosco] uusco A 6 ca] que B 8 nen] Ben A 9 eno] no B 12 vos] uos A 13 no’me] nōme B 14 de vos] (e) de uos A : edeuꝯ B 15 ouvesse a] oessa B 16 nulla] nulla B 18 vos vejo aver] uꝯ eu ueiauer B 19 outr’ome] outomē B 20 sennor] senor A; ren] om. B 21 vos] uus A; vos ar desamar] uos ar dessamar A 22 ben o] Bēno B; vos] uos A 23 enquant’eu] en quāto B 28 vos] uos A 30 me] mj B 31 de veer] dau’ B; vos] uus A : uos B 32 me] mj B 33 en este mund’a ome] eeste mund ome A
3 vos] vus Michaëlis 5 vos] vus Michaëlis; vosco] vusco Michaëlis 10 vos] vus Michaëlis; sei] ei Michaëlis 12 vos] vus Michaëlis 13 no’me] non me Michaëlis : nom me Littera; ben o] ben-no Michaëlis; sei] hei Littera 14 vos] vus Michaëlis 15 ouvesse] ouvess(e) Michaëlis 18 vos] vus Michaëlis 20 vos] vus Michaëlis 21 vos] vus Michaëlis; vos] vus Michaëlis 22 ben o] ben-no Michaëlis; vos] vus Michaëlis 24 vos] vus Michaëlis 26 vos] vus Michaëlis 27 dé] dê Michaëlis, Littera 28 vos] vus Michaëlis 31 veer-vos] veer vos Michaëlis 33 en este] en-neste Michaëlis; ome outra] om(e) outra Michaëlis : hom'outra Littera
(I) Señora fermosa, por Deus, se vos fose grato, sería moi razoábel xa agora quererdes ter dó de min, porque, desde o mesmo intre que vos eu vin e que falei convosco, sábeo Deus, nunca desexei (recibir) un ben deste mundo a non ser o voso, (II) nin o desexarei no meu corazón en canto eu viva neste mundo, porque certamente vos amo máis que a cantas cousas existen no mundo; e ademais direivos unha cousa: nada me privará, eu ben o sei, de vos así amar non sendo a morte, (III) porque, sen dúbida, se diso me debese privar algunha cousa fóra a morte, miña señora, privaríame diso o moi gran gozo que vos vexo ter ao afastarme de vós moito máis que a outro home por iso; mais, miña señora, direivos unha cousa: non vos amo eu por vos desamar, (IV) crédeo ben, senón por vos servir moito en canto eu vivo for, e porque Deus vos fixo ser máis fermosa que calquera outra muller e mellor falar; e El, que vos tal fixo, se non me der algún ben de vós, señora, non me dea (tampouco) siso nin poder para vos desamar por iso, (1) pois eu sei ben, sen dúbida ningunha, que me será máis preciso vervos, miña señora, se iso vos prouguer, porque será o maior ben que neste mundo fai a un home outra muller.
Esquema métrico: 4 x 10a 10b 10b 10a 10c 10c 10a + 10d 10e 10e 10d 10e (= RM 161:99)
Encontros vocálicos: 2 ja‿agora; 15 end’ouvesse‿a; 33 ome‿outra
Sobre o carácter de verdadeira cantiga ateúda atá a fiinda desta composición (que en Michaëlis só presenta ligadas as estrofas I-II) véxase nota á cantiga 15.
A frecuente confusión <r>/<s>, e viceversa, explica o intercambio razon / sazon, que tamén se pode achar noutras pasaxes (por exemplo, en 1007.20 sazon <razon> V).
Nótese como a variante ora en B evitaría a sinalefa ja‿agora.
A omisión de <r> en B pode, nalgúns contextos, provocar unha aparente vacilación (errada con frecuencia) entre formas de presente e formas flexionadas de infinitivo ou de futuro subxuntivo; tal erro é relativamente frecuente nos apógrafos italianos: fazerdes vs. fazedes (529.17 V), tornardes vs. tornades (688.16 V), perderdes vs. perdedes (1232.24 B), guarirdes vs. guarides (1394.13 B), o mesmo que á inversa: falades vs. falardes (1227.14 B).
Nótese como se reitera a conxunción causal ca ao incluírse diversas cláusulas explicativas antes da causal: ca, ben de-la sazon / que vos eu vi e que vosco falei, / Deu-lo sabe, ca nunca desejei / ben deste mundo se o vosso non. Neste sentido, é evidente a proliferación da partícula ca ao longo da cantiga, quer como causal (nos vv. 4, 6, 10, 15, 29 e 32), quer comparativa (v. 19), quer completiva (v. 30).
A teor dos datos subministrados polos cancioneiros, as conxuncións que e ca son intercambiábeis tanto en función causal como completiva. En liñas xerais, existe certa preferencia por ca en A (fronte a BV): 66.6, 84.6 e 15, 92.27, 94.20, 142.28, 166.23, 167.18, 170.10 e 27, 177.14, 178.24, 179.19 e 26, 249.5, 276.r2, 317.16, 320.8, 355.3, 430.13, 812.3, 980.8, 981.19 e 26, 984.6, 995.7. Mais tamén encontramos a preferencia inversa (que A, ca B): 68.19, 84.6, 94.20, 221.9. E, finalmente, aínda entre os propios apógrafos italianos se encontra tal variación: ca B vs. que V (725.22 e 1102.5) e mais nas cantigas 655.14 e 984.r2 en que a primeira versión presenta ca face á segunda con que1 .
Nos textos transmitidos por A é frecuente a asimilación do adverbio non co pronome me ~ mi (> no’me ~ no’mi; cfr. a evolución regular -nm->-m-), face a BV que, en xeral, presentan a lección non me ~ non mi con manutención da integridade morfolóxica do adverbio negativo (90.9, 223.r2, 239.7, 243.14, 258.9, 283.10, 285.13, 421.5, 423.20, 430.8)2 . Na realidade, nos apógrafos italianos só se rexistra en tres ocasións (104.21, 906.12 e 1482.5). A diferenza dos demais editores, mantemos tal asimilación, que chega até hoxe (Ferreiro 1999: §101c).
Por outra banda, a coincidente lección de AB invalida a substitución sei > hei practicada en Littera.
Nótese a presenza da copulativa inicial en B (en A foi cancelada), a confirmar como, a partir do testemuño diverxente dos manuscritos se pode determinar con seguranza o carácter espurio da copulativa, feito que acontece con certa frecuencia, especialmente no inicio do verso. Véxase, entre outros, B vs. A (96.10, 128.14, 224.7, 241.22, 306.13, 312.5 e 13), A vs. B (129.28), A vs. BV (1236.10 e 16), B vs. V (851.12, 924.19, 950.7, 1631.7), V vs. B (740.10, 935.6, 1148.9). E noutros casos, a pesar da coincidencia dos testemuños, existen razóns sintácticas, métricas ou doutro tipo que aconsellan a antecitada expunción.
A variación ouvesse A ~ oess(e) B apaga as formas do tipo oer ~ ouer, oera, oesse. O radical xeral para os tempos de pretérito de aver é ouv-, como resultado da metátese de wau e fricativización de -b- a partir do radical latino habu-. Ora ben, -b- intervocálico tamén pode desaparecer (Ferreiro 1999: §54c), como mostran diversos resultados que proban esta evolución diverxente nos tempos de pretérito de aver. Para alén de ouer (10.18), así acontece coas formas oer, oera e oesse presentes no corpus, sempre a partir das leccións dos apógrafos italianos, por o Cancioneiro da Ajuda sempre presentar a forma ouver (e afíns): se mi-o logo a tolher oer / mia vezinha (11.27), se vos eu oesse desamor (23.13), mentr’eu vosso desamor oer (23.32), pois eu esto feito oer (29.19), mentr’oer esta senhor que oj’ei (38.9), U lhi conven, oera de tornar (45.8), quand’eu de vós oer / desamor (46.23), pois que lh’esto feit’oer (96.8), quen vos oer a desejar (107.18), pois end’o poder oer (561.6), farei eu por vós quanto fazer oer (725.26), poi-la dona seu amig’oer (759.15), pois eu oer / por mia senhor mort’a prender (1064.13). A estas ocorrencias aínda hai que lles acrecentar aqueloutras en que os apógrafos italianos presentan esta variante fronte ao resultado maioritario en A para alén da presente pasaxe: 64.4, 65.22, 68.11, 81.18, 141.6 (ouver A vs. oer B); 363.16 (ouver A vs. oer BV). Véxase tamén notas a 10.18 e 372.4. Cfr. notas a 130.23 e 534.4. Véxase Ferreiro (2016a: 119-127).
A utilización da grafía <ll> (vs. <lh>) para a lateral palatal sonora no corpus das cantigas só se rexistra esporadicamente nos cancioneiros apógrafos italianos no indefinido nulho/a; noutras voces a súa aparición é un fenómeno extraordinario, pois só se rexistran cinco ocorrencias dese tipo. Cfr. nota a 199.33.
Fronte a outras presenzas espurias de eu (véxase nota a 4.10-12), nótese a perfecta acomodación métrica do verso en B, coa incorporación do pronome de P1 e a crase <ueiauer> vej’aver.
O cancioneiro da Ajuda mostra unha clara preferencia pola forma ome face á variante omen, máis frecuente nos apógrafos italianos (mais véxase nota a 129.14). Deste xeito, nos textos transmitidos por A e por B, achamos con frecuencia a oposición ome / omen (68.1, 74.28, 85.5, 121.11, 129.27, 131.11, 132.24, 139.8, 164.2, 174.7). Véxase tamén nota a 559.9.
Cfr. o refrán da cantiga 947, de Joan Airas: mais, mia senhor, direi-vos u͂a ren: / pois eu vos vejo, muito vejo ben.
No Cancioneiro da Ajuda detéctanse algúns casos de confusión de sibilantes, probabelmente un fenómeno gráfico sen transcendencia fonolóxica. Igual que <dessamar> desamar neste verso, véxanse outras formas como <dessamparado> desamparado (317.21), <oussasse> ousasse (268.2, 275.4, 308.11, 313.8 e 346.3 <oussase>) e <oussen> ous’én (268.3), ou as repetidas <guissa> guisa e <guissada> guisada (72.27, 137.32, 140.1, 2 e 5, 146.19, 147.3, 150.4, 259.18, 409.8, 692.7), <pessar> pesar (90.21, 214.21, 395.9, 439.4 e 10, 441.6, 12 e 18), <quissesse> quisesse (199.27, 407.10), <quisso> quiso (407.11) e <quisser> quiser (71.18, 692.13). Véxanse tamén notas a 69.7, 80.10, 88.15 e 89.2.