841 [= RM 69,2]
Donas, fezeron ir d’aqui

Donas, fezeron ir d’aqui
o meu amig’a meu pesar,
e quen m’este mal fui buscar
guise-lhi Deus por end’assi:
que lhi venha, com’a mí ven,
pesar onde desejar ben,
e veja-s’en poder d’amor
que ren non lhi possa valer;
e quen este mal foi fazer
guise-lh’assi Nostro Senhor:
que lhi venha, com’a mí [ven,
pesar onde desejar ben],
ca o fezeron ir por mal
de mí e destes olhos meus;
e quen m’este pesar fez Deus
lhi mostre cedo pesar tal
que lhi venha, com’a mí ven,
[pesar onde desejar ben],
[e] venha-lhi pesar por én
de Deus ou de mí ou d’alguen.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20

Manuscritos


B 845, V 431

Após o refrán da primeira estrofa (vv. 5-6), os dous códices presentan o (aparente) inicio dun novo verso, que pareceria copia abreviada do primeiro verso do retrouso: <Quelhi> B, <quelhi> V.

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 223-224 [= LPGP 437]); Cohen (2003: 304); Littera (2016: I, 507).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 161); Braga (1878: 81); Machado & Machado (1953: IV, 164).
III. Antoloxías: Nunes (1959: 282).

Variantes manuscritas


7 veja-s’en] ueissasen B   8 non] no V   13 fezeron] fezom V   17 que lhi venha] Quelhi uenlhi uenha B   19 venha-lhi] Ven hali V

Variantes editoriais


9 este] [m]’este Cohen, Littera

Paráfrase


(I) Donas, fixeron ir de aquí o meu amigo a meu pesar, e a quen me foi buscar este mal fágalle Deus por iso así: que lle veña, como me vén a min, pesar alí onde desexe ben, (II) e que se vexa no poder do amor de modo que nada lle poida valer; e a quen este mal foi facer fágalle así Noso Señor: que lle veña, como me vén a min, pesar alí onde desexe ben, (III) porque o fixeron irse por mal de min e destes meus ollos; e a quen me provocou este sufrimento que Deus lle mostre axiña tal pesar que lle veña, como me vén a min, pesar alí onde desexe ben, (1) e que por iso lle veña pesar de Deus ou de min ou de alguén.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 8a 8b 8b 8a 8C 8C + 8c 8c (= RM 160:349)

Notas


Texto
  • *

    Consideramos esta composición como unha verdadeira cantiga ateúda atá a fiinda, con ligazón sintáctico-discursiva entre as súas estrofas, aínda que non fose incluída na relación de ateúdas de Gonçalves (2016 [1993]: 269-270), nin fose así considerada nas precedentes edicións. As estrofas I-II presentan ligazón copulativa, e as estrofas II-III ofrecen unión causal. Cfr. nota á cantiga 15.

  • 3

    A forma fui, xeral como PI de pretérito de seer (e de ir), é tamén forma de P3: a pesar de que en xeral se estabelece unha oposición P1 / P3, fui (< fŭī) / foi (< fŭĭt), pola acción metafónica de -ī final nalgúns pretéritos fortes (cfr. tamén fiz vs. fez, sive vs. seve, tive vs. teve etc.), foi pode ser tamén resultado de P1, o mesmo que fui aparece esporadicamente como forma de P3 (sen efecto metafónico, por tanto, ou con xeneralización analóxica de unha ou outra persoa).

  • 3-4

    Nótese o anacoluto, coa ausencia da preposición a: «e (a) quen m’este m’este mal fui buscar guise-lhi Deus...». Véxase nota aos vv. 9-10 e 15-16.

  • 8

    Non é imprescindíbel integrar no verso o pronome me (e quen [m]’este mal foi fazer), como fixo Cohen (e Littera) por mor dos versos paralelos das estrofas I (e quen m’este mal fui buscar, v. 3) e III (e quen m’este pesar fez Deus, v. 15). A variación fui (v. 3) / foi (v. 9) e a que ás veces se produce no refrán problematizan unha nivelación que non é necesaria para o sentido da cantiga.

  • 9-10

    Nótese o anacoluto, coa ausencia da preposición a: «e (a) quen este mal foi fazer guise-lh’...». Véxase nota aos vv. 3-4 e 15-16.

  • 15-16

    Nótese o anacoluto, coa ausencia da preposición a: «e (a) quen m’este pesar fez Deus lhi mostre...». Véxase nota aos vv. 3-4 e 9-10.

  • 19

    É relativamente frecuente a omisión da copulativa inicial de estrofa (e de verso) ou de fiinda nos manuscritos, que nos permite neste caso restaurar a isometría versal. Casos semellantes, en fiindas, documéntanse en 274.19, 287.19, 398.22, 527.19, 578.19, 581.19, 633.22, 1019.22, 1020.19, 1051.19, 1057.19.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado