725 [= RM 60,2]
Amiga, por Deus vos venh’ora rogar

Amiga, por Deus vos venh’ora rogar
que mi non querades fazer perdoar
ao meu amigo, que mi fez pesar,
e non mi-o roguedes, ca o non farei
atá que el venha ante mí chorar:
porque s’as[s]anhou, non lhi perdoarei.
Por quanto sabedes que mí quer servir
máis que outra ren, quero-lho gracir;
mais eu non lho quero por én consentir,
e non mi-o roguedes, ca o non farei
atá que el venha mercee pedir:
porque s’as[s]anhou, [non lhi perdoarei].
Gran pesar lhi farei, non vistes maior,
porque non guardou min nen no meu amor
e en filhar sanha ouve gran sabor,
e non me roguedes, ca o non farei
atá que el sença ira de senhor:
porque s’as[s]anhou, [non lhi perdoarei].
E, porque sei ben que non pode viver
u el non poder os meus olhos veer,
farei-lh’eu que veja qual é meu poder,
e non me roguedes, ca o non farei
atá que eu veja que ja quer morrer:
porque s’as[s]anhou, non lhi perdoarei.
Mais, pois que el todo aquesto fezer,
farei eu por vós quanto fazer oer,
mais ante per ren non lhi perdoarei.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 

Manuscripts


B 710, V 311

Editions


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 129-130); Cohen (2003: 195); Víñez Sánchez (2004: 163 [= LPGP 361]); Littera (2016: I, 413-414).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 125); Braga (1878: 60); Machado & Machado (1952: III, 395-396).
III. Antoloxías: Torres (1977: 530-531); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 74).

Manuscript variants


1 vos] uos BV; rogar] trogar B : arogar V   2 mi] mī V   3 ao] nō B   4 roguedes] iroguedes B; ca] da V   5 atá] atta BV   6 s’as[s]anhou] uā sanhou V; non] nou B   8 quero] q̅re BV; gracir] gracir B : gracr V   9 quero] ām V   10 roguedes] ssoguedes B; farei] fa pey V   11 venha] uēnha BV   12 as[s]anhou] asan nhou B : asannhou V   14 guardou] gaurdou B : gauidou V; nen no meu] uēmo me B : nēno meq̅ V   15 e en] sem V; gran] grā gm̄ B : grāgir V   17 atá] ara V; sença ira] senta hira B : senta bira V   21 farei] fare V   22 ca] q̅ V   23 eu veja que ja quer morrer] el senta hira de senhor B   24 s’as[s]anhou] sꝯ sanhou V   25 todo aquesto] teda q̅sto B : toda aquesto V   26 oer] oej̄ V   27 per ren] por rrem BV; perdoarei] rerdoarey B

Editorial variants


Nunes non considera a existencia do refrán intercalar nesta cantiga, xa que incorpora o cuarto verso ao corpo da estrofa.

2 querades] queirades Nunes   5 atá] ata Víñez Sánchez   8 quero-lho gracir] quero-lho [eu] gracir Nunes : quer’ e[u] lho gracir Cohen : quero-lho e[u] gracir Littera   11 atá] ata Víñez Sánchez   14 min] mi Nunes; no] o Nunes, Cohen, Víñez Sánchez, Littera; meu] me[u] Víñez Sánchez   16 me] mi-o Nunes : mho Cohen : mi o Littera   17 atá] ata Víñez Sánchez; sença] senç’a Nunes   22 me] mi-o Nunes : mho Cohen : mi o Littera   23 atá] ata Víñez Sánchez   25 el] el[e] Cohen; todo aquesto] tod’aquesto Nunes, Cohen, Víñez Sánchez; fezer] fezer farei Nunes   26 farei] om. Nunes; quanto] quanto [a] Nunes   27 per ren] por ren Nunes, Cohen, Littera : por rrem Víñez Sánchez

Paraphrase


(I) Amiga, por Deus vos veño agora rogar que non me queirades facer perdoar ao meu amigo, que me causou pesar, e non mo roguedes, pois non o farei até que el veña ante min chorar: porque se asañou, non lle perdoarei.

(II) Por canto sabedes que me quere servir a min máis que calquera outra cousa, quero agradecerllo; mais eu por iso non llo quero consentir, e non mo roguedes, pois non o farei até que el veña pedir mercé: porque se asañou, non lle perdoarei.

(III) Causareille un gran pesar, non o vistes maior, porque non velou por min nin polo meu amor e ao asanharse sentiu gran satisfacción, e non me roguedes, pois non o farei até que el sinta a ira de señora: porque se asañou, non lle perdoarei.

(IV) E porque sei ben que el non pode vivir onde non puider ver os meus ollos, fareille eu ver cal é o meu poder, e non me roguedes, pois non o farei até que eu vexa que xa quere morrer: porque se asañou, non lle perdoarei.

(1) Mais, despois de que el todo isto fixer, farei eu por vós canto teña que facer, mais antes por nada do mundo lle perdoarei.

Metrics


Esquema métrico: 4 x 11a 11a 11a 11B 11a 11B (= RM 13:3)

Encontros vocálicos: 3 a·o; 4 mi͜-o; 8 má·is; 10 mi͜-o

Notes


Text
  • 2

    En face de Nunes, mantemos o querades da lección manuscrita por se tratar da forma etimolóxica do presente subxuntivo de querer (< quaeram, quaeras etc.), forma minoritaria con presenza indubitábel na lingua medieval e no corpus poético trobadoresco. Cfr. nota a 73.16.

  • 4

    No primeiro verso do refrán percíbese unha significativa variación entre as estrofas I-II (mi-o) e as estrofas III-IV (me), coa presenza do complemento directo nas dúas primeiras. Cfr. nota a 27.4.

  • 7

    A consideración de como complemento directo sen preposición, tal como as formas pronominais oblicuas tónicas poden funcionar na lingua trobadoresca, para alén de razóns rítmicas, xustifícase «pola estrutura comparativa en que aparece contrastado con “outra ren”» (Monteagudo 2019: 113).

  • 8

    A posibilidade de contaxe bisilábica de mais (Ferreiro 2016c) fai desnecesarias as diversas emendas dos editores neste verso, todas elas inducidas polo aparente problema de hipometría.

  • 13

    A expresión fraseolóxica non vistes maior reitera a súa aparición, sempre en rima, en 1596.2 e mais no refrán de 1625; esta expresión é simétrica de non ~ nunca vistes melhor ~ milhor (1493.2, 1595.10), e ambas aparecen nas Cantigas de Santa Maria así como na produción prosística (véxase CGPA). En calquera caso, son frases do repertorio formulístico, expresións exclamativas con valor ponderativo.

  • 14

    Nótese a aparición do pronome persoal tónico min, en función de CD de guardou, sen preposición a, igual que os restantes pronomes tónicos oblicuos (ti, el(as), nós, vós), que poden presentar idéntico comportamento (cfr. nota a 4.9).

    Por outra parte, no meu amor é tamén, coordinado con min, CD de guardar, por máis que apareza a variante do artigo no tras a consoante nasal de nen, por un proceso de asimilación progresiva (nec ĭllum > nen lo > nen no) que xerou un alomorfo que se rexistra con frecuencia na lingua trobadoresca (véxase Glosario, s.v. no1) e que nesta cantiga foi anulado en todas as edicións precedentes. Cfr. nota a 25.8.

  • 17

    A P1 do presente de indicativo e o presente de subxuntivo de sentir presenta na lingua trobadoresca a raíz senç-, como produto da evolución de [tj] a partir da conxugación latina: sĕntĭō > senço; sĕntĭam > sença etc. Porén, a diferenza doutros verbos similares con alternancia (cfr. dormir, por exemplo, coas variantes dórmio e dormo), na lingua trobadoresca non se rexistra a variante sento, talvez porque a súa consolidación antes do definitivo paso a sinto foi tardía, tal como parece demostrar o feito de que no CGPA só se rexistren dúas ocorrencias cronoloxicamente contemporáneas á lírica:

    eu ffrey Pero Eanneſ, mõge τ çelareyro τ procurador ſobredito, sento τ teño τ creo que o abbade τ o conuẽto τ o moſteyro ſobreditos ſon agrauados contra dereyto τ contra rrazõ per uos (doc. de 1289, Tui);

    Saban todos quantos esta manda e testamento virem que eu Marina Viçente moller de Pero eannes dito choupeiro jazendo doente de door do que me sento agravada (doc. de 1342, Baiona).

  • 22

    Repárese na variación que / ca presente nas lección de B e V, que incide no carácter intercambiábel que mostra esta conxunción tanto en función causal como completiva ou integrante, e que volve aparecer en 1102.5 e mais nas cantigas 655.14 e 984.r2, en que a primeira versión presenta ca face á segunda con que1 . En liñas xerais, na lingua das cantigas existe certa preferencia por ca en A (fronte a BV): 66.6, 84.15, 92.27, 94.20, 142.28, 166.23, 167.18, 170.10 e 27, 177.14, 178.24, 179.19 e 26, 249.5, 276.r2, 317.16, 320.8, 355.3, 430.13, 812.3, 980.8, 981.19 e 26, 984.6995.7. Mais tamén encontramos a preferencia inversa (que A, ca B): 68.19, 84.6, 94.20, 221.9.

  • 26

    Eis outra documentación da forma de futuro de subxuntivo oer (cfr. nota a 10.18), que se suma ás demais existentes nas cantigas, xunto co antepretérito oera e o pretérito de subxuntivo oesse. Estas variantes diverxentes de ouvera, ouvesse e ouver só se rexistran nos apógrafos italianos, por o Cancioneiro da Ajuda sempre presentar a forma ouver (e afíns): se mi-o logo a tolher oer / mia vezinha (11.27), se vos eu oesse desamor (23.13), mentr’eu vosso desamor oer (23.32), pois eu esto feito oer (29.19), mentr’oer esta senhor que oj’ei (38.9), U lhi conven, oera de tornar (45.8), quand’eu de vós oer / desamor (46.23), pois que lh’esto feit’oer (96.8), quen vos oer a desejar (107.18), pois end’o poder oer (561.6), poi-la dona seu amig’oer (759.15), pois eu oer / por mia senhor mort’a prender (1064.13).

    O radical xeral para os tempos de pretérito de aver é ouv-, como resultado da metátese de wau e fricativización de -b- a partir do radical latino habu-. Ora ben, o -b- intervocálico tamén pode desaparecer (Ferreiro 1999: §54c), como mostran diversos resultados que proban esta evolución diverxente nos tempos de pretérito de aver (véxase Ferreiro 2016a: 119-127). Véxase nota a 372.4.

  • 27

    Todos os editores mantiveron a lección por ren dos manuscritos, que debe ser produto dunha confusión de copia, pois contrasta vivamente cos numerosísimas ocorrencias deste sintagma na lingua trobadoresca, sempre coa forma per ren. Cfr., neste sentido, outra aparición de por ren en B, en face de V, que presenta a forma correcta (1088.18).

  1. ^

    Resultan tamén significativas algunhas correccións e/ou vacilacións, como as de 530.4 (<(qu) ca> B) e 1450.17 (<ca que> B, <ca > V), así como o erro de copia de A en 414.r1 (<que / ca> A, <> B, <que> V).

Search
    No results