119 [= RM 115,10]
Quantos aqui d’Espanna son

Quantos aqui d’Espanna son
todos perderon o dormir
con gran sabor que an de s’ir;
mais eu nunca sono perdi
des quando d’Espanna saí,
ca mi-o perdera ja enton.
E eles, si Deus me perdon,
desejan sas terras assi
que non dormiron muit’á i;
mais, pois i foren, dormirán,
ca non desejan al nen an
outra coita se esta non.
E estou end’eu mui peor,
que coid’i a perder o sén,
desejando sempr’aquel ben
do mundo máis grave d’aver,
como desejar ben-fazer
da mui fremosa mia sennor.
E, de pran, ést’est’o maior
ben que oj’eu posso saber;
e Deus, que mi-a fez ben querer,
se m’este ben quisesse dar,
non me cuidari’a cambiar
por rei nen por emperador.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 

Manuscritos


A 33, B 148

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 73-74); Vallín (1995b: 167-169 [= LPGP 732]); Littera (2016: II, 235).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 58-59); Carter (2007 [1941]: 22); Marques Braga (1945: 70-71); Machado & Machado (1949: I, 214-215); Arbor Aldea (2016b); Rios Milhám (2017: I, 119).
III. Antoloxías: Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 169); Diogo (1998: 40).

Variantes manuscritas


2 perderon] perderan B   7 eles, si Deus me] cies sed’s mj B   8 sas terras] saz tirās B   13 E] om. B   14 coid’i] cuidi B   16 grave] g̃ne B   19 ést’est’o] e esto B   21 mi-a] me B

Variantes editoriais


9 muit’á i] muit’aí Michaëlis, Vallín   10 dormirán] dormiran Michaëlis, Vallín   14 coid'] cuid' Littera   21 mi-a] mi-á Vallín   19 ést’est’o] est’ est o Michaëlis   23 cuidari’a] cuidaria Michaëlis, Vallín, Littera

Paráfrase


(I) Cantos aquí de España son todos perderon o durmir co gran desexo que teñen de se ir; mais eu nunca perdín o sono desde que saín de España, porque xa daquela o perdera.

(II) E eles, así Deus me perdoe, desexan tanto (voltar ás) súas terras que non durmiron desde hai moito por iso; mais, despois de que a alí vaian, durmirán, porque non teñen outro desexo nin teñen outra coita fóra desta.

(III) E nese aspecto eu estou moito peor, e penso que vou tolear, desexando sempre aquel ben que é o máis custoso de obter do mundo, como é desexar o favor da miña moi fermosa señora.

(IV) E, sen dúbida, é este o maior ben que hoxe eu podo imaxinar; e se Deus, que ma fixo amar, me quixese este ben dar, non pensaría eu en me cambiar por rei nin por emperador.

Métrica


Esquema métrico: 4 x 8a 8b 8b 8c 8c 8a (= RM 189:34)

Encontros vocálicos: 6 mi-‿o; 21 mi-‿a; 23 cam·bi͜ar

Notas


Texto
  • 1

    Lémbrese que Espanha no período medieval indicaba a Hispania, isto é, toda a Península Ibérica, cos diversos reinos, linguas e culturas.

  • 9

    O adverbio é de aparición posterior ao período medieval, razón pola cal a lectura de Vallín é errada, xa é que necesario discriminar a forma verbal á do adverbio i (cfr. muit’á i que ouvera sabor, 289.4; muit’á i [j]a gran peça, 629.7).

  • 17

    A conxunción como cumpre neste verso a función de introducir un infinivo explicativo, facéndoo equivaler a ‘isto é’ (só se rexistra en 42.4, 87.8, 119.17, 167.11, 196.13, 220.11, 547.13, 638.3 e 861.13).
    Por outra parte, a formación nominal ben-fazer ‘beneficio, auxilio, favor’, derivada do correspondente sintagma tan frecuente na cantiga de amor, non é considerada por Vallín, tal como se deduce da grafía (ben fazer) e mais da tradución correspondente. De calquera maneira, o mesmo substantivo pode verse, en formulación singular e plural, noutras obras da última Idade Media, como na Crónica de D. Fernando:

    e as rrendas eram postas em seu poder, afora muitos herdamentos moviis e de rraiz e muito bem-fazer da rrainha sua irmãa (Macchi 2004: 355-356)

    Tamén no Livro das Confissões, en plural:

    ca veemos que alguu͂s synaaes dan largamente aos que lhe pormeten en grandes bem fazeres (Martín Pérez 2012-2013: 367).

  • 23

    A diferenza de Michaëlis, Vallín e Littera segmentamos a preposición a como elemento que liga cuidar co infinitivo (cuidari'a cambiar), dado que esta é a construción maioritaria na lingua trobadoresca.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado