I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 659 [= LPGP 673]); Littera (2016: II, 175-176).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 14); Machado & Machado (1949: I, 60); Rios Milhám (2017: I, 19).
III. Antoloxías: Fernández Pousa (1951: 102).
1 Dizer-vos] Diz ernꝯ B 7 querran] que\i/ram B 8 queren gran] que tam gram B 9 com’eu vos] comenuauos B 10 vós] nos B; nen esto nen al] nō esto neu al B
1 vos] vus Michaëlis 2 vos] vus Michaëlis 3 dé] dê Michaëlis, Littera 4 vos] vus Michaëlis 8 gran ben a] tan gran ben Michaëlis : tam gram bem Littera 9 vos] vus Michaëlis
(I) Quero dicirvos, miña señora, de que maneira vos amo, e que Deus non me conceda o voso ben se vos eu minto sobre algunha cousa: (II) cantos homes hai hoxe no mundo, e houbo e haberá, nunca amaron nin amarán nin aman ningunha muller tanto (III) como eu vos amo, mais nin isto nin outra cousa me é de axuda convosco.
Cantiga de amor, do tipo de mestría. Consta de dúas estrofas singulars de catro octosílabos agudos e fiinda de dous versos da mesma medida e carácter.
Esquema métrico: 2 x 8a 8b 8b 8c + 8d 8d
Non é descabido pensar que esta cantiga, cunha estrutura métrica estraña, estea talvez incompleta ou se conservase fragmentaria. É por isto que en Brea (1996: 673-674), seguindo a opinión de Resende de Oliveira, se considera que o texto pertence a dúas diferentes cantigas: a primeira (Tav 103,1) estaría constituída polos vv. 1-4, mentres que a segunda (Tav 103,3bis) estaría composta polos seis restantes.
Pola súa parte, Montero Santalha (2000: 244) reestrutura metricamente o texto, con algunhas importantes emendas editoriais, para acomodar a estrutura rimática:
Dizer-vos quer’ eu, mià senhor, | de qual guisa vos quer’ eu bem
(e Deus non me [dê] de vós bem
se vos mentir de nulha rem):
quantos hoje no mundo som, | nem forom nem jamais serám,
nunca quiserom nem querrám
nunca tam gram bem a molher | com’ eu a vós. E nom me val
contra vós nem esto nen al.
Canto á nosa edición, sen indicación obxectiva no cancioneiro de se tratar de dúas cantigas diferentes, optamos por respectar a lección do manuscrito; porén, a teor da estrutura métrico-rimática, consideramos a existencia de dúas estrofas con dous versos finais a modo de fiinda. Por outra banda, tal e como fica esta cantiga, a ligazón sintáctica e discursiva fai que probabelmente, como cantiga completa, fose unha cantiga ateúda.
A ausencia da preposición de prodúcese por un erro evidente de copia (haplografía).
É frecuente a grafía <ir> (= <rr>) nos apógrafos italianos, especialmente en B. Esta, que se rexistra con moita frecuencia no verbo morrer, crea, por veces, problemas interpretativos con outras formas, como querra / queira, como aquí se verifica (véxase Tavani 1963).
Perante a hipermetría, Michaëlis e Littera expunxiron a preposición a nunha construción que, malia ter uso no corpus (cfr., por exemplo, non cuido que oj’ome quer / tan gran ben no mund’a molher, 594.6-7), é máis frecuente sen preposición (así, por exemplo, Ome que gran ben quer moller / gran dereit’á de trist’andar, 68.1-2). Porén, ao emendarse o texto manuscrito <que tam> en queren, desaparece o teórico intensificador tan, podendo, así, conservarse o enlace preposicional.