643 [= RM 47,2]
Agora ven o meu amigo

Agora ven o meu amigo
e quer-se log’ir e non quer migo
estar:
ave-l’-ei ja sempr’a desejar.
Nunca lho posso tanto dizer
que o comigo possa fazer
estar:
ave-l’-ei ja [sempr’a desejar].
Macar lho rogo, non mi á mester,
mais que farei, pois migo non quer
estar?
Ave-l’-ei [ja sempr’a desejar].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 

Manuscritos


B 628, V 229

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 60-61 [= LPGP 313-314]); Cohen (2003: 113); Littera (2016: I, 364).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 89); Braga (1878: 46); Machado & Machado (1952: III, 285).
III. Antoloxías: Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 62).

Variantes editoriais


1 ven] vẽ[o] Nunes, Cohen

Paráfrase


(I) Agora vén o meu amigo e quérese ir logo e non quere estar comigo: xa por sempre o hei de desexar.

(II) Nunca llo podo tanto pedir que comigo o poida facer estar: xa por sempre o hei de desexar.

(III) Aínda que llo rogo, non me vale de nada, e que hei de facer, pois comigo non quere estar? Xa por sempre o hei de desexar.

Métrica


Esquema métrico: 8’a 8’a 2B 9B (I [cfr. RM 37:51]) + 9a 9a 2B 9B (II-III [= RM 37:50])

Encontros vocálicos: 1-2 amigo/e; 9 miá

 

Notas


Texto
  • *

    Esta composición presenta un esquema métrico singular, moi similar ao da cantiga 642, tamén de Fernan Rodriguez de Calheiros. Con esta comparte o verso bisilábico no refrán, que foi isolado xa desde as primeiras edicións, a pesar de nos cancioneiros aparecer copiado como se fose un único verso.

  • 1

    Fronte a Nunes e Cohen, que consideran a existencia dun erro de copia no verso (<uen o>/<uẽo o>) para nivelar metricamente a cobra, consideramos que a unánime lección dos cancioneiros achega a versión certa, xa que temporalmente é o presente o tempo que resulta coherente coa adverbio agora. Véxase como os diversos contextos en que aparece envolto o verbo viir sempre aparece o presente ven cando precedido do adverbio ora/agora: tan muito mal como m’agora ven (116.11); que da morte, que m’ora ven (232.13); per u eu foss’, e ora ven (601.r2); e meu bon talh’e ora ven (758.20); peor do que m’ora ven (896.8); e ora ven e praz én muit’a mí (1022.3). A única excepción aparece en 658.5:

    E sempr’eu punhei de lhi mal fazer
    mais, pois ora vẽo por me veer,
    madre, [per bõa fe, leda m’and’eu].

    En última instancia, ven tamén pode ser a variante minoritaria da P3 do pretérito de viir, con evolución foneticamente regular do lat. uēnit  (as formas med. vẽo ~ veo, mod. veu / veio son analóxicas), que aínda se conserva nalgunha rexión galega.

    Do punto de vista métrico, coa lección dos manuscritos desaparece o problema de medida se considerarmos a equivalencia métrica 8’-9 (pola lei de Mussafia), de xeito que se podería considerar a existencia dunha episinalefa amigo/‿e nos vv. 1-2, ou, alternativamente, omitir a conxunción copulativa inicial do verso.
    De todos os modos, o erro aven / avẽo pode verse, por exemplo, nas Cantigas de Santa Maria

    Mas hũa dona de França, cega, per quant’aprendi,
    romỹa a Santiago foi, mas avẽ[o]-ll’assy
    que non sãou de sa ida que sol podesse veer (CSM 278.20).

  • 9

    A conxunción concesiva macar, de orixe grega, é case exclusiva do rexistro poético, tal como se deduce do seu uso frecuente na poesía trobadoresca profana e da súa alta frecuencia nas Cantigas de Santa Maria. A súa aparición noutro tipo de textos é moi escasa (véxase CGPA, s.v. macar).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado