863 [= RM 73,9]
Vistes tal cousa, senhor, que mi aven

Vistes tal cousa, senhor, que mi aven
cada que venho convosco falar?
Sol que vos vejo, log’ei a cegar
que sol non vej’, e, que vos venha ben,
pois mi assi cega vosso parecer,
se cegu’assi quantos vos van veer!
Ceg’eu de pran daquestes olhos meus
que ren non vejo, par Deus, mia senhor,
atant’ei ja de vos veer sabor
que sol non vej’, e, que vos valha Deus,
pois mi assi cega [vosso parecer,
se cegu’assi quantos vos van veer!]
Vosso parecer faz a min enton,
senhor, cegar tanto que venh’aqui
por vos veer, e log’eu ceg’assi
que sol [non] vej’, e, que Deus vos perdon,
pois mi assi cega [vosso parecer,
se cegu’assi quantos vos van veer!]
E, pois eu cego, Deus, que o poder
[á, cegu’assi] quantos vos van veer!
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20

Manuscritos


B 867, V 453

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1972 [1932]: 281-282); Finazzi-Agrò (1979: 131 [= LPGP 482]); Littera (2016: I, 563-564).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 168); Braga (1878: 86); Machado & Machado (1953: IV, 197-198).
III. Antoloxías: Pena (1990: 55-56); Sansone (1990: 330); Alonso Girgado (1992: 83); Pena (1993: 122-123); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 108).

Variantes manuscritas


2 cada] tada BV   3 vos] uos B : ues V   4 vos] uos B : nos V; ben] rem V   6 vos] uos BV; van] nam V   7 Ceg’eu] Cogueu B   8 ren] iren B; senhor] senõ V   9 vos] uos BV   10 vej’e] ueio V; vos] uos BV   13 parecer] parez̃ V   14 senhor] senõ V; cegar] ccgar B   15 vos] uos BV; e] a B; eu] er V   16 vej’, e] ueia BV; vos] uos BV   19 o] a B   20 quantos] qūatcs B; vos] uos BV

Variantes editoriais


4 vej’, e] vejo Nunes   10 vej’, e] vejo Nunes   15 veer] ver Nunes; eu] er Nunes   16 vej’, e] vejo Nunes   19-20 Deus, que o poder / [á, cegu’assi] quantos vos van veer!] Deus, que o poder [ten, ceg’ assi] quantos vos vam veer? Nunes : Deus, que á poder, / [non ceg’assy] quantos vos vam veer! Finazzi-Agrò : Deus, que há poder, / [que ceg’assi] quantos vos vam veer! Littera

Paráfrase


(I) Vistes, señora, que cousa tal me acontece cada vez que veño falar convosco? Só con vos ver, logo hei de cegar (de xeito) que non vexo nada, e, así vos veña ben, pois así me cega a vosa beleza, así cegue do mesmo modo a cantos vos van ver!

(II) Eu cego sen remedio destes meus ollos e non vexo nada, por Deus, miña señora, tanto pracer teño en vervos que non vexo nada, e, que Deus vos valla, pois así me cega a vosa beleza, así cegue do mesmo modo a cantos vos van ver!

(III) A vosa beleza faime entón, señora, cegar tanto que veño aquí por vos ver e cego logo de xeito que non vexo nada, e, que Deus vos perdoe, pois así me cega a vosa beleza, así cegue do mesmo modo a cantos vos van ver!

(1) E, pois eu cego, Deus, que ten o poder, cegue a cantos vos van ver!

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C + 10c 10c (= RM 160:126)

Encontros vocálicos: 1 miaven; 5 miassi; 11 miassi; 17 miassi

Notas


Texto
  • 4

    Ao longo desta cantiga, en versos simétricos nas tres estrofas (vv. 4, 10, 16), evidénciase a presenza de tres frases formularias integradas na liña discursiva da composición: que vos venha ben (v. 4), que vos valha Deus (v. 10), que Deus vos perdon (v. 16).

  • 6

    Interpretamos a partícula se (de sīc con cruzamento coa conxunción condicional se) do segundo verso do refrán como adverbio modal equivalente a assi en frases optativo-desiderativas (véxase 177.10, 188.11, 202.2 etc.; cfr. Glosario, s.v. se3). A súa aparición nos contextos indicados crea unha repetición con assi (se cegu’assi...), ao tempo que impón a interpretación da forma verbal como presente de subxuntivo: ‘así a vosa beleza cegue do mesmo modo a quantos vos van ver’.
    No entanto, a interpretación nas edicións precedentes é diversa, por canto Nunes supón un verbo dicendi (‘dizei se cega assi...’), e Finazzi-Agrò interpreta se como pronome, tal como se percibe na tradución ao italiano: “giaché così mi acceca il vostro sembiante, se acceca così quanti vi vedono!”. Porén, esta proposta presenta problemas, por canto cegar non presenta usos pronominais no corpus, ao tempo que sería anómala a próclise do pronome se na cláusula.

  • 16

    A métrica e a simetría cos vv. 4 e 10 impón a reintegración do adverbio non, ausente na copia de BV.
              que sol non vej’, e, que vos venha ben (v. 4)
              que sol non vej’, e, que vos valha Deus (v. 10)
              que sol [non] vej’, e, que Deus vos perdon (v. 16).

    Considérese, ademais, que a omisión dun elemento de escaso corpo fónico como non é relativamente frecuente ao longo dos cancioneiros, nomeadamente dos apógrafos italianos: 34.7, 63.12, 380.13, 494.31, 590.13, 783.12 etc.

  • 20

    A lacuna inicial do derradeiro verso da fiinda e da composición aconsella unha reconstrución –conxectural– que vaia en consonancia coa composición e en liña co refrán, tal como mostra o texto transmitido polos cancioneiros italianos. É por isto que xulgamos ser Deus o necesario suxeito do v. 20, feito que aconsella a nosa proposta textual, baseada na lección de V, por máis que o texto subministrado por B tamén permite reconstrucións lexítimas. Neste sentido, a opción de Nunes é diverxente só na utilización do verbo teer en vez do xeral aver da expresión que á (end’)o poder referida a Deus.
    Por súa parte, Finazzi-Agrò, a partir de B, opta por mudar radicalmente a liña discursiva da cantiga coa introdución do adverbio de negación que atinxe a cegar:
              E poys eu cego, Deus, que á poder,
              [non ceg’assy] quantos vos vam veer!
    Finalmente, a reconstrución de Littera tamén parte de B e introduce unha conxunción inicial, de carácter desiderativo, no verso final:
              E pois eu cego, Deus, que há poder,
              [que ceg’assi] quantos vos vam veer!
        De calquera xeito, ao introducir unha secuencia conxectural existen aínda outras posibilidades reconstrutivas; neste sentido, con repetición literal do refrán (inhabitual na fiinda) tamén ficaría un texto coherente no epifonemático final da cantiga acollendo a lección de B para o v. 19:
              E, pois eu cego, Deus, que á poder
              [se cegu’assi] quantos vos van veer!

Buscar
    Non se atopou ningún resultado